Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Jesús Vázquez FOTO: Axencias |
A Consellería de Educación contratou dúas empresas para realizar a súa consulta sobre o uso do galego no ensino, puntualizou onte o titular do departamento, Jesús Vázquez, despois de recoñecer que o escrutinio dese referendo o realizaba un ente privado e non o persoal da propia consellería, como asegurou o conselleiro nun principio. Ao parecer, segundo a Mesa pola Normalización Lingüística, a empresa encargada do escrutinio é de Valencia.
O que Vázquez non aclarou aínda é se as papelestas se atopan nas dependencias do departamento - "nunha cantidade de caixas perfectamente ordenadas", como dixo a primeiros de xullo- ou foron trasladadas pola empresa que as traballa.
Para o BNG, o feito desta privatización da consulta é "sorprendente". "Será que se reduce tanto a administración autonómica que non queda quen poida facer unha cousa tan difícil como tabular unhas enquisas" manifestou o portavoz da organización, Guillerme Vázquez, ironizando coa redución de cargos prometida por Núñez Feijóo á súa chegada Xunta.
Pola súa banda, o secretario da CIG-Ensino, Anxo Louzao, cualificou de"irónico" que a Consellería de Educación lle encargue a unha empresa "privada" e "de fóra de Galicia" para tramitar e presentar os resultados da enquisa dos pais sobre o uso do idioma nas aulas do país.
A xuízo de Louzao, este feito "deslexitima todo o proceso", xa que desde a Administración "non se deron datos" sobre a devandita contratación. "Isto é un cúmulo de despropósitos desde principio ao final, cuxo obxectivo último é expulsar o galego do sistema educativo. Non cumpriron requisitos nin metodoloxía, nin contraste, nin transparencia, e o colmo é a contratación dunha empresa privada sen ningún tipo de publicidade, sen contraste nin transparencia", criticou.
Concretamente, lamentou que, "a pesar da austeridade" que pide a Xunta de Galicia, Educación gaste "máis de 300.000 euros" no proceso de recompilación de datos dunha enquisa e que, en lugar de "destinar o diñeiro a situacións necesarias, o destine agrupamento de alumnos ou a reducir persoal das Escolas Oficias de Idiomas". "Ese diñeiro debería estar en beneficios para o sistema educativo", esixiu.
Educación reprende a GB
Por primeira vez, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, reprendeu unha iniciativa de Galicia Bilingüe. Trátase do chamamento á desobediencia legal realizado pola asociación para mercar en castelán os libros das materias que deben impartirse en galego. Para Vázquez, "non ten sentido neste momento" o chamamento ao existir unha normativa que debe observarse.Galicia Bilingüe, que contou co apoio de Alberto Núñez Feijóo, nalgúns dos seus actos cando era candidato á Xunta, lembra na súa web que o agora presidente incumpriu a promesa de derrogar o Decreto do galego nos seus primeiros cen días de goberno.