Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro, pola dereita, o presidente da Xunta, Núñez Feijóo e o alcalde de Celanova, Antonio Mouriño FOTO: Pablo Araújo/EFE |
"Podemos, meus amigos, camiñar xuntos". Con estas palabras o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remataba onte un discurso conciliador no que tendeu pontes coa Real Academia Galega (RAG) no primeiro acto no que volveu coincidir cos académicos tras o manifesto feito público o mes de maio pasado pola institución académica no que expresaba o seu máis enérxico rexeitamento á política lingüística da nova Xunta.
Durante a cerimonia de entrega do premio Casa dos Poetas, na localidade ourensá de Celanova -organizado pola Fundación Manuel Curros Enríquez-, que na súa edición deste ano recaeu na Real Aacademia Galega, o presidente galego fixo un discurso conciliador, en ton amable, esquecéndose das presións electorais de organizacións como Galicia Bilingüe.
Tanto a argumentación como o ton empregado polo presidente galego ía dirixido a recuperar a sintonía coa RAG despois de que durante meses a cuestión da lingua pasou de ser unha cuestión de "normalidade" a instalarse como eixe de "crispación", utilizando palabras do máximo responsable da institución, Xosé Ramón Barreiro, que aproveitou o estrado para insistir na defensa do patrimonio cultural galego e para chamar á serenidade e a normal convivencia das linguas.
Pola súa parte, Feijóo referiuse á lingua propia de Galicia como un dos "tesouros de todos" e que ademais "non sirva a ningún rudo encono". Destacou, ademais, o labor levado a cabo polas personalidades galegas dedicadas á cultura.
De feito, situou en Galicia o "faro espiritual que representan os homes e mulleres dedicados á nobre tarefa da creación, do pensamento e do aloumiño da nosa cultura".
Un faro, engadiu, "que debe estar sempre aceso e que ha seguir alumeando os camiños da recuperación de todo o que nos fai ser como somos". "Ese faro naceu en tempos pouco gratos como unha illa de liberdade; esa liberdade que fai que tesouros como a lingua sexan de todos e non sirvan a ningún rudo encono", subliñou.
O xefe do Executivo galego recordou os negros tempos que logrou superar o idioma propio. "Na peregrinaxe que nos levou da Longa Noite de Pedra a este Longo Día de Luz, a Real Academia Galega e os poetas que hoxe acompáñannos coa súa lembranza, fixeron dos mil ríos do noso país, un gran río chamado Galicia", proclamou.
"A eles débese o nacemento do galego é dicir -incidiu-, daquela muller ou home nado aquí ou acolá en Celanova ou nos Peares, pero capaz de sentirse vinculado a un país común, que merecía ser proclamado tamén en común".
Barreiro: "O decreto crea desasosego"
Pola súa parte, o presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro, pediulle a Núñez Feijóo que conte coa institución para deseñar o futuro da cultura e a lingua galega. "Pídolle a este santo laico que sigamos sendo rebeldes como el o foi", dixo, con alusión a Curros Enríquez.
Con todo, Barreiro tamén tivo palabras críticas coa política lingüística do Goberno galego, ao que acusou de "remover as augas" do idioma, e causar "crispación no país". "A RAG non pode quedar en silencio cando se toman decisións que afectan á lingua ás súas costas", sinalou o presidente da RAG en relación co novo decreto do galego no ensino, cuxo borrador estará rematado a finais deste mes. Un decreto que, segundo dixo Barreiro, causa "desasosego" e "crea problemas" nun ámbito que gozaba de "normalidade" dende hai anos. Finalmente, Barreiro instou a Xunta para non "facer un problema" do idioma e "transmitirlle íntegro" o patrimonio cultural galego ás novas xeracións.