Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

O pasado é lume, non cinsa

Cúmprense dez anos da morte de Uxío Novoneyra

30.10.2009 Un día coma hoxe de hai dez anos morría en Compostela o poeta do Courel, o escritor ao que a Academia Galega lle dedicará o próximo 17 de maio

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Uxío Novoneyra asomado a unha fiestra da súa casa de Parada, no Courel
Uxío Novoneyra asomado a unha fiestra da súa casa de Parada, no Courel

Hai dez anos, morría en Compostela, tras unha longa enfermidade, Uxío Novoneyra, o home que consideraba a fala como "o único sitio onde seguen vivos os antepasados, a única forma audible de supervivencia". Toda Galicia quedou mobilizada aquel día por unha singular coincidencia: ese 30 de outubro estaba convocado no Teatro Principal de Compostela un acto de homenaxe. O propio Novoneyra elixira aquel día, unha estraña coincidencia que a poeta Luz Pozo Garza interpretou como "unha acción premeditada para xuntarnos o día da súa morte". En realidade, lembra agora Elba Rei, a súa viúva, en vésperas de que a RAG celebre a Novoneyra como poeta do 2010, foi "como se estivese elixindo a data da súa morte".

Nado no Courel no 1930, Uxío Novoneyra encarnaba non só o "poeta total" -como definiron algúns críticos- senón tamén a "voz concienciadora cívica e civil", como o cualificou Manuel María, compañeiro del en lides líricas e existenciais. A súa poesía, levada e traída de libro en libro, dispersa, reconstruída e remoída, fragmentada e sutil, revelouse con forza portentosa no 1955 con Os eidos, un libro que marcaría a poesía galega na segunda metade do século. Tardaría once anos en publicar o seu segundo poemario, Elexías ao Courel (1966) e outros oito en presentar unha segunda parte de Os Eidos (1974) xunto con textos que comezaban a exercer unha influencia decisiva na súa obra, a cultura beat.

Nos anos oitenta e noventa virían títulos como Muller ao lonxe (1987), Do Courel a Compostela (1988), Poemas da doada certeza (1994) ou Camelio xaponés, xunto outros volumes de narración para nenos e o libro de conversas Os soños teimosos, unha das máis lúcidas autopoéticas que se escribisen nunca en Galicia, en conexión coa excepcional rareza de Poemas caligráficos (1979), un conxunto de textos e caligrafías editados nos Cadernos da Gadaña do colectivo Brais Pinto, ao que el estivo estreitamente unido.

Ideoloxicamente, Novoneyra evolucionou cara a un comunismo de inspiración entamente marxista, baseado na liberdade e na solidariedade. A defensa do idioma e de Galicia como nación apontoaron tamén un perfil que se movía entre a independencia e un federalismo de repúblicas ibéricas.

Como activista cultural foi un incansable recitador -contabilizaba máis de 500 recitais poéticos- que converteron nun dos poetas máis populares e admirados do país. Desde primeiros dos anos noventa, foi o director indiscutido da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), con Miguel AnxoFernán Vello como secretario. Páx. 33-34

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS