Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Ramón Villares, pola dereita, con Núñez Feijóo onte en Londres |
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, inaugurou onte en Londres o curso que realizan por primeira vez conxuntamente o Consello da Cultura e o Instituto Europeo da London School of Economics and Political Science, volvendo atacar a resistencia cultural en Galicia.
Cun discurso bilingüe –iniciado e concluído en castelán, mediado por parágrafos en galego–, Núñez Feijóo afirmou que Galicia "é exemplo para todos os pobos e culturas que hoxe se preguntan se é posible resistir ao impulso da globalización."
Ao seu ver, "o erro está na palabra resistir" xa que "non é a resistencia ao global o que salvará as culturas mal chamadas minoritarias, senón a súa incorporación ás novas correntes que discorren por unha Europa e un mundo sen fronteiras", afirmou.
O presidente do Goberno galego remitiuse ao primeiro programa radiofónico emitido en galego en Londres no ano 1947 como un acontecemento que "nos axuda a entender mellor as causas que fixeron posible que a cultura de Galicia permaneza viva, e sexa hoxe unha peza máis do gran mosaico europeo".
Un fito, logrado por Alejandro Reimúndez e Felipe Fernández Armesto, que conseguiron que "a voz ou o pensamento dos grandes intelectuais galegos do momento, saíran das ruínas da posguerra para proclamar que a súa terra seguía existindo". Feijóo definiu así Galicia como "un pobo libre que encontrou na España das autonomías o marco idóneo para o seu desenvolvemento humano, cultural e económico". Un país que, ao seu ver, ten "unha gran cultura europea".
"É significativo que no mesmo Londres, onde Raimúndez e Armesto fixeron oír a súa lingua hai sesenta e dous anos, haxa hoxe numerosas iniciativas de capital galego", destacou o mandatario galego.
Feijóo dixo sentirse "na casa" grazas a "aquela xenerosa axuda a un ideal que entón parecía perdido". O presidente do Executivo galego fixo ademais unha loa do Xacobeo xa que, na súa opinión, "Galicia é protagonista do primeiro internet humano do que se ten noticia. O home europeo nace na trasfega do Camiño de Santiago".
Segundo asegurou, en 2010, da man do Ano Santo compostelán, "Galicia volverá a abrirse de par en par a todos aqueles que desexen visitar unha das causas do
sentimento europeo".