Xoves 29.07.2010  | Actualizado 18.52      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

Escritora

Oriana Méndez: “Non creo que esteamos tan desartellados como podería parecer”

22.11.2009 Un Estado Federal español significaría que España seguiría a ter as potestades que ten hoxe

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE

Oriana Méndez debutou na poesía co libro ‘Derradeiras conversas co capitán Kraft’
Oriana Méndez debutou na poesía co libro ‘Derradeiras conversas co capitán Kraft’

Oriana Méndez naceu en Vigo en 1984, o mesmo ano que Michel Foucault pasou á posteridade e que Siniestro Total deixou para nós Menos mal que nos queda Portugal. Comezou a facer públicos poemas no ano 2000 e máis tarde adheriuse ao grupo de acción política Redes Escarlata (www.redesescarlata.org), participando no libro colectivo que o grupo publica en 2003: Xuro que nunca volverei pasar fame. Desde ese momento participa en recitais, publicacións colectivas de grupos como Burla Negra e revistas que, naquela altura, se desenvolven nun Santiago de Compostela mobilizado arredor do desastre ecolóxico acontecido co afundimento do Prestige. No ano 2006 goza dunha bolsa Erasmus en París, licénciase en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela en 2008 e en 2009 realiza un Máster en Estudos Teóricos e Comparados. Foi en 2007 cando se publicou o seu primeiro libro de poesía, Derradeiras conversas co capitán Kraft (Galaxia: Vigo). Hoxe continúa participando nalgunhas mesas redondas e encontros sobre poesía: III Encontro de novos escritores, ou a mesa de poesía do ciclo Escritores na Universidade, organizados ambos pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Ao tempo que colabora en proxectos de acción poética, coma A revolta das letras, organizado por Sabela López Pato en Santiago de Compostela, ten a oportunidade de desenvolver eventuais labores de lectura de libros para a revista Protexta. Na máis recente actualidade volve residir en Vigo, cidade da que en realidade nunca marchara, e teima na conclusión do seu seguinte poemario.

 

Oriana, imos comezar polas cuestións da lingua. A mi paréceme que a pretensión da actual Xunta no goberno, o galego está en perigo, senón de morte total, si de ser ferido gravemente, o que sen ningún xénero de dúbida si o levaría a unha morte real. O abismo con este goberno está por máis que Anxo Lorenzo ou Jesús Vázquez o enmascaren solertemente, no fondo estanse a seguir as instrucións das FAES aznarianas. Cal é a túa opinión a propósito desta miña breve reflexión?

O galego en realidade é forte, resiste, resistiu máis do que moitos pensaban a mediados dos setenta. Os sectores que máis duramente combaten a existencia do galego parecen non decatarse de que a nación e a lingua exceden o nacionalismo. Desta maneira están humillando a moitos cidadáns que usan o galego, pero que non son nacionalistas e é posible que estean provocando unha reación contraria. A Historia non é tan mecánica como prevén: o programa español de asimilación é perseverante e dura centos de anos pero nin así é tan fácil erradicarnos. Entón, non retrata esta actitude belixerante de certos grupos o fracaso do programa asimilacionista de España? En realidade, despois de todo, para sermos tan doces e tan guiadiños como semellaba, aquí estamos.

 

O trilingüismo proposto non é outra cousa que unha cortina de fume para agochar os problemas reais da nación galega e a súa cultura, evidentemente o seu idioma. Nun país en xeral diglósico, esta proposta semella coma unha tomadura de pelo, pois o desartello é múltiple na nación... Trilingüismo nos Ancares, no Courel, en Becerreá.... Cal é a túa reflexión?

Non sei se te estás referindo á introdución do inglés como lingua de uso, non como lingua estranxeira, na educación. Se é iso, a min non me alarma en absoluto. Paréceme ben que en todos eses lugares lugueses que citas aprendan inglés e outras linguas. De feito, desde un punto de vista sociolingüístico, resúltame interesante notar como asociaches certa idea de "cerne da nación galega" con territorios do interior. Existe de feito unha conciencia de que o "máis galego" está situado nas zonas menos industrializadas de Lugo, o cal é un prexuízo cara ás cidades costeiras. Finalmente, sería fantástico que Galicia fose bilingüe en inglés.

 

Ser bilingüe ou trilingüe é unha cuestión ou opción persoal que indubidabelmente non está ao alcance de todos nin de todas. Eu considero a Galicia monolingüe, impoñer o bilingüismo constituiría unha desfeita e un disparate, e moito máis seguindo as propostas dos galegófobos que no fondo, o único que queren é a substitución total do galego polo castelán... Concordas, Oriana?

