Xoves 15.10.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | A Feira Galega das Artes Escénicas contará este ano cun cartel integrado por 20 espectáculos: 11 de teatro para adultos, seis de teatro infantil e tres de danza. Máis de 130 programadores, produtores e distribuidores de toda a Península asistirán ademais a unha serie de actividades paralelas, entre as que se inclúen dúas mesas de debate, catro showcases de danza e a asemblea da Rede Galega de Teatros.
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo organiza este evento nas datas que o sector desexaba, do 19 ao 23 de outubro. A continuidade desta feira foi, precisamente, un dos motivos de preocupación dos profesionais do teatro, que lle fixeron chegar ao conselleiro de Cultura, Roberto Varela,demandas neste sentido o mes de xuño pasado.
Deste xeito, parece que a XVII Feira Galega das Artes Escénicas se salvará do recorte orzamentario impulsado polo novo Goberno en cultura, que afectou a outras citas clásicas do teatro como a Mostra de Cee. O programa desenvolverase no Auditorio de Galicia, ARTeria Noroeste, Sala Nasa, Salón Teatro e Teatro Principal, en Compostela. O director da Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero, resaltou onte que se trata dun "evento crucial", que aspira a converter Compostela no "epicentro da escena galega".
Xunto coas dúas estreas que se presentan na edición de 2009 -Rosalía, a pulga que escribía, de Galitoon, e Shakespeare para ignorantes, de Mofa e Befa-, unha ampla porcentaxe do resto dos espectáculos en cartel iniciou o seu percorrido nas últimas semanas. É o caso das novas propostas de Lagarta Lagarta, Os Monicreques de Kukas, Sarabela Teatro, Teatro de Ningures, Teatro del Andamio, Teatro do Atlántico e Teatro do Noroeste. Entre as montaxes de teatro inserida hai espazo para os clásicos galegos (Sarabela sobe ás táboas A esmorga, de Blanco Amor) e os grandes nomes da escena universal (Shakespeare para ignorantes).
Así mesmo, a dramaturxia contemporánea está presente a través das adaptacións de recoñecidos autores internacionais (Teatro do Morcego escenificará Kvetch, unha comedia americana sobre a ansiedade, do inglés Steven Berkoff, e Teatro do Atlántico, O xogo de Yalta/Afterplay do irlandés Brial Friel) e de firmas que están a irromper con forza no panorama estatal (O día do pai de Ana Graciani e Gabriel Olivares, pola compañía Malasombra; O segredo dos Hoffman de Alejandro Palomas, por Lagarta Lagarta; Atra Bile de Laila Ripoll, por Teatro de Ningures; e Palabras encadeadas de Jordi Galcerán, por Talía Teatro).
A autoría galega contemporánea ocupa tamén un lugar destacado da man dos musicais de Teatro do Noroeste (Glass City. Cidade de cristal, de Eduardo Alonso) e Os Monicreques de Kukas coa Real Filharmonía de Galicia (O castelo da Rocha Vella, a partir dun conto de Luciano García Alén), así como do resto das propostas para nenos (Teatro del Andamio, con Pingueiras e Tarteiras de Teresa González Costa; Títeres Trompicallo, con Violeta Coletas contra as salchichas. Gulp! de Luis González e Marian González; Galitoon, con Rosalía, a pulga que escribía de Andrea Bayer; xunto cos espectáculos de autoría colectiva Bicharada, de Berrobambán Teatro, e Rúa Aire, de O Retrete de Dorian Gray).
Espazos tamén para a danza
A danza conta con tres representantes no programa de exhibición -Entremáns co espectáculo Concerto desconcerto, Javier Martín con ...tabú resOrte (tabú revuelta) e a compañía de Quique Peón con Ovay-, mentres que as propostas de Iván Marcos -Eco- e Nut Teatro -Wake up- se inscriben no ámbito das novas tendencias escénicas.
A carteleira artística compleméntase cunha serie de actividades paralelas, entre as que destacan dúas mesas de debate nas que se analizarán as estratexias para comunicarlles os espectáculos aos medios informativos e ao público potencial, e os retos da incorporación dos novos formatos e tendencias ás programacións escénicas.