Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

Escritor

Fran Alonso: “O que non soportan é que o galego sexa unha lingua para estar no mundo”

02.08.2009 “O nacionalismo español, que ten carácter invasivo e medra, chega a todas as esferas da vida pública”

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE

Fran Alonso cre que a diversidade é ficticia na España de hoxe, na que se impón unha ideoloxía unificadora
Fran Alonso cre que a diversidade é ficticia na España de hoxe, na que se impón unha ideoloxía unificadora

Fran Alonso (Vigo, 1963) é escritor, xornalista e editor. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC, na actualidade exerce como Subdirector para a Edición Xeral en Xerais e, desde 2006, ocupa o cargo de vicepresidente da Asociación Galega de Editores. Tamén foi membro da directiva do Pen Club de Galicia. Colaborou regularmente con varios xornais ( La Voz de Galicia, El País) e mantén unha columna no semanario A Nosa Terra. Anima o blog Cabrafanada e acaba de sacar á luz unha pioneira web persoal feita a partir das redes sociais: o Domicilio Virtual de Fran Alonso (http://www.franalonso.eu). Como escritor, concedéronselle premios como o Blanco Amor de Novela, o Losada Diéguez, o Rañolas de Literatura Infantil e Xuvenil ao mellor libro do ano, e a distinción White Ravens da Biblioteca Internacional de Múnic.

Autor de máis de dezasete títulos, como narrador publicou Tráiler (1991), Cemiterio de elefantes (1994), Silencio (1995), O brillo dos elefantes (1999), Males de cabeza (2001), Cartas de amor (2006) e A vida secreta da María (2007). Como poeta deu á luz Persianas, pedramol e outros nervios, (1992; Tortillas para os obreiros (1996); Cidades (1997); Subversións (2001) e Balada solitaria (2004). Tamén é autor de Poetízate (2006), unha desenfadada antoloxía da poesía galega. Como xornalista publicou o libro de crónica Territorio ocupado (1998); e o libro de entrevisas Un país a medio facer (2008); así como unha biografía da Señora Carmen, incluído no libro-disco-DVD A flor dos meus anos (PAI Música, 2007). Tamén é autor dos álbums ilustrados A casa da duna (2002) e A araña e mais eu (2009) realizados en colaboración co fotógrafo Manuel G. Vicente. A súa obra está traducida a diversas linguas como o castelán, o catalán, o portugués e o inglés.

 

Galicia, ou Galiza, inmanente, nación; hai persoas que teñen dúbidas que transcenden o intelectivo, o intelectual. Soñan, cavilan, traballan... Pero non saen do folclórico anecdótico. Hai para todos e para todas, pero a nación subsiste, ás veces, nunha certa e ingrata indiferenza... O idioma é unha especulación minorizada –segundo os galegófogos, porque sospeito que o idioma e a súa condición reflexiva é un invento da intelectualidade frouxa que non entende outra cousa, que non sexan as gramáticas-matemáticas do inusual, das costas sempre cara a abaixo... Cal sería, xa que logo, a reflexión que poderías ti facer, Fran, a non destempo destoutra que eu fago e pregunto aquí?

O idioma é a construción da palabra. A través da palabra descubrimos o mundo, percibímolo, posuímolo, habitámolo, transmitímolo; facémolo a través do idioma, que son as nosas palabras, as que percibimos como nosas, como íntimas. O idioma, calquera idioma, é, sen comparación, a maior riqueza inmaterial que posuímos como seres humanos, porque é o que nos habilita como persoas, como seres racionais. Desprezar un idioma, calquera idioma, como fan os que desprezan o galego, só pode ser resultado
dunha ignorancia e dunha perversidade inmensa.

 

Na lingua poderemos subsistir, pese á indiferenza e o "acoso" brutal do castelán disfrazado en español?

