Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| A espectacular imaxe deixa constancia de que a compostelá praza da Quintana quedou pequena para acubillar a marea de xente que participou no acto en defensa do idioma galego FOTO: ramón escuredo |
"A forza do noso amor non pode ser inútil!". Foi o verso do poeta do Courel, Uxío Novoneyra –ao que se lle dedicará o Día das Letras en 2010– o que Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización, utilizou para pechar a súa intervención na primeira manifestación contra política lingüística do Goberno de Feijóo. As previsións desbordaron os organizadores da plataforma Queremos Galego que cualificaron a marcha celebrada onte en Compostela como un fito "histórico" que "nunca antes se vivira" na defensa do idioma galego. Unha multitudinaria marcha cívica –encabezada por membros da plataforma, representantes da cultura galega e os principais partidos da oposición, PSOE, BNG e EU-IU– chegou a colapsar as rúas de Compostela entre a Alameda e a Praza da Quintana, xa que, segundo datos dos convocantes asistiron á mobilización 100.000 persoas, unha cifra que reducía á metade a Policía Local. O éxito da convocatoria –que superou a do pasado 17 de maio, Día das Letras na que se superaron as 40.000 persoas– foi tal que mesmo se tiveron que repetir dúas veces os discursos xa que aínda había xente saíndo da Alameda unha hora despois de comezar a marcha, que arrincaba, entre aplausos e gaitas, pouco despois das doce do mediodía. Foi unha marcha na que se conseguiu algo inédito até agora: que distintas forzas políticas –agás o PP–, distintas ideoloxías ou mesmo distintas visións sobre a lingua deixasen a un lado as súas diferencias e unisen as súas forzas contra as frontes que a Xunta de Feijóo ten abertas contra o idioma propio: a derrogación do decreto do galego no ensino, o cambio de nome das defuntas galescolas, a modificación da Lei da función pública que elimina a necesidade de coñecer a lingua propia para ser funcionario e, nos últimos meses, a ‘ameaza’ de modificar a Lei e o Plan de normalización. Nun ambiente lúdico –no que a música das gaitas e os bombos acompañaron toda a marcha– tomaron a palabra nada máis chegar á Quintana os membros da plataforma Queremos Galego, Fran Rei e Patricia Vázquez, o intelectual galeguista Avelino Pousa Antelo, o presidente da Mesa, Carlos Callón, e o músico e activista cultural Xurxo Souto. Rei definiu as rúas de Compostela con palabras de Celso Emilio Ferreiro, como "un mar de orgullo, dignidade e esperanza" que "demostra que este pobo e esta lingua ten futuro". "Haxa vento, choiva, frío ou calor, estaremos na rúa defendendo o que somos", asegurou, para "darlle unha nova lección de civismo" á Xunta, "póñanse como se poñan Feijóo, os conselleiros e os políticos do PP" que "obedecen voces de fóra en lugar de defender o galego". A intervención máis aplaudida e máis emotiva foi a de Avelino Pousa Antelo, quen aos seus "95 abrís", ofreceuse a xuntarse "as veces que sexan necesarias" para "cantarlles as corenta aos galegos arrecastados". Pousa Antelo –que chegou mesmo a berrar consignas a un equipo da TVG mentres realizaba unha conexión en directo– declarouse un amante do galego, unha rebeldía que mantén intacta. "Que temblen os que pensan que poden dispoñer da liberdade e da dignidade dos galegos que é o máis sagrado", advertiu para rematar, rotundo: "Falo galego porque me dá a realísima gana e porque me peta". Pídenlle á Xunta que cumpra a lexislación lingüística Pola súa parte, Patricia Vázquez leu o manifesto da plataforma Queremos Galego, contra o "ataque" do Goberno ao galego por eliminar medidas "positivas" para o idioma. Tamén criticou Carlos Callón a "arrogancia e prepotencia" do presidente da Xunta, convencido de que Feijóo "vai continuar xordo ante as demandas da sociedade". Con todo, reclamoulle "seriedade e responsabilidade" para aplicar a lexislación en materia lingüística. Callón agradeceu aos castelanfalantes que se sumasen á manifestación e pediulles que "a mellor defenda do idioma é a súa utilización día a día". O presidente da Mesa referiuse tamén á "austeridade" defendida dende a Xunta que contrapuxo aos 160.000 euros que Educación investiu na consulta aos pais sobre o idioma no ensino ou nos 60.000 euros que o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, destinou a unhas xornadas "contra o galego". Tamén criticou que que altos cargos da Xunta "presuman de non saber falar galego" como a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, o de Educación, Jesús Vázquez, ou o de Presidencia, Alfonso Rueda. "Pensan que terían cargos se a lingua non existise?", preguntou. Pechou a rolda de intervencións Xurxo Souto que animou a xente a "deixar de ser espectadora e converterse en protagonista" porque "a nosa historia facémola nós!", berrou. Así, pediulles aos inmigrantes que acollan a lingua e aos mozos das cidades, que se "revolvan contra a indolencia social e os tópicos". PSOE e BNG acusan o presidente de ser o "inimigo" da lingua O PSdeG-PSOE e o BNG participaron onte na manifestación. Entre os asistentes estaba o secretario xeral dos socialistas, Manuel Vázquez, que acusou o presidente do Executivo Galego, Alberto Núñez Feijóo, de ser o "inimigo público número un" do galego. En contraposición, destacou o "compromiso" do seu partido co idioma e engadiu que "sempre" apoiarán a lingua. Ao seu lado, o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, indicou que a xustiza "non se fai só nos tribunais, a democracia faise tamén mediante uso das liberdades". Outros membros do PSdeG que se uniron aos manifestantes na Alameda foron o voceiro parlamentario, Xaquín Fernández Leiceaga, os voceiros de Lingua e Educación, Francisco Cerviño e Guillermo Meijón. Tamén estiveron Beatriz Sestayo ou Antolín Sánchez Presedo. O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez instou a Feijóo a "volver ó consenso" e "rectificar". O nacionalista esixiulle que cambie a súa política e que cumpra coa defensa do galego e da "identidade nacional", porque "hoxe miles de galegos van dicir alto e claro que están pola defensa do idioma". Desde a cúpula nacionalista, o voceiro de Lingua no Parlamento, Bieito Lobeira, dixo que a reacción social é o xeito de "facerlle fronte a esta política tan absolutamente destrutiva e agresiva". Acusou o PP de considerar que o galeguismo é "destruír o idioma". Por iso, anunciou que o seu partido presentará denuncias sobre a política lingüística da Xunta en institucións internacionais como a Unesco e o Consello de Europa. Do BNG tamén acudiron Francisco Jorquera, Fernando Blanco ou Teresa Táboas. Na marcha tamén participou a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz. Rueda fala de marcha "politizada" e Feijóo, de "trilingüismo" Alfonso Rueda dixo onte que o PP "respecta" a manifestación pero cualifícaa de "politizada" polo PSdeG e o BNG que a usan, ao seu ver, en contra da política de "liberdade" lingüística da Xunta. O secretario xeral dos "populares" afirmou que o seu partido "si que quere o galego" pero para que "conviva en harmonía co castelán". Criticou a foto na que o secretario xeral dos socialistas, Manuel Vázquez, e o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, saen xuntos, alegando que "supón a reedición na oposición do bipartito que rompeu o consenso lingüístico". Rueda tachou de "insólito" que o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, se manifeste contra un Executivo autonómico "en representación do Goberno central". Denunciou que o presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, "envíe aos seus ministros como teloneiros do BNG a favor da ruptura do consenso". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que onte se atopaba en Londres visitando o Centro Galego, non valorou a manifestación de onte e limitouse a apostar polo "trilingüismo" como "a mellor" opción para que os mozos se expresen en galego, castelán e inglés. "Ao bilingüismo cordial do galego e do castelán témoslle que incorporar un terceiro idioma", afirmou. Ademais, reiterou o "compromiso" do seu Executivo por "manter a lingua propia de Galicia" e "defender o castelán como lingua cooficial". Pola súa parte, a presidenta de Galicia Bilinge, Gloria Lago, considerou onte que a manifestación busca "restrinxir liberdades" e "reducir espazo a unha lingua oficial como o castelán". Logo criticar a presenza do PSOE, afirmou: "Parécenos ben -que se manifesten-, porque están entretidos", dixo, e engadiu que "é unha pena que se gaste tantísimo diñeiro" se "son sempre os mesmos", en alusión á Mesa pola Normalización. UNIÓN DENDE A OPOSICIÓN
DENDE O GOBERNO, O PP E GALICIA BILINGÜE