Xoves 08.10.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | "Intempériame a ausencia/ da casa de cada estancia/ de días esborrallados/ intempériame o esquecemento/ alfinete sen fin/ a auga da chuvia/ que varre os camiños/ Ninguén debe silenciar/ as bocas da memoria/ elas fornécente/ de todo necesario/ para inaugurar fiestras/ cando o día lumbriga". Paulino Peña homenaxea a lingua e a terra galegas con versos coma estes no seu poemario Gramática da afirmación, publicado recentemente por Espiral Maior, co que gañou o XI Premio de Poesía do Concello de Carral.
O libro semella unha celebración da terra e a lingua. Moitos dos versos parecen escritos ante a vivencia dunha natureza que estoura ante os teus sentidos.
Os meus versos pretenden ser unha homenaxe á nosa lingua e á nosa Terra a través dunha viaxe de regreso ás vivencias da aldea, imaxes que fican gravadas a través dos diferentes sentidos (unha cor, un olor,...)
O poemario alicérzase na lembranza dos lugares vividos na túa aldea. Como xurdiu?
É unha creación lenta ao longo de anos de lembranzas de paisaxes de Vilardevós, recreándome na riqueza da nosa microtoponimia. Mais as vivencias expresadas ben poderían situarse en moitos outros lugares da nosa xeografía.
O río, o vento, a chuvia, a luz, a noite, aparecen unha e outra vez ao longo dos poemas. Igual que a imaxe do espello roto.
Moitos deles, por veces, veñen sendo imaxes: o río, a clásica metáfora; a chuvia, é intemperie, é teimoso recordo, e tamén pode ser auga que borre as pisadas ... A luz sempre vence a calquera adversidade. Reconstrúo as imaxes do espello que todos levamos nos calcaños, sen cuxa imaxe non son ninguén.
Hai un paralelismo continuo entre a natureza e a sangue.
A paisaxe particular, a Terra con maiúsculas, é quen nos modela, é a verba que contén todas as demais palabras, é máis que unha palabra, é unha maxestática sobreira, é raíz e zume... todo.
Hai un sentido de gratitude pola lingua herdada. ¿Podes explicar a imaxe da tribo que utilizas?
Este poemario é "unha gramática da sístole e da diástole", do corazón, do amor á Terra, unha gramática da lingua e sentimento que nos deixaron os avós, esa que nos fai donos de todas as cousas. Dicía Cunqueiro: "Louvado sexa Deus tamén por terme dado o don da fala nosa, porque me ensinou a dicir "rula" e "abidueira" e "dorna" e "ponte" e "fonte", e entón eu, sabendo estas palabras, era verdadeiramente dono da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte". A tribo somos todos os que compartimos raíces, historia, cultura... en definitiva, un País.
A tarefa de dignificar o idioma
O libro ten que ver, tamén, co paso do tempo.
Recompoño os espellos rotos polo paso do tempo e a través da palabra todo segue vivo. Sen pasado, sen as bases non somos nada. Pretendía que esta obriña fose unha achega, aínda que ínfima, á tarefa de dignificar o idioma, para que aquela foi noutrora, lingua de reis e verba de moda entre os poetas de Europa, recupere, agrande se cabe, e normalice o prestixio que merece.
O home e a natureza
Hai unha reflexión sobre a poesía e unha reivindicación dun país mellor...
A poesía é para min un sustento vital, a palabra é quen nos define, é ferramenta para transmigrar o papel en soños vivos. Para min a poesía debe ser música, ritmo, entre outras cousas. Uso un léxico preciso e coidado co fin de demostrar o potencial da nosa lingua. O home e a natureza están en comuñón. A lingua é unha expresión maxistral da alma da Terra. E expreso, si, o desexo de que a "nazón de Breogán" esperte do seu sono.
A importancia da memoria
Tamén aparecen o amor, os libros, a memoria...
O amor debe presidilo todo: a paixón, o amor á humanidade, á Terra, á lingua... O poema que fala dos libros prohibidos baséase en algo que lle aconteceu a meu avó. Os primeiros pesos que aforrou en Cuba foron para libros. No comezo da atroz guerra escondeunos nun baúl nunha caracocha. Pasado un tempo, avisouno un veciño de que un can escarvando, descubrira os papeis que estaban estendidos polo prado adiante. Sen memoria non sabemos quen somos.