Venres 06.11.2009      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google
[Noticia 2 de 19]noticia anterior de Maré Maré  |  RSS - Maré RSS

galardón

"O talento ten boa saúde"

O Premio Nacional de Cómic recae por primeira vez nunha obra publicada en Galicia e en galego, "As serpes cegas", que acaba de tirar do prelo o colectivo BD Banda

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

REDACCIÓN . COMPOSTELA

O álbum As serpes cegas, editado polo colectivo galego BD Banda, foi recoñecido onte co Premio Nacional de Cómic -dotado con 20.000 euros- que concede o Ministerio de Cultura. O volume, obra do madrileño Felipe Hernández Cava (no guión) e o mallorquino Bartolomé Segui (no debuxo), foi considerada a historieta mellor publicada en todo o Estado, logo de recoller galardóns como o Premio da Crítica, o Premio Diario de Avisos ao Mellor Guión e o premio do Saló del Còmic de Barcelona á Mellor Obra e ao Mellor Guión.

Trátase, ademais, da primeira vez que unha obra editada en Galicia -e en galego- consegue este recoñecemento. Para BD Banda, creada polo debuxante Kiko da Silva, é o primeiro álbum que publican dende que se constituíran en 2001. Un membro do colectivo, Germán Ermida, considera que este galardón é "a culminación" dunha treboada de galardóns.

"Para nós supón un recoñecemento a que en Galicia se pode facer edición de BD a bo nivel, aínda que o segundo paso, que aínda non se deu, é o de ter unha industria propia de Banda Deseñada propia", apunta. Ermida considera que "os autores galegos seguen a traballar a un ritmo impresionante. A nivel creativo, non deixan de saír sorpresas e atopámonos con debuxantes que traballan para EEUU. Porén, hai un certo impass a nivel institucional. Polo de agora, non hai apoio público, nin se celebrou ningunha reunión da mesa de BD", remarca.

A obra narra a historia dun emigrante que chega a Nova York no ano 1939 na procura de Ben Koch, un home que incumpriu un pacto. De xeito paralelo vemos como en España, a Guerra Civil está xa perdida para os republicanos, que se ven impotentes para prolongala ata o estourido dunha conflagración europea que modificará o mundo. Todo o universo dos protagonistas está presidido pola urxencia en axustar, durante eses días de abafante verán, as súas contas persoais. Ermida destaca o "impresionante traballo de debuxo e narración" da historieta así como a súa "relectura da novela negra e a súa ambientación". Considera que os autores afondan "no manexo das cores e no misterio da historia que nos contan". Para Ermida, o volume bebe de influencias como "o filme Terra e liberdade de Loach" ou de épocas como "o comunismo e o fascismo". Consegue, ao seu ver, "traladarche de España a Nova York con moita facilidade".

Pola súa parte, para os autores, este galardóns serve para que a historieta goce de recoñecemento oficial "do que careceu durante moitos anos", segundo Hernández Cava, e realza un xénero que desde os anos oitenta sofre "unha especie de enfermidade crónica, pero non acaba de morrer", asegurou Seguí.

Ambos coinciden en que no cómic hai un desequilibrio entre talento e industria. Seguí sostén que a industria impón certas limitacións á parte creativa do cómic español, que "goza de moi boa saúde", e cita entre os seus referentes a Miguelanxo Prado, Miguel Gallardo ou ós anteriores gañadores deste Premio Nacional que concede o Ministerio de Cultura, Paco Rocha e Max. Hernández Cava lamentou que o elenco de autores "dunha valía sorprendente, que non ten parangón en ningún outro país", que ten España se vexa obrigado "a exiliarse laboralmente por carecer dunha industria". Hernández Cava, quixo "deixarlle ó lector a idea de que os totalitarismos, sexan do signo que sexan, son unhas máquinas terribles que co nome de utopías, o único que fan é triturar a miles de inocentes".

REFLEXIÓNS

"Os ilustradores autocensúranse"

O lanzamento de As serpes cegas foi a primeira coedición entre Galicia e Francia no campo da BD. A obra acaba de saír do prelo da prestixiosa editora gala Dargaud, conseguindo unha boa resposta de público, crítica e vendas. Precisamente foi na revista BD Banda que comezou a súa andaina o álbum na forma de serie por entregas, chamando a atención deste xigante francés da edición. Ao ver de Bartolomé Seguí, isto é unha demostración de que "o mercado francés non é un coto tan privado", aínda que si "máis esixente, porque o público está máis afeito a ler historietas, sen ningún tipo de complexo".Os autores defenden a BD como un medio de reflexión á altura de calquera outro. Hernández Cava lamenta que os debuxantes "sigan exercendo certa autocensura". A "chamada corrección política", é, afirma, unha "espada de Damocles" que pesa sobre os debuxantes.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS