Hemeroteca web
|
RSS
Martes 21.05.2013
| Actualizado 12.15

Con máis de 5.000 apoios ao seu manifesto, a plataforma cívica Galego, patrimonio da humanidade anunciou onte que celebrará no Teatro Principal de Compostela o vindeiro 14 de novembro ás 12.00 horas unha xornada de "reflexión" en defensa do idioma. Co obxectivo de "recuperar do consenso" sobre a lingua, o acto contará coa presenza de "importantes representantes políticos, sindicais, da ensinanza, a literatura ou a medicina".
Algúns deles xa estaban representados onte nos asistentes a un acto celebrado na galería Sargadelos de Compostela, como os deputados do PSdeG Francisco Cerviño e Xaquín Fernández Leiceaga; a ex conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón; os escritores Suso de Toro, Xavier Castro e Marilar Aleixandre; Antonio García e Ricardo Torres de UGT-Galicia; ou Jesús Penedo, de CC.OO, entre outros. O editor Manuel Bragado -un dos impulsores da plataforma- manifestou o seu apoio a outras iniciativas como Queremos Galego ou ProLingua e confirmou a adhesión de "Galego, patrimonio da humanidade" á manifestación convocada contra a política lingüística da Xunta para o 18 de outubro en Compostela.
No acto do 14 de novembro, a plataforma apoiará a "restauración do consenso" sobre o galego e defenderá o marco normativo dos "últimos 25 anos" na Lei e o Plan Xeral de Normalización. Outro dos impulsores da plataforma, o escritor Antón Baamonde, xustificou a "ofensiva" contra o idioma do goberno de Núñez Feijóo por "agradar a Madrid" xa que "ten aspiracións fóra de Galicia" para "ascender" dentro do Partido Popular.
Baamonde considerou "grave" que se utilice o idioma "destamaneira por motivos electorais" e lembrou que o Tribunal Constitucional do Estado recoñeceu que a lexislación lingüística que quere cambiar a Xunta se "axusta ao dereito" .
Outro dos impulsores da plataforma, o secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, situou a iniciativa "fóra de calquera afán exclusivista ou de monopolio da defensa do dioma" e pediu que a manifestación do 18-O sexa "unha expresión de toda esa pluralidade" social. Monteagudo criticou que se están a xerar "dúas Galicias en paralelo" e lamentou a "dobre moral" da Xunta e de Galicia Bilingüe ao defender o bilingüismo e o "dereitos a decidir" . "Non podemos aceptar que se identifique o castelán coa liberdade e ó galego coa imposición", dixo, xa que historicamente "foi ao revés". Finalmente, asegurou que existen "apoios" de membros do PP que non comparten a política lingüística de Feijóo aínda que só "o recoñecen no ámbito privado". "Que saian á luz, moi poucos", concluíu.
