Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Pola esquerda, Heitor Picallo, Elvira Riveiro e Xosé Luis Santos Cabanas, no acto de onte |
A exposición sobre o republicano cuntiense Xohán Xesús González organizada pola Asociación Cultural O Fervedoiro chegou onte a Calo. A asociación A Oliveira de Teo abriuna onte no Local Municipal da escola da Igrexa desta localidade, nun acto que contou coa participación do escritor e investigador Heitor Picallo, membro do Fervedoiro e autor do libro: Xohán Xesús González: un precursor do soberanismo galego e a poeta Elvira Riveiro Tobío, que leu un poema inédito dedicado ao persoeiro protagonista desta mostra.
Xohán Xesús González: Porta dun futuro proletario, formada por quince paneis explicativos, comezou a súa andaina polo país na Gentalha do Pichel, en Santiago, tras inaugurarse en Cuntis.
Xohán Xesús González foi, impulsor do encontro entre o nacionalismo e o socialismo, un gran xornalista e avogado e un notable poeta, dramaturgo, ensaísta e novelista... O Fervedoiro propúxoo no 2007 para o Día das Letras, e homenaxeouno no 2002. Tamén a Gentalha o lembrou nun acto no 2005.
González naceu no seo dunha familia de labregos e canteiros. Chegou a estudar, grazas ao seu esforzo e o dos seus pais, Maxisterio e Dereito. Na súa época universitaria relacionouse con destacados membros da intelectualidade galeguista como Castelao, Fernández del Riego, Seoane ou Bouza Brey, e iniciou- se no mundo da dramaturxia e da poesía. Defendeu o agrarismo e o medio rural, o cooperativismo, a dignificación da lingua e a exportación da nosa cultura, a extensión da educación ás clases populares...
Criticou o centralismo e o caciquismo e a falta dunha política autónoma para Galiza. Como xornalista, a súa obra foi prolífica. Publicou artigos en La Voz de Galicia, El Pueblo Gallego de Vigo.... Tamén fundou o seu propio xornal, El País Gallego, e o semanario Amañecer.
"Galiza era a súa patria, terra e nación. Avogou pola autonomía, pero non tal como se entende agora. Participou na campaña a prol do Estatuto. El propoñía para o Estado un modelo federal ou confederal,unha federación ibérica, que incluíse Portugal. Era nacionalista, arredista, socialista e marxista, aínda que era partidario da pequena propiedade privada", subliñou Picallo nunha entrevista con este xornal.
González formou parte da UGT e do PSOE. Despois fundou Unión Socialista Galega e, tras non ir adiante este proxecto, integrouse en Izquierda Republicana, organización da que foi expulsado. Vangarda de Izquierda Republicana foi o último partido que creou.
"A USG desapareceu, pero sitúase nos alicerces das ideas da UPG, e por iso transcende a súa época. Hai que ter en conta que o mataron cando tiña 40 anos", indicou Picallo. O secretario de A Oliveira, Xosé Luis Santos, salientou a relación de Xohán Xesús González con Calo e con Teo. "Moi amigo de Faustino Liste, un dos canteiros que fusilaron con el. Outro eixe de relación foi o Tercio de Calo", lembrou.