Á marxe das evidentes dificultades que temos para vivir día a día en galego os que falamos nesa lingua (¡que llelo digan aos nenos, que loxicamente non resisten a presión!), que resulta practicamente imposible, hai que ser conscientes de que os que están contra o galego sempre permitirán a subsistencia da nosa lingua con tal de situala nunha categoría inferior, de lingua doméstica, limitada en usos e rexistros, para crear esa lingua que eles definen topicamente como "agarimosa" e "melodiosa". O que non soportan nin toleran é que o galego sexa lingua de cultura, de comunicación, de formación académica, das novas tecnoloxías, unha lingua para estar no mundo; iso non o soportan porque a súa mentalidade decimonónica e provinciana non llelo permite e porque non están dispostos a que os seus fillos se vexan obrigados a aprendela e estudala. Nós debemos garantir que o galego sexa
unha lingua de relación para entender o mundo, e iso non depende do número de falantes senón das actitudes deses falantes.

 

Se tiveses que escribir un libro denuncia contra a barbarie capitalista –sen outro idioma que o latrocinio e o espolio–, Fran, cal sería o título que ti habías de lle pór a ese texto inmediato?

Eu creo que nun mundo onde as palabras cada vez están máis baleiras de contido, cada vez máis extorsionadas e manipuladas, o importante non son os títulos senón os contidos. Precisamente, esta cultura semiótica que vivimos resalta os títulos, e unicamente aquilo que é máis visible, para falsear a realidade. Iso só se pode combater desde a profundidade dos contidos, desde a riqueza dos matices e loitando contra a simplificación e o engano.

 

Sen estado e sen nación, cales son as nosas posibibilidades de subsistir sen sempre ser negados?

A solución é doada: é unha cuestión de mentalidades. Se desde o estado español se comezase a proxectar a diversidade, a diferenza e o plurilingüismo como un valor e como unha riqueza, todo cambiaría para a cultura galega e a lingua que a sustenta. Pero mesmo estados relativamente descentralizados como o español (fronte ao modelo único francés, que acaba de negarlle estatus oficial á lingua corsa) promoven unha ideoloxía unificadora, onde o nacionalismo español, que ten carácter expansivo, invasivo e medra, chega a todas as esferas da vida pública.

 

En ‘Territorio ocupado’, é a certeza que somos e ao mesmo ritmo non somos?

Territorio ocupado é un libro de literatura periodística sobre o conflito saharauí e a situación dun pobo que leva 30 anos vivindo en campamentos de refuxiados no deserto do Sáhara. Trátase dunha crónica literaria feita a partir das miñas viaxes a Tinduf entre 1995 e 1998. É un libro de periodismo que me custou moito escribir. Ata que dei á luz, hai uns meses, Un país a medio facer non volvín publicar outro libro de periodismo. Este outro é un libro sobre nós, sobre a nosa cultura e a súa evolución nos últimos 20 anos, desde que eu traballaba no Diario 16 de Galicia ata hoxe. Está construído a poder de entrevistas a persoas centrais da nosa cultura e a súa lectura permite seguir a evolución e extraer algunhas conclusións interesantes.

 

é un libro de literatura periodística sobre o conflito saharauí e a situación dun pobo que leva 30 anos vivindo en campamentos de refuxiados no deserto do Sáhara. Trátase dunha crónica literaria feita a partir das miñas viaxes a Tinduf entre 1995 e 1998. É un libro de periodismo que me custou moito escribir. Ata que dei á luz, hai uns meses, non volvín publicar outro libro de periodismo. Este outro é un libro sobre nós, sobre a nosa cultura e a súa evolución nos últimos 20 anos, desde que eu traballaba no de Galicia ata hoxe. Está construído a poder de entrevistas a persoas centrais da nosa cultura e a súa lectura permite seguir a evolución e extraer algunhas conclusións interesantes.

Como ensaísta, como poeta, como narrador, en cal territorio estás máis en ti mesmo, quero dicir en que xeografía estás máis ao teu gusto?

A miña xeografía é a xeografía da escrita, e a escrita ten manifestacións diversas que nuns momentos teñen unha forma de expresión e noutros momentos teñen outras. Con todo, hoxe máis ca nunca, cabe falar só de escrita porque a mestura e a transversalidade o invade todo. En calquera caso, eu concíbome a min mesmo como un escritor todoterreo, aínda que iso poida ser un problema disgregador para a valoración crítica.

