Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| González Tosar (esq.) con Roberto Varela, Carlos Lema, Anxo Lorenzo e Baltar no cemiterio ourensán FOTO: Rosa Veiga |
O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, non quixo onte responder o chamamento realizado polo director artístico de Galaxia, Carlos Lema, para apoiar a "importación e exportación" de textos literarios. Si amosou, pola contra, unha boa predisposición o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que subliñou a necesidade de apoiar as traducións do galego -e ao galego- porque a difusión exterior dos "nosos escritores" é tamén a difusión do idioma. Varela, Lorenzo e Lema coincidiron onte no Cemiterio de San Francisco de Ourense na homenaxe que lle rendeu o PEN de Galicia a Eduardo Blanco Amor, un acto no que tamén participaron o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luís Baltar, a concelleira de Cultura da cidade, Isabel Pérez, e o responsable do PEN, Luís González Tosar.
Nese acto, Baltar e Carlos Lema anunciaron que a obra máis famosa de Blanco Amor, A Esmorga, considerada tamén por boa parte da crítica a mellor novela galega do século XX, será publicada o ano próximo en inglés, nun proxecto no que colaboran a Deputación ourensá e Galaxia posuidora dos dereitos do autor ourensán. A tradución foi realizada por Craig Patterson, profesor na Universidade de Cardiff que ten publicadas importantes obras de escritores galegos, entre eles Otero Pedrayo.
A Esmorga xa foi traducida ao castelán e ao asturiano. No 2006, apareceu a versión en italiano e no 2007 en francés. Este feito foi o que lle deu pé ao director artística de Galaxia para reclamar un compromiso por parte da Xunta na tradución, sen que Roberto Varela se dese por aludido. O conselleiro de Cultura, pola contra, manifestou que era unha "honra" desprazarse "aínda que só sexan 25 minutos" a Ourense para renderlle "unha emocionante homenaxe" a Blanco Amor. Esa rápida visita, dixo, debíase a unha cita na súa axenda co arquitecto da Cidade da Cultura, Peter Einsenman.
O escritor ourensán, engadiu, "constitúe sen dúbida un maxisterio literario de vital importancia, mais creo poder afirmar que a súa traxectoria, como sucede con outros dos grandes nomes da súa xeración, propónsenos hoxe ante todo como modelo ético e intelectual".
Para Baltar, a importancia d"A Esmorga "radica no impulso que terá para a literatura galega a promoción en inglés dunha das obras senlleiras da nosa literatura". Tamén se referiu á "longa e histórica vinculación" de Blanco Amor coa Deputación de Ourense, xa que esta institución é depositaria da súa biblioteca, e supón "un xesto de xenerosidade dun dos escritores máis emblemáticos para a nosa provincia e para Galicia enteira, e unha mostra de xenerosidade e compromiso para que o seu legado quede á disposición da sociedade en xeral".
A Deputación ourensá reeditou hai un par de anos A Esmorga e fíxollela chegar a tódolos estudantes de bacharelato da provincia. Editou tamén Ars Amandi, no que se recolle a poesía inédita de Blanco Amor, e financiou o monumento na súa lembranza feito por Xosé Cid.
González Tosar reivindica a homosexualidade do escritor
O presidente do PEN Clube de Galicia, Luís González Tosar, realizou unha acendida reividicación da homosexualidade de Eduardo Blanco Amor. A xuízo do poeta do Irixo, Blanco Amor sufriu a discriminación da época pola súa condición de homosexual, algo que tamén -dixo- se pode estender á súa obra, "marxinada" desde distintos sectores.
Pola súa banda, a edil de Cultura, Isabel Pérez, destacou a "ouren- sanidade" do escritor nas súas obras, cando se celebra o trixésimo aniversario do seu falecemento nun ano, o 2009, que "o Concello de Ourense declarou ano de Blanco Amor" porque coincide co 50 aniversario da publicación d"A Esmorga. No Centro Cultural da Deputación de Ourense inaugurouse onte a exposición Eduardo Blanco Amor. Da súa propia man, composta por un conxunto de manuscritos das súas obras máis singulares así como primeiras edicións dos seus traballos, dedicatorias dos seus libros a amigos e coetáneos de Ourense, orixinais de artigos e colaboracións.
Pola tarde, os alumnos do Instituto Blanco Amor representaron a montaxe Os Baralláns, mentres que no Liceo se entregaron os Premios Blanco Amor de Contos para a Mocidade.