Martes 18.08.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | Unha exposición no Palazzo della Cancelleria, xunto á céntrica Praza Navona de Roma, permite ós seus visitantes achegarse á figura de Leonardo da Vinci de xeito novidoso. A mostra permite probar en primeira persoa como funcionaban as máquinas e os inventos que o xenio renacentista deseñou nos seus escritos. Esta mostra, chamada Máquinas de Leonardo, recrea dispositivos como o "carro armado" de madeira proxectado polo artista, científico e inventor, e propón unha viaxe interactiva con maquetas e modelos a escala real que funcionan de verdade. O público pode entrar no "tanque" e virar as manivelas que o porían en marcha. O enxeño podía albergar ata oito soldados.
Outros modelos de máquinas de guerra, como a metralladora composta por un carro con pequenos pero numerosos canóns colocados en paralelo ou a bombarda, atópanse tamén na mesma sala, dedicada ó lume, un dos catro elementos da Antigüidade clásica. Ao redor destes elementos (Auga, Aire, Terra e Lume) articúlase a mostra, con distintos inventos que lle permiten ó home relacionarse con esas substancias.
Algúns dos máis espectaculares atópanse na sección do Aire, onde se exhiben os diferentes dispositivos voadores que levan o nome de "ornitópteros". Na Terra, pódese comprobar a eficiencia de aparellos como o odómetro, un antecesor dos modernos contaquilómetros, ou un autómata.
Na auga podemos ver unha enxeñosa solución para que o home camiñe sobre o líquido por medio de odres de pel cheos de aire.
Leonardo da Vinci, nacido en 1452, foi un arquitecto, escultor, pintor, inventor, músico e enxeñeiro. Está amplamente considerado como un dos máis grandes pintores de todos os tempos e quizais a persoa con más variados talentos da historia. Entre as súas obras máis senlleiras figura a Giconda, actualmente no Museo do Louvre. Tivo unha faceta de inventor por veces excéntrica e moi desenvolvida.