Mércores 25.11.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | Un xogo de sedución entre dous personaxes masculinos. Un diálogo en prosa e en verso. É a proposta de rúa da cancela, o poemario co que Eduardo Estévez e Eli Ríos acaban de gañar o IV Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, convocado pola Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica.
"A idea xa foi, desde o principio, escribir o libro entre os dous, Eli e mais eu. Os meus textos están escritos en primeira persoa, e os de Eli en terceira, desde a perspectiva do seu personaxe. Os meus están en verso, e os dela en prosa. É unha historia que sucede nunha noite, contada dun modo narrativo, de xeito pausado, demorado", explicou Eduardo Estévez.
"Os personaxes non teñen contacto físico ata o poema final, formado por uns fragmentos en prosa e outros en verso. Ata este poema, o verso e a prosa íanse intercalando", engadiu o coautor da obra.
Rúa da cancela é, ademais, un "poemario urbano. Transcorre en ámbitos como pubs, a praia, a rúa, o apartamento. O erotismo é moi directo, case pornográfico. Traballamos moito co vocabulario, porque non había experiencias previas semellantes na literatura galega, de algo tan explícito, tan evidente, entre dous homosexuais", afirmou.
O xurado estivo integrado por Emma Pedreira e Paco Souto -gañadora e accésit da edición anterior-, e Antón Noceda -técnico de cultura de Malpica-.
A traxectoria dos autores
Eli Ríos, nada na emigración, criouse en Lesta (Ordes) e residiu en Compostela, Portugal e Cabo Verde ata instalarse na Coruña. No 2009 acadou o XII Premio de Poesía Concello de Carral co libro Nós escoitando o badalo en Marienplatz que se encontra actualmente no prelo da editorial Espiral Maior. Eduardo Estévez naceu e criouse en Bos Aires. Instalouse na Galiza de seu avó en 1995. Ten publicados varios libros de poesía (entre os que destacan lúa gris, caderno apócrifo da pequena defunta, derrotas e construcións), ademais de merecer varios premios (o Eusebio Lorenzo Baleirón entre outros).