Venres 06.11.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | ![]() |
| Zeca Afonso loitou contra o colonialismo e o fascismo, chegando a ser un símbolo da resistencia democrática FOTO: Axencias |
"Galicia é para min tamén unha especie de patria espiritual..." e "aproveito esta oportunidade para unha vez máis afirmar a miña grande amizade pola terra e o pobo galegos, cos que ó longo dos anos mantiven as mellores relacións, e para manifestar tamén a miña enteira solidariedade coa loita polo recoñecemento efectivo da lingua e cultura galegas como unha das máis ricas da península". Son dúas frases de Zeca Afonso que Benedito García, de Voces Ceibes, recolleu nun artigo que se pode ler na páxina web da Associação José Afonso -http://www.aja.pt/-.
Zeca Afonso mantivo unha intensa relación con Galiza. O 10 de maio de 1972, cantou por primeira vez en público, ante máis de 3.000 persoas, Grândola, Vila Morena, a canción que despois chegaría a ser símbolo da Revolución dos Caraveis. E o escenario daquela actuación foi Compostela: o Burgo das Nacións, onde hoxe se sitúa o Auditorio de Galicia, perto do lugar que o maio pasado foi bautizado como Parque José Afonso.
Benedito, Xico de Carinho, Juan Guitián, Artur Reguera e Antom Labranha foron algúns dos amigos de Zeca, que o acompañaron nos seus concertos en Galiza: Ourense, Lugo, Santiago... A asociación A Gentalha do Pichel xuntará a estes compañeiros do cantautor portugués hoxe, a partir das 21:00 horas, nun acto de homenaxe que contará coa actuación de Na Virada, Xan López, Uxía Senlle e Luís Almeida, ademais da colaboración de membros da Associaçom José Afonso.
Este colectivo portugués foi o impulsor da iniciativa 80 anos de Zeca, -http://80anosdezeca.blogspot.com/-, na que se envolveron preto dun cento de asociacións portuguesas e galegas, entre elas A Gentalha, para lembrar ao músico con diversas actividades, como a que O Pichel acollerá hoxe.
"Festexar a vida e a obra de Zeca", é o obxectivo, segundo explicou Eduardo Maragoto, da Gentalha. José Afonso deu recitais en Galiza a partir do 72 - un deles en vísperas do 25 de abril-, ata o 79, onde ofreceu o seu último concerto no noso país, no Parque de Castrelos de Vigo.
No 1985 recibiu unha homenaxe neste mesmo escenario, e entre o 25 de abril e o 23 de maio do 87 celebráronse diversos actos para honralo. No 94 o Colexio de Fonseca acolleu unha mostra sobre el, e no 1997 descubriuse unha placa conmemorativa dos 25 anos do Grândola no Auditorio de Galicia. "Estou farto de explicar por todo o lado que a Galiza nom é Espanha", dicía. "O triángulo máxico de Zeca está entre África, Mozambique e Portugal", onde loitou contra a ditadura salazarista e o colonialismo, e "Galiza", lembrou Maragoto.