Venres 25.09.2009      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google
[Noticia 2 de 12]noticia anterior de Maré Maré  |  RSS - Maré RSS

"Vivir dentro dun teatro"

Lino Braxe é autor de "Baixo o sol de Mesina", un libro ilustrado con fotografías de Sol Rivas que lle valeu a última edición do premio de poesía erótica Illas Sisargas

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

LUPE GÓMEZ

Lino Braxe é unha persoa moi elegante. Por iso, pasea en cabalo por cidades que non existen nos mapas. A el non lle gustan as cidades. El prefire vivir en illas misteriosas nas que poida sentir a caricia do sol. Para el, o teatro é unha casa e séntese como un arquitecto cando ten que actuar ou dirixir unha obra. Tamén é xornalista, porque "o xornalismo é un vicio". Escribe nos xornais para sentirse vivo. A escrita de poesía erótica para el ten que ser "un pracer sensorial". O seu libro Baixo o sol de Mesina non sería posible sen as suxestivas fotografías de Sol Rivas. Aparecen poemas que din así: "O que latexa no meu corazón exiliado é o desexo de posuírnos serenos, libres dun estímulo que nos oculte a verdadeira dimensión da nosa mirada e do noso sorriso ardente". Para Lino Braxe "vivir dentro dun teatro" sería unha elegante felicidade.

 

Como era o Mugardos da túa infancia? A que che gustaba xogar?

Como case todos os pobos pequenos naquel momento en Galicia. En Branco e Negro polo franquismo e un paraíso da natureza. Agora é un pobo con cor, mais os nosos espazos naturais xa non son o que eran. Como en toda Galicia, vaia. Aínda temos sorte, porque a meirande parte do país é unha esterqueira. Na miña nenez, Mugardos era cantareiro, remador, había un remeiro que para min era como un deus, un tipo grande e xeneroso. A envexa de todos os cativos. Para min era unha mestura entre o far-west e a Iliada, de feito, no campo dos carneiros, xogabamos a romanos ou a vaqueiros.

 

Na túa autobiografía escribes que "nas illas desertas non hai cemiterios". Ti es unha illa misteriosa?

Son quen de amar en silencio e en segredo. Iso en si mesmo xa é un misterio. O de ser unha illa é irremediable. Non por decisión miña, senón pola actitude dos demais. Para os poetas son demasiado teatral, para os teatreiros demasiado poeta, para os músicos un pouco ensaísta demais e para os ensaístas un pouco músico demais. En fin, que o mellor era converterse nun solitario indefinible e incomprensible. Era o único xeito de non resultar danado.

 

Realizaches diversos traballos sobre o pintor galego Luís Seoane. Que é o que te fascina deste creador galego?

É o Da Vinci galego do século XX. Tocou case todos os paus da arte. Ademais fíxoo con talento, con xenialidade. Quen non se vai sentir atraído por un ser así? É un luxo para este país e aínda non estamos facendo todo o que se debería facer pola súa obra. A creación da súa fundación non cumpriu as expectativas que os amantes de Seoane agardabamos.

 

Os concertos poéticos de "A caricia da serpe" están baseados na mestura e na improvisación.

"A caricia" segue estando viva. É un soño cumprido. Desde o ano 1983 veño traballando con músicos o mundo da palabra. "A caricia" foi unha concreción dunha chea de experimentos. E sigo experimentando a palabra en mestura con outras artes, non só coa música. O que veño observando dun tempo a esta parte é que hai demasiadas "A caricias" polo mundo. Pero isto é inevitable. Inventar, crear, ser arriscado, anima a outros e a outras a arriscar. Iso é divertido e permite avanzar no mundo da creación, neste territorio ou en calquera outro.

 

A ópera e o rock teñen moitas cousas en común e, ao mesmo tempo, son moi diferentes?

Ninguén pode esquecer que cantou A Traviata. A ópera e a pintura foron os meus inicios artísticos. A ópera é o espectáculo total. A arte que engloba case todas as artes. Sempre quixen dirixir ópera, pero, se cadra, terei que facelo fóra. Aquí non se cre nos nosos. O rock é unha catarse. Faime sentir novo e estar moi preto do público, que como sabes é o único que me interesa. O público é a miña familia e os teatros a miña casa. Gustaríame moito vivir dentro dun teatro. Creo que iso debe ser o máis parecido á felicidade. Entendo moi ben "o fantasma da ópera."

 

A poesía erótica está chea de sinceridade, atrevemento, pracer e dor? O premio de poesía erótica Illas Sisargas é unha illa necesaria?