En realidade, ser verdadeiramente bilingüe ou trilingüe non adoita poder escollerse, é máis ben un feito que vén dado polo contexto en que un medra ou vive. E si, considero que a pretensión de certos sectores da sociedade (Galicia Bilingüe, por exemplo) é a do monolingüismo español. Non semella que o vaian conseguir, como xa respondín na primeira pregunta. Respecto da imposición do bilingüismo, considero que xa está máis que introducido, eu son bilingüe e case todos os cidadáns galegos de menos de corenta ou trinta anos o son. Foi un traballo de séculos pero conseguiron que fósemos bilingües, se cadra leva outros tantos séculos que sexamos monolingües en castelán. Non seremos nós os que esteamos vivos para pensar en tempos compostos, quero dicir, para pensar en tempos compostos da mesma maneira que pensan en Valladolid.

 

A presión do castelán é tremenda, non hai máis que lles botar unha ollada aos distintos medios de comunicación. Úsase o galego de xeito litúrxico, cal romaría "enxebre" e pouco seria e formal. Como ves ti esta cuestión?

Respecto dos medios de comunicación, considero que a introdución do galego neles, así tamén o feito de que se convertese na lingua da clase política, supuxo un avance importante na normalización da lingua, porque axudou a mitigar certos prexuízos. De todos xeitos, estou contigo en que o espazo reservado para o galego segue a ser reducido e tendencioso e pode comprobarse na grande maioría das publicacións periódicas galegas. No que respecta á televisión, observo máis ou menos o mesmo. Ademais, supón un problema que non poidamos acceder ás canles portuguesas. A nova televisión dixital prometía acabar coa fronteira portuguesa, pero, polo que eu teño entendido, finalmente non foi así.

 

Oriana, o teu horizonte está no ensino, na investigación lingüística?

Si, en principio pretendo que estea no ensino. Faime moita ilusión traballar no ensino público porque é dos poucos redutos igualitarios que quedan na sociedade, ademais creo que tamén constitúe un cabalo de batalla para a dereita, que non só non se preocupa por melloralo, senón que insiste en beneficiar (beneficiar economicamente cos nosos imposotos) o ensino privado e concertado, o cal supón un desaxuste democrático.

 

Sénteste máis poeta que narradora, ensaísta, etc.?

A poesía é o xénero no que me sinto máis cómoda e no que teño máis experiencia lendo e escribindo.

 

Que alegrías che deu o teu fermoso poemario ‘Derradeiras conversas co capitán Kraft’, que alegrías e que amarguras?

Estou en xeral moi satisfeita coa recepción do libro. É unha tautoloxía pero deume a oportunidade de saber o que significa publicar un libro, as súas implicacións que ten. En certa maneira é un cambio de condición: cando publicas un libro pasas a que te tomen máis en serio que cando non tes publicado nada en formato libro, aínda que teñas moitas publicacións espalladas. A parte negativa, por outro lado, é a responsabilidade que crea nunha mesma o feito de darlle continuidade ao primeiro libro.

 

Andas ás voltas con algunha novela, con algún poemario, ensaio, ou  algún texto de narrativa curta?

Non son supersticiosa, así que respondo sen problema. Estou intentando rematar un poemario e tamén me gustaría poder concibir unha novela, pero diso non falo, non porque dea mala sorte, senón porque, polo menos de momento, non existe.

 

Nun Estado federal, as cousas marcharían mellor para Galicia?

Refíreste a que Galicia fose un Estado Federal? Bromeo, claro. Quero dicir, un Estado Federal español é español. Significaría que España continuaría tendo, máis ou menos, as potestades que ten hoxe. O Estado das Autonomías, o que temos hoxe, non é o contrario dun Estado Federal. Paréceme, entón, unha fórmula máis do asimilacionismo español, unha fórmula máis para que non queiramos marchar. O dominio de España sobre nós non é só unha cuestión de deseño do Estado; a cuestión é desfacerse dun dominio que incluso pode chegar a ter unha cara amable. EEUU é un Estado Federal que cribou a tiros os independentistas portorriqueños. Agora son independentes.

 

Monarquía e democracia, cal é a túa reflexión?

Son termos contraditorios, é evidente. Ademais, a tradición monárquica española é a absolutista, non é a da monarquía parlamentaria de hoxe. Pregúntome que lexitimidade pode ter un rei que foi coroado por Franco, nin sequera polo seu propio pai? Estamos ante un colmo antidemocrático dobre: un rei lexitima a súa coroa a mans dun ditador, que en realidade era o antigo rei, absolutista. Ademais de inxusta, é unha institución anacrónica que á maioría da xente nova nos evoca un pouco certa especie de imaxe común do feudalismo. Sobre todo cando ves o cambio de garda en Londres, porque a monarquía española, aínda que é igual de inxusta, é máis cutre.

 

Unha República Socialista Galega é un soño que xamais deberemos de abandonar?

Percibo unha Galicia independente non coma un soño, senón coma unha posibilidade. Unha posibilidade que debería poder pensarse e defenderse sen que isto implicase a marxinación, no mellor dos casos, ou a ilegalidade, no peor. Enfiando coa pregunta anterior, nun estado verdadeiramente democrático estaría admitido o dereito á autodeterminación, como se recolle na Carta das Nacións Unidas.

