Xoves 29.07.2010  | Actualizado 18.52      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

Dramaturgo

Manuel Lourenzo: “O teatro galego continúa a ser, en certa maneira, clandestino”

09.11.2009

2.0/5 [1 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE

Manuel Lourenzo, fotografado na libraría Couceiro, en Santiago
Manuel Lourenzo, fotografado na libraría Couceiro, en Santiago

Manuel Lourenzo (Ferreira do Valadouro, 1943) é dramaturgo, director de escena e actor. Comeza o seu traballo público en 1965, no Grupo Teatral O Facho, continuando co Teatro Circo, Escola Dramática Galega, Compañía Luís Seoane, Clube Teatral Elsinor e Casahamlet, onde traballa na actualidade.

Tamén fixo traballos para Tespis, Centro Dramático Galego (CDG), Uvegá Teatro, Os Quinquilláns, Alvardán, Carfax, etc.

Foi premiado moitas veces como autor e director de escena, ou polo conxunto da súa obra, algunhas delas, a nivel internacional.

Ultimamente publicou os seguintes tomos de teatro: Insomnes (2004); Nocturnos, Camiñar polo arame cunha lata de cervexa e O Glaciar (2005), Contos troianos, A noite dos cabaleiros e Eclipses (2006); Belicosario e Eléctricas (2007); As horas baixas (2008) e dirixido os espectáculos Contos troianos (2007), O Arame (2008), Nocturno Poe (2009), ademais da publicación de pezas breves en revistas e traballos de posta en escena en estudos de teatro e escolas municipais e conferencias, ponencias, artigos...

Ten obra teórica en colaboración con Francisco Pillado Maior e versións de tráxicos gregos, ademais de traducións de autores recentes: Büchner, Fassbinder, M. Yourcenar, H. Müller... Traballa como profesor no Estudio Casahamlet, da Coruña.

Nos últimos tempos recibiu os premios: Ribadavia e Pedrón de Ouro (2003), Maruxa Villanueva (2004), Asociación de Escritores en Lingua Galega (2006), Celanova, Casa dos Poetas (2007), Premio á Solidariedade en Galiza (2007), Homenaxe na XV Noite Poética A Pipa, de Becerreá (2207), MITEU, de Ourense (2008), Premio Nacional da Cultura Galega: Artes Escénicas (2008), Fillo Predilecto do Valadouro (2009), Álvaro Cunqueiro de Teatro (2009)...

 

Manuel, do teatro, cecais como un estereotipo, sempre se di que é unha alternativa á vida. Eu non o contemplo así, nin menos, pois calquera faceta literaria, calquera xénero en si e no seu envés, non deixa de ser alternativa, ao tempo-vida. O teatro, enténdoo eu coma una xénero distinto, pero non distante a calquera outra función literaria comprometida coa vida e a literatura; de non ser así non significaría nada, pois sempre ten que haber mensaxe en calquera forma de escrita, tanto na novela como nas súas intercomunicacións. Se non fose así, entendo que a penas case nada existiría. Así entendo o teu teatro: arte e compromiso. Cal é, Manuel Lourenzo, a túa resposta a esta breve reflexión?

Para min o teatro é a representación da vida mesma e a súa máscara, unha síntese de realidade e subrealidade. Ou, noutras palabras, a exposición do ser humano na praza pública, á vista de toda a xente. O resto é filosofía.

Entre Bertolt Brechet e Shakespearere, cal é o teu compromiso, o teu posicionamento, a dimensión lóxica, se tal houber?

Todos levamos algo do inmenso Shakespeare, mesmo o aguerrido e eclesial Bertolt Brecht. O primeiro é o arquitecto; o segundo, un capataz cualificado, "pontifex", mais non "maximus". Eu orgúllome de ser un discípulo "a perpetuis" destes xenios.

 

A escenografía ten un sentido definitivo no teatro, ou o teatro é unha irrealidade da imposibilidade lóxica?

Para min o espazo teatral é unha absoluta creación do actor. El é quen marca, coa súa actitude elaborada, as dimensións e os límites dese ámbito metafórico que é a escena. Basten os exemplos da traxedia grega, o drama isabelino ou a comedia italiana. "O teatro, Abdalá –dicía o Simbad de Cunqueiro–, é como unha novela, soio que non pasa no papel, senón en figuras vestidas nunha trabada nun patio". Un espazo tórnase grande ou pequeno dependendo de quen o habitar, das dimensións do seu compromiso co ser propio e colectivo. Enfeitar o escenario con alusións ao lugar "real" onde os feitos terían acontecido pode ser aceptábel sempre que fique a
salvo a distancia que vai do real ao simbólico, do concreto á metáfora que o representa. Sen re-presentación non hai teatro. Sen poesía para min, tampouco.

 

Cal é a parte de compromiso que ten o teatro, digamos a escrita de Manuel Lourenzo cos principios e a cultura da nación galega?

Penso que a palabra só ten sentido en plural: os compromisos. E é rica en obxectivos e ten moitas direccións. Tan importante me parece o compromiso global ou puntual sobre un tema político, como o persoal de chegar aos ensaios na mellor forma física posíbel ou o de varrer o escenario cando hai
que facelo. Unha cousa sen a outra chéirame a demagoxia.