 

A vida é un punto de partida para un referido, ou ao revés do que algúns e algunhas adoitan pensar... Somos para ser ou somos para sermos?

A vida é un camiño persoal único e irrepetible durante o que non todo se pode elixir, pero durante o que, coas nosas eleccións, nos construímos como persoas. A vida é o ben supremo insubstituíble e, nese sentido, a miña creación literaria pretende ser profudamente vitalista.

 

Un idioma, cal caso é o noso, Fran, é algo máis que unha canle de comunicación, e por engade, da emoción transmisora do individuo?

A iso me refería cando afirmaba que o idioma é a construción da palabra e de nós mesmos.

 

Será inútil a resistencia diante do castelán invasor e aniquilador? (Falo, Fran, de formulacións agresivas, non doutras "sentenzas")

As linguas nunca son aniquiladoras ou agresivas de seu. As que son aniquiladoras e agresivas son as políticas (normalmente de estado) que se desenvolven para impoñer unhas linguas por enriba doutras. Hai moitos casos no mundo. O castelán lévase impoñendo en Galicia desde o século XVI. A imposición é tan sumamente prolongada no tempo, tan constante, que xa non a percibimos como tal porque non manexamos unha memoria histórica tan longa e, ademais, porque esa lingua imposta xa forma parte tamén de nós. Pero a realidade é esa. E esa imposición histórica do castelán en Galicia fíxose, evidentemente, en detrimento do galego e dos dereitos dos seus falantes. Ora, é preciso comprender que as claves hoxe son moito máis complexas que todo iso e para denunciar esas "formulacións agresivas" das que falas hai que manexar variables socioculturais contemporáneas e evitar as simplificacións, que é ao que tende o vitimismo, que non leva a ningures.

 

Que ten de "pasatempo" a literatura sen compromiso", serve para algo?

Reducir a literatura ao compromiso é profundamente empobrecedor. Resultaría algo panfletario, anecdótico. A literatura –igual que as concepcións contemporáneas da lectura– ten moitas funcións e dimensións. O principal compromiso da miña literatura –que é unha literatura que fala do meu tempo e dos problemas do meu tempo– é precisamente o coloquio permanente con ese tempo en que se escribe, coas preocupacións, coas ideas e coas formas dese tempo. Como escritor, débome aos meus contemporáneos. Pero iso non quere dicir que a literatura teña que ser compromiso e, moito menos, adquirir un concepto caduco do compromiso. A literatura é arte, comunicación, expresión, concepción, xogo, compromiso, diálogo, divertimento, ocio, ideoloxía... todo iso conforma a literatura. E eu non quero renunciar a nada.

 

A poesía é algo fundamental na túa existencia e compromiso?

A poesía non é nin máis nin menos importante que outras cousas que escribo. Non me gusta mitificar a literatura nin o seu papel na miña vida. E moito menos a poesía. Xa o demostrei con Poetízate. A escrita, sen dúbida, condicionou a miña vida, fíxoa diferente, enriqueceuna e outorgoume unha certa posición de privilexio na percepción da vida. Pero non é imprescindible. En todo caso, a poesía responde a unha
forma de expresión que chama por min a miúdo, porque nela me sinto libre. Agora teño un poemario iné-
dito e outro a medio escribir. Pero levaba bastante tempo sen publicar poesía.

 

Se o Decreto de Normalización Lingüística vén abaixo, a quen poderiamos chamar "lingüicidas", sepultureiros do idioma galego?

Á marxe do que suceda co decreto, o falso debate que o PP creou en torno á lingua galega, manipulado e mentireiro, é unha perversión de tal calado histórico que dentro duns anos será estudado como tal. O triste é que este goberno vaia pasar á historia por algo tan aborrecible como é a marxinación consciente do galego para favorecer a determinados grupos de poder, determinadas ideoloxías excluíntes e para favorecer as ambicións políticas do presidente da Xunta.

