Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Nel Vidal foi o director de Cultur.gal na edición do 2008, data en que a organización da feira foi asumida pola Consellaría de Cultura |
A organización da feira Cultur.gal volverá ser asumida polas industrias culturais. Así o decidiron os representantes do sector que, ante a retirada do apoio ao evento por parte do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, acordaron nunha xuntanza celebrada esta semana impulsar a creación dunha Fundación para garantir a continuidade do Cultur.gal alén dos "avatares políticos", segundo explicou o presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), Alfonso Sanmartín.
"Era a nosa idea desde o principio que levase as rendas de Cultur.gal a sociedade civil e as industrias culturais. Xa tiñamos preparado algún estudo sobre os aspectos positivos e negativos de constituírnos en asociación ou fundación. Agora recuperamos esa documentación, e imos iniciar os trámites para un estudo de viabilidade e a redacción dos estatutos da fundación", engadiu Sanmartín.
O obxectivo é, así, segundo aclarou o presidente da AGE, "crear un padroado no que estean representados os distintos sectores da industria cultural", sen renunciar a convidar a implicarse ás administracións; e procurar que unha "estrutura organizativa profesionalizada" se encargue da xestión do evento pois, segundo salientou, só co "voluntarismo" non quedaría garantida a "supervivencia" de Cultur.gal.
A feira naceu no 2007 por iniciativa da AGE, que organizou, coa colaboración de varias institucións, a primeira edición en Pontevedra. O ano pasado o evento trasladouse á Coruña e a Consellaría de Cultura, entón dirixida por Ánxela Bugallo, asumiu a súa organización.
"A primeira edición estivo centrada no libro. Para a segunda edición tentouse que fose máis unha feira de todas as industrias culturais, e non só do libro; daquela non tiña sentido que a organizase só a AGE", explicou Nel Vidal, que foi o director de Cultur.gal no 2008.
"O que ocorre é que non todos os sectores teñen o mesmo peso: o sector forte é o libro, pero hai outros sectores máis febles, e mesmo emerxentes, como a música, novas tecnoloxías, xestión cultural... Ante esta debilidade, e o desequilibrio entre os sectores, optouse por que a Consellaría de Cultura asumise o peso organizativo e económico durante uns anos, de xeito temporal e ata que a feira se consolidase, momento no que se impulsaría a creación dunha fundación", engadiu.
Pero o recorte do orzamento adicado a cultura impulsado polo actual Goberno, -cuxa prioridade, segundo afirmou en varias ocasións, é o Xacobeo-, acabou co apoio da Xunta a Cultur.gal. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, tentou culpar o goberno anterior dicindo que "non había nin un céntimo orzado para esa actividade" nos orzamentos legados polo bipartito, e non descartou retomar a colaboración co Cultur.gal "en futuras edicións".
Para Nel Vidal, os argumentos de Varela son só "unha desculpa", e o que ocorre é que o Cultur.gal "non é unha prioridade", como non é "o que teña que ver coa nosa identidade", coa cultura galega concibida desde unha idea de país. Vidal lembrou, neste sentido, os retrocesos en cuestión de política lingüística impulsados polo actual PPdeG.
Menos críticos desde a Asociación de Editores
Alfonso Sanmartín amosouse, pola súa banda, menos crítico co actual Executivo que Vidal. "Nós agora estamos pensando no 2010. Vemos claramente que o Xacobeo e a Cidade da Cultura son as opcións principais da Consellaría, pero nunca percibimos que o libro estivese a quedar fóra. A desculpa que puxeron é que non hai orzamento previsto para o Cultur.gal este ano, o cal é estraño porque a feira fora recibida como un evento importante, pero parece que todo quedou en papel mollado. Nós agardamos que a Xunta se implique na edición do 2010. A feira debe ser o suficientemente atractiva para que colabore a Xunta, a Deputación, fundacións como pode ser a de Caixa Galicia... Os sectores da industria cultural achegan unha importante contribución ao encargarse dos espazos expositivos...", afirmou o presidente da AGE.
Acordaron impulsar a Fundación Cultur.gal a AGE e a AELG, as asociacións do audiovisual AGAPI e AEGA, da música AGAPHONO e outras asociacións que non acudiron á xuntanza desta semana pero manifestaron a súa adhesión, como EGANET e Escena Galega. O vindeiro mes celebrarase unha nova reunión.
Un síntoma de "normalización"
Alfonso Sanmartín expresou tamén o agradecemento do sector ante as mostras de apoio que lles fixeron chegar diversos colectivos e persoas a título individual a través de diversos medios de comunicación e de internet, como as que derivaron na creación da plataforma Queremos Culturgal. Pero aclarou que "con só traballo voluntario non sería posible facer o Cultur.gal. Precisamos que haxa un grupo de profesionais traballando todo o ano, que poida reformular a feira segundo a avaliciación de como vaia indo cada edición...". Cultur.gal será, así, máis ou menos ambiciosa no futuro segundo os apoios que poida recadar, principalmente de parte das institucións.
Nel Vidal sinalou, por último, a importancia de Cultur.gal para visibilizar a cultura galega co obxectivo de fortalecer a industria cultural do país e a súa proxección no propio mercado galego, e non só no exterior. Isto sería, ademais, un síntoma de "normalización" da nosa cultura.