Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
A Lei de cine de Cataluña obrigará as grandes distribuidoras a estrear o 50 por cento das películas estranxeiras en catalán, xa sexan dobradas ou subtituladas. En caso de incumprimento, deberán aboar entre 1.000 e 5.000 euros por copia exhibida, ademais de entregarlle á Generalitat a metade do "rendemento" que xeren as copias distribuídas ilegalmente en castelán.
Segundo o texto do anteproxecto de lei, a cota do catalán só se aplicará ás "majors" que distribúan máis de 15 copias en territorio catalán, é dicir, afectará só ás grandes producións e quedará fóra, por exemplo, o cine independente ou as estreas en circuítos reducidos de versión orixinal.
Así, por exemplo, unha empresa que distribúa 74 copias dunha película estranxeira -considerada unha superprodución- deberá dobrar ou subtitular polo menos 37 copias ao catalán. En caso de incumprimento total -é dicir, ofrecer só copias en castelán- será multado con 185.000 e terá que entregarlle o "rendemento" que obteña a "major" por cada cinta en castelán. Quedarán exentas da obrigatoriedade do catalán as obras cinematográficas que estean gravadas en orixe en catalán ou en castelán, polo que o cine español quedará fóra do ámbito de aplicación da lei neste aspecto lingüístico.
Un voceiro da Consellería de Cultura explicou que o sistema sancionador é "proporcional" á infracción cometida. O obxectivo final é que o elevado réxime sancionador actúe de acicate para que as distribuidoras se vexan obrigadas a cumprir a cota do catalán. As grandes distribuidoras, maioritariamente estadounidenses, terán un prazo de catro anos para adaptarse á normativa. O texto, cuxos trámites para ser aprobado polo Govern xa están en marcha, conta co apoio dos socios do tripartito, polo que a súa aprobación está prevista para antes do próximo verán no Parlament, segundo o conseller de Cultura, Joan Manuel Tresserras.
Esta non é a primeira vez que a Generalitat impulsa unha lei para normalizar o catalán na industria cinematográfica. O Goberno de Jordi Pujol (CIU) non conseguiu sacar adiante unha norma parecida pola férrea oposición das "majors", que ameazaron con facer unha folga de distribución. En Cataluña, hai un total de 795 salas, que exhiben maioritariamente en castelán.
A lei catalá de cine traslada ó ámbito autonómico a lei estatal de protección do cine europeo. Así, contémplanse sancións moi graves de ata 75.000 euros para os cines que excedan o incumprimento da cota de pantalla de películas comunitarias nun 60%. Actualmente, 25 de cada cen películas proxectadas en cines españois deben ser europeas. O texto tamén prevé sancións de 75.000 euros por manipular datos de obras cinematográficas e polo incumprimento das condicións que impón para as películas pornográficas.
"É un mercado en lingua diferente"
O conseller de Cultura, Joan Manuel Tresserras, explicou que as sancións evidencian que o que lles interesa máis ás empresas é cumprir a lei. En canto ás "majors", a maior resistencia coa que terá que lidar o Govern para aprobar esta lei, Tresserras asegurou que a normativa se expón para incrementar a "liberdade do mercado", non para prexudicar os intereses destas empresas que dominan o mercado e, "calquera cambio" nel poden velo como "unha lesión ós seus intereses".
Ó preguntarlle por se o Govern lles plantará cara, o conseller desexou que non se dea a situación, aínda que recoñeceu que hai aspectos da lei que a estas "non lles interesa e non ven ben", como a dobraxe ó catalán porque conciben o mercado español como un só mercado: "Somos un mercado importante en lingua diferente; non o poden ignorar", dixo.
"Non é normal que en todas" as industrias culturais haxa unha proporción entre o catalán e o castelán "que tende ó equilibrio", e no cine haxa "a excepción", porque só o 2 ou 3 por cento son en catalán, lamentou.
Tresserras destacou que esta lei está feita con carácter industrial "para mellorar a oferta das distribuidoras, axudar ós exhibidores e para que o sector se adapte á chegada do cine dixital", recalcou Tresserras.