 

Vivimos,Fran, na diglosia da indiferenza, ou pasamos de case todo?

Vivimos nunha sociedade dilapidadora e consumista á que lle custa valorar as cousas importantes, á que lle custa organizar os valores nunha xerarquía que supere o superfluo.

 

Tés algún libro de cabeceira, algunha crenza que non pertenza nin invada a túa intimidade?

Ao longo da miña vida houbo moitos libros moi importantes, pero creo que ningún decisivo. Iso ten que ver co meu carácter, escasamente mitómano e profundamente heterodoxo. Hai determinados libros, determinadas lecturas, en plural, que as vinculo con distintas épocas da miña vida e que constituíron miradas, formas intensas pero parciais de ollar o mundo en cada momento.

 

Algún días seremos unha República Galega Socialista e por enriba internacionalista... Pode ser soño ou utopía de nós?

O meu soño é que chegue unha nova sociedade, capaz de superar vellos modelos, vellas estruturas, vellos conceptos, moito máis xusta e racional, moito máis imaxinativa, máis creativa, máis flexible, tolerante e permisiva, onde a nosa cultura e a lingua que a sustenta sexan un referente social de orgullo, admiración e respecto, e toda a cidadanía teña acceso a ela.

 

Eu sempre pregunto nestas conversas cal é a imaxe que cada quen podería darmos do tempo, un retrato... Cal o que poderías facer ti, Fran?

Xa teño manifestado que para min a mellor imaxe do tempo é a do meu labor como escritor. Como escritor, constrúo un proxecto literario a contrarreloxo, coma se fose unha carreira na que quixese deixar cubertas todas as etapas. E, con todo, a miúdo vivo a impotencia de ver como o tempo vence o meu obxectivo. Por outra banda, cada libro que escribo e publico representa unha representación da miña creación no tempo, nun tempo concreto da miña escrita e da miña vida pública e persoal.

 

Hai un libro que levas na cabeza e aínda estás a pensar nel para escribilo?

Eu, como escritor, padezo un mal que fai que leve sempre a cabeza chea de libros inexistentes e iso condiciona a miña mirada sobre o mundo, porque a fai selectiva e interesada. Faina literaria.

 

Independentismo... E unha opción válida ou ves as cousas dou-
tra maneira, doutro xeito?

O debate para dotar Galicia dun estado resulta anacrónico porque as preocupacións da cidadanía galega están moi afastadas desa cuestión. Non é un debate útil. Con todo, esa será unha opción aberta sempre e cando a cidadanía opte por esa vía. De feito, intúo que no futuro chegará un momento histórico en que crear un estado para Galicia sexa posible. Nese sentido, un estado garante moitos máis dereitos, en todos os campos, para a cidadanía; a creación dun estado é tamén unha cuestión práctica. Eu apostaría a favor do establecemento dun estado para Galicia pero rexeitaría calquera parafernalia de adscrición ou exclusión fronte a ese estado. Chegado o caso, o estado debe ser construído desde a razón e a crítica, e nunca desde o sentimento ou desde o dogma.

 

Que hai de invento na España que venden e na nación galega que arelamos?

O respecto á diversidade é, por desgraza, a maior falacia, pois é ficticia na España de hoxe.

 

Entre a poesía e a narrativa, Fran, cal é a distancia, que pode chegar a sorprender a quen escribe?

Cada vez máis, na literatura as distancias están no receptor ou receptora. Este é quen as agranda ou minora, unha vez que, como dixen antes, a transversalidade dos xéneros é unha cuestións central na actualidade. Chegados a ese punto, a literatura forza as palabras, pero mentres a narrativa mantén a tensión, na poesía esa tensión rompe. Claro que todo pode cambiar. Concretando nos meus libros, a distancia entre Males de cabeza e Subversións é moito máis pequena do que aparenta e depende dos ollos con que se lean; pero se acudimos a un libro como Balada solitaria, esa distancia queda automaticamente dinamitada.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS