Domingo 22.11.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | O libro Rúa da cancela, da autoría conxunta de Eli Ríos e Eduardo Estévez, foi o gañador da quinta edición do certame de poesía erótica Illas Sisargas, convocado pola Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica. O galardón resolveuse onte na Cea das Letras que se celebrou na Casa Arpón de Malpica.
O xurado desta edición estivo integrado por Emma Pedreira e Paco Souto (gañadora e accésit da edición anterior do certame), ademais de Antón Noceda (técnico de cultura de Malpica).
Con ocasión da entrega do premio, presentaranse os libros galardoados na anterior edición do certame: Xoguetes póstumos (de Emma Pedreira) e Alentar na túa Rosa (de Paco Souto), editados por Caldeirón.
Eli Ríos, nada na emigración, criouse en Lesta (Ordes) e residiu posteriormente en Compostela e, tras un periplo por distintos sitios de Portugal e Cabo Verde, retornou a Galiza para instalarse na Coruña, ó pé do Castro de Elviña. Neste 2009 acadou o XII Premio de Poesía Concello de Carral co libro Nós escoitando o badalo en Marienplatz que se encontra actualmente no prelo da editorial Espiral Maior.
Eduardo Estévez naceu e criouse en Bos Aires. Instalouse na Galiza de seu avó en 1995, primeiro en Compostela e, dende hai uns anos, ó pé do Castro de Elviña, na Coruña. Ten publicados varios libros de poesía (entre os que destacan lúa gris, caderno apócrifo da pequena defunta, derrotas e construcións), ademais de merecer varios premios (o Eusebio Lorenzo Baleirón entre outros).