Ante todo teño que dicir que Baixo o sol de Mesina é un libro de dous. Non se explica o libro sen as fotos de Sol Rivas. Sol é unha artista moi nova, chea de forza en todo o que fai, sexa fotografía, interpretación ou escrita. As súas fotos creo que se comunican moi ben cos textos. O que demostra que non se trata de traballar xuntos, senón que os cerebros dos seres humanos camiñen da man. A poesía erótica que eu escribo ten que ser pracenteira, non só intelectualmente, debo sentir certo pracer sensorial, incluso ás veces físico ao escribila. Non comprendo tantos premios de erotismo a libros que non falan de erotismo. A pornografía é unha cousa, o erotismo é outra, e a sensualidade outra. O premio Illas Sisargas é absolutamente necesario, tan necesario como a existencia das propias Illas Sisargas. É aire fresco.

 

Que é o amor? Gustaríache ser o noivo de Virginia Woolf?

Quen sabe que é o amor? O mellor é vivilo, non pensalo. Xa fun noivo de Virginia Woolf. É podo xurar que foi unha relación atormentadamente feliz. Unha vez experimentada, non lla recomendo a ninguén. Vivir sempre entre Días de viño e rosas e Quen teme a Virginia Woolf, non é precisamente moi edificante.

 

 

Que posibilidades ten o traballo na radio? A voz é un precioso instrumento?

A radio foi e é a miña paixón. O lugar perfecto como dicía Dylan Thomas para traballar un poeta. Un lugar no que se che escoita pero non se che ve. Eu na radio fixen de todo: deportes, informativos, culturais. Dirixín, a comezos dos oitenta, o primeiro diario cultural feito en galego Cartafol e tamén o primeiro magacín cultural realizado no noso idioma nesa mesma decada. Dirixín teatro radiofónico, seriais de ficción, programas experimentais. Fun un privilexiado. Loitei moito por todo isto. Ás veces penso que demasiado. Nunca sentín o alou- miño dos meus superiores. Anos despois, si, pero no momento que todo aquilo estaba a suceder, non. E o importante é sentirse querido cando se está creando e arriscando. Sobre a voz, só podo dicir que é o instrumento máis perfecto do ser humano.

 

Que foi o que te levou a traballar no teatro? Que é o teatro para ti?

Eu, excepto como poeta, non sentín vocación ningunha por nada. A vida foime levando dun lugar para outro e tiven a sorte de que os lugares nos que ía caendo a miña vida eran fabulosos. O teatro apareceu, como apareceu a sonorización de documentais ou a dobraxe, dun xeito natural. Inmediatamente, decateime de que había que aprender moito para poder explotar todas as posibilidades que a arte dramática posúe. Gústame o teatro, actuar e dirixir. Montar un espectáculo é como facer unha casa. Hai que casar tantos elementos diferentes que resulta apaixonante. Teño falado moito disto con amigos arquitectos e están absolutamente de acordo con esta sensación.

 

Que proxectos tes agora entre mans? Que ilusións alimentan o teu espírito?

O único proxecto que teño entre as mans é permanecer vivo todo o tempo posible. Escribo moito e paseo moito. Ambas cousas fágoas só. Xa se sabe que montar a cabalo por unha cidade sería visto como unha extravagancia.

 

Traballas ás veces en Portugal? Gustaríache vivir en Lisboa?

Ultimamente traballo onde me toca, onde cae. Estes últimos anos moito máis fóra de Galicia que en Galicia. Italia, Países Baixos, Madrid, Santander, Cuba. Onde sae algo. Mais agora estou algo impedido de movementos, é dicir, de traballo, debido a que teño que estar máis pendente do coidado dos meus pais. A min non me gustaría vivir en Lisboa. Non son de grandes cidades. É máis, non son de cidades. Son de espazos abertos e de illas. Fun feliz no deserto e en varias illas do Mediterraneo. O peor do deserto é que non había mar e eu preciso do mar para sobrevivir. Pensa que nacín a seis metros do mar. Iso marca.

Cres na mestizaxe, o desenfreo e a melancolía?

Creo que no mundo estamos para aprender uns de outros. Tanto ten raza, sexo ou relixión. Nunha ocasión vin unha pintada escrita na rúa "Lino Braxe, bandeira da mestizaxe". Se cadra, nun momento foi así, non o sei. Pero pareceume excesivo e o exceso non é que me preocupe, é que me aburre. Evidentemente, si, son unha persoa melancólica, moi melancólica, non desa melancolía que mira ao pasado, senón dunha melancolía que mira cara o centro dun mesmo. Como diría o meu apreciado poeta Miguel Mato: "Amor, a morte chega sempre, quando a música se esvae".

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS