Sábado 21.11.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | ![]() |
| Pola esquerda, Henrique Monteagudo, Ramón Villares e Víctor Freixanes, na presentación onte ante a prensa do documento FOTO: CCG |
O Consello da Cultura Galega (CCG) trasladou onte á presidenta da Cámara galega, Pilar Rojo, unha proposta institucional na que insta á constitución dunha comisión parlamentaria que elabore unha iniciativa de consenso para o desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización Lingística (PXNLG) para aplicar na presente lexislatura.
O documento, presentado onte en rolda de prensa, advirte do "perniciosa" que resulta para o clima social a "asociación entre o idioma galego e a imposición, dunha banda, e o idioma castelán e a liberdade, da outra", que cualifica de "groseira falsificación da realidade que carece de toda base na historia, remota e recente, do noso país". O CCG rexeita así o discurso sostido pola asociación Galicia Bilingüe e reiterado en varias ocasións polos dirixentes do actual Goberno, aínda que sen apuntar directamente nin a este colectivo nin ao Executivo.
O texto, -resultado dun acordo adoptado polo plenario do CCG o 17 de novembro pasado, e cuxa elaboración comezou meses atrás a sección de lingua, literatura e comunicación desta entidade-, chama ao consenso social e político arredor da lingua, e convida os gobernos do país a non tomar "en ningún caso" medidas "que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego como lingua propia de Galicia, co obxectivo de situalo en pé de igualdade co castelán".
Tanto o presidente do CCG, Ramón Villares, como o titular da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, Víctor Freixanes, declinaron, porén, profundar se o texto supoñía unha crítica aos retrocesos que no ámbito da política lingüística está a impulsar o goberno do PPdeG. "A declaración é explícita, como se formule despois lexislativamente non é a nosa función", indicou Freixanes. "É un texto moi respectuoso institucionalmente, pero firme", dixo Villares.
Malia todo, o contido do documento si parece referirse, de modo implícito, ás decisións do actual Goberno sobre a lingua na educación e nas oposicións -derogación do decreto do galego no ensino, en proceso na actualidade, e supresión da obrigatoriedade de realizar polo menos unha das probas en galego no exame de acceso á función pública-. Así, o texto asevera que as liñas mestras da política lingüística en Galicia, e "calquera modificación subsantiva da normativa legal vixente, deben ser arroupadas por un amplo consenso político, social e institucional". Así mesmo, indica que "o funcionariado e o conxunto das institucións e servizos públicos deben estar suxeitos a especiais obrigas de capacitación e de uso do galego, en función dos dereitos que os cidadáns (os galegofalantes igual ca os castelanfalantes) teñen recoñecidos".
Por outra banda, e encabezado co mesmo verbo, "deben", o documento di que corresponde aos "responsables políticos en xeral" impulsar "un discurso público en que o idioma galego deixe de formularse en termos de problema e pase a comprenderse en termos de recurso ou activo social. A coexistencia de dúas linguas oficiais en Galicia non é nin debe contemplarse como unha fonte de complicacións, senón como unha riqueza e unha oportunidade para o noso país, na medida en que a posesión dunha lingua propia reforza a nosa identidade, nos socializa arredor dun proxecto común e nos sitúa perante o escenario da globalización e dos novos tempos, co conseguinte valor económico, político e social".
Na rolda de prensa de presentación do acordo estivo presente tamén Henrique Monteagudo, e no público estaba a cineasta, escritora e membro da Real Academia Galega Margarita Ledo.
Referencias implícitas ao decreto do ensino e aos exames das oposicións
O documento lembra que o galego "precisa dun apoio especial para superar a súa posición actual de desvantaxe, resultado do maltrato que recibiu no pasado", e considera a "igualdade plena" entre o galego e o castelán como un "reto de futuro que debemos afrontar". Un reto "inseparable da necesaria capacitación da poboación galega en linguas de difusión internacional, nomeadamente o inglés e o portugués".
Correspóndelle á Xunta de Galicia, -segue o texto-, "exercer o liderado dese proceso de recuperación e dignificación do idioma galego, como está inequivocamente plasmado nas leis". A seguir, o acordo cita a Lei de Normalización Lingüística e o PXNL, citando artigos concretos de ambos. A selección de artigos realizada reforza a interpretación posible do texto como unha crítica indirecta ao Goberno.
O documento reproduce, da Lei, os artigos sobre a toponimia, sobre o galego como lingua usual dos medios de comunicación públicos, sobre o uso oficial do galego nas institucións e a administración, e sobre a obriga da Xunta de fomentar a dobraxe de películas, estimular as representacións teatrais e en xeral a cultura en galego, e contribuír ao fomento do libro nesta lingua.
Do PXNL, o texto cita artigos referidos ao ámbito da educación: o dereito dos rapaces e rapazas a ser escolarizados na súa lingua, o obxectivo de que ao rematar o ensino obrigatorio os alumnos teñan un nivel de competencia equiparable en ambos os idiomas, e que o alumnado non pode ser separado por razón de lingua. Tamén incide en que a lei e o plan foron aprobados por unanimidade no Parlamento no 2004, co goberno do PP, e no 2008.
Ramón Villares
"É un texto moi respectuoso institucionalmente, pero firme, realizado cun obxectivo constructivo, o de contribuír a mellorar as cousas, que avoga por unha solución na que se impliquen todas as forzas políticas e mais a sociedade no seu conxunto, e para facer que a lingua sexa algo máis neutral, como defendía Piñeiro"
Víctor Freixanes
"O documento foi elaborado pola Comisión de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura. Despois elevouse ao plenario, que o aprobou. Na primeira parte explica por que o Consello se sente na obriga de actuar, con base en que é un organismo oficial que ten como finalidade a defensa e promoción dos valores culturais galegos".