 

Considerar necesaria unha nova división administrativa de Galicia que atinxa máis a realidade?

A división administrativa actual, en provincias, é herdanza dun liberalismo español centralista que pretendeu eliminar a realidade plurinacional española divindo todo o Estado en máis de 50 provincias. Esta división non foi decidida por nós e non tivo en conta a nosa forma de relacionarnos. Preferiría unha organización que tivese máis en conta as comarcas, as parroquias, que non só son rurais, e os concellos.

As estatísticas, non sei se mal intencionadas, din que desceu o número de lectores, porén observo que se está a publicar moito máis, o cal ten moito de contradición nos termos, non che parece?

Supoño que te refires ao índice de lectura medio, que baixou pola competencia dos medios de comunicación. Non poño en dúbida que a xente lea menos porque antes quen lía era un número reducido de persoas e lía grande cantidade de libros. No entanto, hoxe a cultura democratizouse e o acceso á lectura é maior, polo tanto hai maior número de lectores que len menos, si, pero son máis as persoas que compran, por iso se publica máis. Supoño que isto é o que fai cadrar as contas do que parece ser unha contradición.

 

Vive a literatura galega –en xeral–a etapa máis brillante da súa historia ou polo contrario non é para tanto?

A lírica medieval é sempre un listón difícil de igualar. Para hoxe non temos perspectiva, pero si creo que a única parte galega independente de España é a súa literatura, quero dicir que a literatura galega é, fundamentalmente, autónoma e sólida. Descoñezo nación sen Estado en Europa cunha produción, sobre todo poética, tan importante coma a nosa. Alguén comentaba xocosamente que o éuscaro era o idioma para a loita, o catalán o dos negocios e o galego o da literatura. É un chiste tópico, claro, pero é certo que abundan os escritores. Iso está ben.

 

Con palabras Oriana, poderías facer un autorretrato?

Non, non considero que sexa eu a persoa máis indicada para falar de min.

 

Con respecto ás traducións de aquí para alá e de alá para aquí, cal che parece o panorama?

Non dispoño de datos precisos. Penso que neste sentido deberiamos ter en conta o modelo de excepción cultural, isto é; que a cultura non sexa tratada como unha mercadoría máis e que, en consecuencia, o Estado favoreza e protexa, sen esperar a cambio beneficios económicos elevados, o tráfico de produtos culturais, incluíndo a literatura. Porque o PP ten unha visión da cultura como un produto que ten que dar cartos, así subvencionan superproducións cinematográficas e eliminan as axudas á tradución.

 

Cal é a liberdade que debemos procurar, no sentido máis amplo da expresión?

Eu penso, con Jean Paul Sartre, que a liberdade nese sentido amplo do que falas non temos que procurala porque está dentro de nós. Quizais a verdadeira cuestión sexa procurar que non nos resten liberdades e que, polo tanto, vivamos nunha auténtica xustiza social; no máis parecido á igualdade.

Vivimos realmente nun Estado laico ou polo contrario non é máis que unha ópera bufa, burlesca e cínica?

Non, non vivimos nun Estado laico, nin realmente nin legalmente. O que di a Constitución é que vivimos nun Estado aconfesional, pero nin tan sequera iso é realmente certo. A separación real da Igrexa católica e do Estado segue a ser hoxe unha tarefa pendente 200 anos despois da Revolución Francesa. Vémolo continuamente: viven dos nosos impostos, opinan sobre o noso dereito a abortar, sobre as nosas relacións e sobre a educación dos nosos fillos. Non só os practicantes doutras relixións están en minoría fronte á relixión católica, que sen dúbida o están, pero tamén os ateos.

 

Que libro que aínda non escribiches che gustaría escribir?

Esta pregunta faime pensar no poema Kubla Khan de Coleridge, onde un poeta é interrompido polo leiteiro mentres trata de transcribir un soño. É dicir, é imposible escribir o libro soñado. Se te refires a un libro xa escrito, gustaríame escribir The Cantos, de Pound. A quen non?

Tes algún libro de cabeceira ao cal retornas con frecuencia?

Non teño un só. Aos libros, aos que nos interesan de verdade, hai que regresar porque nunca din o mesmo e sempre ofrecen posibilidades para aprender de novo.

 

Seguiremos desartellados por moito tempo, ou talvez xa petan na porta da Historia tempos de alba e gloria?

Penso que non debemos subestimar os estados de latencia, porque, aínda que non se miran, poden chegar a ser demoledores cando aparece a pedra que fai saltar a engrenaxe. Quero dicir que non sei se estamos tan desartellados como pode parecer. Realmente non o sei e tendo a ser optimista porque me resulta moito máis práctico para a vida e porque vexo de vez en cando como Vigo se mobiliza e como se crispan as persoas no supermercado. Iso é porque non estamos tan adormecidos como parece. En Os homes representantivos, di Emerson que todas as revolucións foron, no comezo, unha idea na cabeza dun só home. E nós xa somos máis dun home e dunha muller a pensar.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS