Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Ánxela Gracián ten aínda un poemario inédito, ‘Palabras de pan’ |
A reflexión filosófica que hai detrás da lingua. As mentiras e as verdades que se agochan nas palabras. Os significados ocultos. Son algunhas das razóns que levaron a Ánxela Gracián a sentirse fascinada pola sombra das palabras. A súa patria literaria é un vilar de sete casas en Castroverde. Alí aprendeu a querer a sombra das árbores e sentiu medo do home do saco. Estudou Filoloxía Galega, e a súa primeira novela para rapaces titulábase Eu tamén fun peliqueiro de Laza porque na sombra do entroido nacen historias emocionantes, verdadeiras. Nunha tarde de abril, ela ollou no ceo un arco da vella que a levou a escribir o tenro contiño Pinga de choiva. Fala dun dragón ao que lle gustan moito as pingas de choiva que quedan no envés das follas despois de saír o sol. Ánxela Gracián pensa que: "Os nenos teñen máis capacidade ca nós para definir o amor". Ela escribiu tamén un libro de poemas narrativos titulado Palabras de pan, que permanece inédito, e quere recuperar a sombra da súa infancia rural.
Castroverde é para ti un lugar sentimental?
Dentro de Castroverde hai un vilar de sete casas, que non chega a ser aldea. Chámase Gracián. É como unha patria literaria. Esas palabras de pan que hai nos meus poemas narrativos fanme lembrar a miña avoa facendo pan, na artesa do forno e contando historias. Todas as infancias son felices. Non me gusta pensar que os nenos da cidade son máis tristes porque non teñen o cantar do cuco. Cidade e aldea son espazos diferentes. Lembro un xogo que me estarrecía de medo. O meu avó agochábase detrás da porta do faiado e disfrazábase de home de saco. Había unha sombra e eu tiña que atravesar aquel corredor interminable e saía o home do saco. Dábame moito medo.
A túa avoa Anuncia e o teu avó Guillerme foron as primeiras persoas que che ensinaron a imaxinar e escribir historias?
Eles eran transmisores da palabra oral. Meu avó contábame as historias de medo que lle contaran a el cando era neno. Miña avoa cantaba romances de cego. Era unha expresión de tristeza profunda. Cando estaba triste cantaba. Ela tiña moita imaxinación e moita memoria. Tiña un catecismo e sabía as oracións de memoria. Recitábaas como se fosen poemas. Escoitando anos despois a Bach tiven a sensación de que me chegaba a voz da miña avoa.
Por que estudaches Filoloxía?
Sempre lin moito. Cando tiña dez anos xa lera toda a biblioteca do colexio. Teríame gustado estudar Cine ou profesións máis artísticas. Filoloxía era unha carreira que estaba ao meu alcance xeográfico e eu tiña amigos que escribían, cos que compartía lecturas e poemas. Quería traballar coas palabras, con esa reflexión filosófica que hai detrás da lingua.
Que misterios hai no entroido? Que foi o que te levou a escribir "Eu tamén fun peliqueiro de Laza"?
Nesa novela convertín a miña pequena aldea de Lugo en Laza. A avoa do rapaz protagonista é un referente porque lle achega a súa presenza, o seu cariño, unha visión inxenua do mundo pero tamén moi rica. Vin cando se gravou a película Martes de Carnaval en Compostela, baseada na obra de Valle Inclán. Os peliqueiros aparecían correndo coas chocas pola praza da Quintana. Cando visitei o entroido de Laza sucedeu o encontro con ese mundo visual, colorido, acústico. Quedei fascinada. Tiña moito carácter dramático. Aos peliqueiros non se lles pode tocar. Son inviolables.
O protagonista da novela case queda paralítico. Hai un antes e un despois na vida das persoas cando sucede un accidente de coche?
O rapaz da novela ten necesidade de vivir nun mundo no que teña máis tempo para el. O universo da súa nai é: "Tes que ser o mellor, tes que competir mellor". É o poema de Goytisolo, versionado por Paco Ibáñez: "Trabaja niño, no te pienses que sin dinero vivirás". Eu quería reflexionar sobre a "non présa", e levar o rapaz a un contexto máis ligado aos ciclos da Natureza. Sempre me deu medo o coche. O mundo dos hospitais desaquelóutrate, tomas consciencia do que é a vida e sénteste fráxil.
Gústanche as gotas de choiva que quedan no envés das follas despois de saír o sol?
O arco da vella é o verdadeiro protagonista do conto Pinga de choiva. Son dous personaxes que pola súa propia fisionomía son distintos, opostos. O arco da vella, que se proxecta e brilla no ceo, e unha pequenísima pinga de choiva. Hai un medirse entre eles. Xogan a ser pinga de choiva e dragón. Cando lles conto esta historia aos nenos gústame xogar coa idea de Bertolt Brecht de romper a cuarta parede e saír da ficción. Por iso hai no libro ese dobre final, esa crítica velada ao comportamento dos adultos ante o amor.
O dragón dille á pinga de choiva: "Cando estou namorado gústame falar por teléfono todo o día".
É voluntariamente desmitificadora. Sempre se fala do amor con palabras grandes. É como dicir: "Gústame oírte, gústame que me fales". Entre Pinga de Choiva, o elemento feminino, e o dragón, masculino, hai unha tensión. Hai personaxes que están pendentes deles. É unha crítica amable á constatación de porqué nos interesa tanto a vida dos demais, e iso empobrécenos tanto. Hai tres pingas, e unha pinga fai cousas pequenas como comer un xeado, ir á perruquería, e séntese moi feliz. Os outros personaxes están máis á mercé da sociedade. Os nenos teñen máis capacidade ca nós para definir o amor. Non se ven na obriga de utilizar "palabras grandes".
Traducir obras literarias é unha forma de recrealas e comprendelas mellor? Recibiches o premio Plácido Castro pola tradución de "A illa misteriosa" de Xulio Verne.
Hai unha cita de Gianni Rodari que di que os que traballan coa palabra están sempre "atafegados de palabras". É como a luz para o fotógrafo. Eu síntome fascinada, seducida. Son incapaz de renunciar a ese elemento na miña vida, polo significado oculto das palabras, as mentiras e verdades que agochan. Traducir é esmiuzar o pensamento doutra persoa e levalo dunha lingua a outra. É un labor de silencios, reinvencións e hai moita creatividade. Vexo moito as imaxes que traduzo. Recreo moito os espazos.
Traduciches ao galego "Memorias de Hadrián" de Marguerite Yourcenar, un libro editado en Positivas.
Gustábame moitísimo esa novela. Foi a primeira tradución que fixen e é a miña tradución máis detida, reflexionada. Emprego un tipo de lingua moi barroca, que é tamén a lingua de Festina lente de Marcos Calveiro. É o enriquecemento do texto, un esforzo a maiores. A esencia do galego está nese tipo de norma e non na norma máis accesible. Marguerite Yourcenar é unha das miñas escritoras preferidas. As súas reflexións sobre a morte, a vida, o sono, o papel das mulleres na sociedade e o amor son totalmente contemporáneas. Escribir Memorias de Hadrián levoulle vinte anos.
Escribiches un conto titulado "Camiño solitario". A soidade tamén pode ser entendida polos nenos?
É unha homenaxe aos camiños do bosque, no outono e na primavera. Tento establecer a esencia das estacións. Ese libro está marcado pola morte dun amigo meu, co que compartín moitos camiños no bosque, e chegamos a fundar un grupo ecoloxista en Lugo. El morreu cando era moi novo e tiña un fillo moi pequeno. Vivía nos Ancares e antes de morrer convidoume a visitalo. "Camiño solitario" fala desa viaxe que non cheguei a facer, e fíxena a traves da palabra. Noutro libro meu, titulado Nun lugar chamado labirinto, tento explicarlle a morte a un neno. É unha reivindicación da memoria e do recordo. O tema da morte non foi moi tratado na literatura infantil. É un tema moi difícil, pero non deixa de ser unha parte da vida.
Ti es moi aventureira, viaxeira? Cres que para viaxar, e para escribir historias, hai que levar un mapa?
Viaxar ten moito que ver con aprender, enriquecerse por dentro, facerse máis grande. A través das enrugas dos mapas e do planeta fas descubertas. Penso nos grandes escritores viaxeiros, e nos pintores viaxeiros. Barceló con Mali. Gauguin coa Polinesia. Balzac con Italia. Gústame o proceso, a maleta ou a mochila, as incomodidades da viaxe, as incertezas coas que te vas atopar. Xa empezas a viaxar cando compras as botas. Teño fascinación con África, porque é unha volta a un estado de loita pola vida que é durísimo. E as cidades culturais de Europa. Viaxar polas galerías de Florencia ou polas pontes de París sempre é unha emoción estética.