 

O teatro galego, en xeral, goza dunha excelente saúde, ou polo contrario vive entre luces e longas sombras?

O noso teatro anda a bandadas, entre a inxerencia política e as crises económicas. É moi feble. E iso as instancias políticas e as teatrais sábeno. Ás veces os compromisos que se adquiren viran dardos envelenados para o creador. Pouco hai conquistado e pouco haberá en canto non haxa unha escola firme de honradez en que ambas as partes contratantes asuman as súas responsabilidades co debido rigor.

Deberíamos traducir máis teatro do que traducimos?

E máis literatura, en xeral. E máis historia. E máis ciencia. E aprendermos máis idiomas para non ter que traducir tanto.
Que o papel vai caro e o país está inzado de eucaliptos.

 

A Dante poderíamos consideralo un dramaturgo ou un escritor policíaco con tendencias teatrais?

Malia a Comedia de Dante ter declarada vocación divina, pode ser teatralizada, como demostrou recentemente Castellucci. E non é o primeiro exemplo da capacidade do estómago teatral. Ou non escenificara Meyerhold o asalto ao Palacio de Inverno? E non teatralizada Nacha Guevara un fragmento da guía telefónica? E Lola Flores non cantara, incluída xestualización, unha receita de cociña?

 

Ler ou representar... Cales poden ser as diferenzas, as ambigüidades, o tempo?

Para os antigos "ilustrados" o teatro distanciado da literatura era apenas un pasatempo. Nós, os "exquisitos" actuais, preferimos ir á praza para comprobar "in situ" o estado das cousas...

 

Fai, Manuel, un retrato do tempo coas palabras que ti precisas, debuxa coas mesmas palabras unha paisaxe dese tempo, podes, queres...?

"O mundo ha de acabarse cando se encher todo de camiños", dicía un libro que me contaron e que nunca cheguei a ler. Eu vexo o mundo actual así: un mapa cheo de camiños. Para onde levan, non o sei, ou se levan a algures
ou se simplemente son un argadelo para nos teren en continuo movemento e que nunca paremos a escoitar...

 

O teatro é unha forma de combate para non morrer?

Como todas artes. Como todo o que facemos os humanos.

 

Os camiños percorridos están a nos devolver a vida teatralmente, ou polo contrario nos levan a unha perversión sincrética na cá xente a penas cre?

Eu prefiro pensar que nada se ten feito en balde e que o teatro é unha resurrección constante e indiscutíbel.

 

Politicamente onde está situado Manuel Lourenzo?

Nas antípodas.

E con respecto aos credos relixiosos, dende o meu respecto?

Idem.

 

Seremos República Socialista Galega algunha hora das nosas vidas?
De chegarmos a confiar nas propias forzas, as visíbeis e as ocultas e ancestrais, de certo.

A poesía que lugar ocupa na vida de Manuel Lourenzo?

Eu comparo a poesía coa natureza e coa imaxe de fertilidade e o compás estacional. Xa sei que é unha idea moi simple, mais para min poesía é o que nalgún momento alguén, eu propio, se callar, ten definido como música.

É o ensaio, a historia, a novela?

Eu non escribo novelas. Canto a ensaio de tema teatral, teño catro libros con Francisco Pillado e un bo mollo de artigos, conferencias e ensaios, publicados uns, outros inéditos, os máis deles discursos sobre a ubicación do teatro na vida pública e as súas artes e maneiras para chegar a cumprir unha función reveladora.

 

Que é o que pasa para que non haxa máis representacións tetrarais na nación galega?

Non hai? Ou hai desordenadamente? Ou as máis delas son invisíbeis para unha maioría? Hai días, en Vigo, lin a carteleira nun xornal. O teatro viña en dúas columnas. A da esquerda titulábase Teatro, e a outra Teatro galego. E supoño que aquela publicación cobraría da Xunta de Galicia a cota lingüística correspondente, tanto máis elevada canto máis agresiva resultase contra a lingua do país. Na actualidade, o teatro galego continúa a ser, en certa maneira, clandestino. Lástima que non se decate.

 

O tempo non ten compromiso, circunstancia?

O que o tempo non ten son solucións para os problemas que poderiamos resolver nós, se quixermos. O noso tempo é o agora. E no agora é onde ten sentido e rendemento a loita.

 

Non poderemos ser para alá de algures unha república indepentente e soberana?

Se a queremos, teremos que facela. Eu non creo que sexa unha utopía. Se cadra, a aspiración moi forte
dunha elite. Podería resultar

 

Este goberno que nos desgoberna –ao meu entender–, é un goberno contrario ao galego... Cal é a túa opinión?

A mesma que ti apuntas. Un goberno contrario ao galego en toda a estensión da palabra. Encargado da nosa destrución, para maior gloria do Imperio, nado alá polo mil catrocentos e moitos nunha terra infecunda precisada de escravos para vivir deles... Aquí temos as últimas apóutegas desa aciñeira esquerqueñada... A súa encarga é descabezarnos para teren completo o negocio. A nosa misión, urxente e inexcusábel, é impedilo.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS