Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

lingua

Derrogar o decreto do galego no ensino non ten volta atrás

03.08.2009 Alberto Núñez Feijoo deixa claro que desoirá as demandas dos partidos, pais e colectivos que se opoñen á derrogación do decreto do galego

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

AGN/REDACCIÓN . SANTIAGO

A derrogación do decreto do galego "é un compromiso electoral" e "non ten volta atrás". O presidente do Goberno, Alberto Núñez Feijóo, deixou onte claro que desoirá as demandas da oposición, as asociacións de pais e os colectivos cidadáns que cren que os resultados da "consulta Vázquez" non xustifican a fin do decreto aprobado polo bipartito para que cando menos a metade das materias se impartisen en galego. "A derrogación do decreto non ten marcha atrás. É un compromiso electoral referendado nas urnas, e nos pobos democráticos os únicos que mandan son as urnas. Teño un compromiso e o vou cumprir. O que si me gustaría, e para iso facemos a enquisa, é acertar", asegurou.

Núñez Feijóo volveu interpretar, así, os resultados das eleccións, nos que BNG e PSdeG recibiron, xuntos, perto de 6.000 votos máis que o PPdeG, como un xeito de xustificar o cumprimento dunha promesa que fora formulada antes dos comicios, en confluencia coas demandas de UPyD, -un partido que podía restarlle votos pola dereita-, a asociación Galicia Bilingüe e outras organizacións apoiadas por medios de comunicación como El Mundo.

"Nós ppropoñemos a cooficialidade das linguas e o que está no Estatuto. Non hai que terlle medo á liberdade, por que a xente non vai opinar? Aprioristicamente, non teño nada máis que cumprir o Estatuto, a Constitución, e todo isto interpretalo no contexto da opinión dos pais", asegurou Feijoo.

O Estatuto di que "a lingua propia de Galicia é o galego. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua", e que "lles corresponde ós poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación do todos os galegos na vida política, económica, cultural e social", artigos que, segundo varias sentenzas do Tribunal Constitucional, avalan as políticas de discriminación positiva cara ao galego coas que os sectores sociais contrarios á normalización desta lingua tentan acabar.

Núñez Feijoo aclarou, porén, que está aberto a calquera posibilidade que sexa legal, e "a que no novo decreto haxa unha política similar á anterior". -Ata a aprobación do decreto do bipartito estivo en vigor outro do 1995 que non era, no seu contido, radicalmente diferente do do 2007-. Sobre o nivel de participación na consulta aos pais, -que Feijoo denomina "enquisa" malia non reunir os criterios científicos para selo- , comentou que "é moi similar a moitas contendas electorais. Non está mal, máis ou menos como o Estatut de Cataluña".

Non dixo nada, porén, das acusacións da oposición e dos sindicatos e colectivos sobre a falta de "rigor" e "validez" dunha consulta que nin fixo un deseño mostral segundo criterios científicos, nin garante que os mesmos pais non contestasen a varios cuestionarios nin que non fosen os fillos os que respondesen as preguntas. Sobre as galescolas, reiterou que o que se lles vai cambiar é o nome. "Non imos cambiar nada de roupas nin de mandilóns con bandeiriñas; imos manter os soportes das galescolas como están e o único que imos poñer é escola infantil onde pon galescola. Punto. Nada máis. Iso está medido e ten un custo inferior a unha das teas que se poñían nos edificios cando ía alí un representante do goberno anterior simplemente para dicir que se estaba facendo algo", respostou a unha pregunta sobre a posible contradición entre os cambios previstos coa política de austeridade.

DESACORDO

IESGA cre que o goberno non debe facer "referendos absurdos"

A asociación estudantil IESGA manifestou nunha nota de prensa o seu "total desacordo coa enquisa sobre a lingua na escola" xa que, ao ver desta organización "progresista", segundo se define no comunicado, "é unha enquisa que carece de fiabilidade e validez, tanto a enquisa en si como o proceso e o tratamento e presentación dos resultados". "A participación dos pais e nais no ensino dos seus fillos non debe usarse de forma demagóxica para xustificar unha política lingüística que vai en detrimento do Galego", cre IESGA. A organización estudantil pide a "paralización da redacción" dun novo decreto. A coordinadora de Universidades de IESGA, Azucena Rodríguez, dixo que "aqueles que enchen a boca dicindo que a lingua non debe ser un elemento de confrontación son os primeiros que están traballando para que isto sexa así, a responsabilidade do goberno é a de defender e apoiar a nosa lingua, non facer referendums absurdos que carecen de sentido e validez".

REACCIÓNS

Os Comités din que o PP obedece á "dereita española máis reaccionaria"

Os Comités -organización do estudantado galego que recolle a herdanza dos CAF e dos CAE- consideran "ilexítimos" os resultado da consulta sobre o uso do galego nas aulas e defenden que a fixación dos usos lingüísticos non é "competencia exclusiva de nais e pais", senón de "toda a sociedade". Os Comités cualificaron a consulta de "enganosa", e manifestaron que "non existe garantía de que os resultados non pasasen ningún filtro" para facelos á medida das necesidades do goberno". Ademais, mostráronse contrarios a que gastase "unha cantidade tan elevada" en facer unha enquisa con resultados que "xa todas e todos coñeciamos". "O goberno fixo esta consulta unicamente, e en palabras do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, para dar o primeiro paso na derrogación dun decreto que é a principal protección legal que o galego ten nos institutos de Galicia", manifestaron. Para rematar, os Comités recordaron que a Xunta "aínda non lle preguntou ao conxunto da comunidade escolar nin ao estudantado" sobre a súa opinión sobre o uso do galego nas aulas, e sostiveron que o PP "cumpre coas ordes da dereita española máis reaccionaria".

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS