Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

O experimento turbio

03.12.2009 O escritor e xornalista Manuel Darriba publica na editorial Galaxia a novela "Branco", na que reflexiona sobre a circularidade do tempo e as relacións de poder

2.0/5 [1 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

LUPE GÓMEZ

Tiña a mente en branco, asolagada por unha luz intensa coma a que xogaba entre as pólas das árbores". Son palabras da novela Branco, un experimento que nace da imaxinación turbia de Manuel Darriba. Sentimos que a súa escrita espabílanos, mantennos alerta. Ten poemarios tan atrevidos como Vostede non sabe con quen está a falar (Espiral Maior). As súas expresión breves e cortantes fannos soñar coa xenerosidade e cos lagos inmensos de Finlandia. A novela Branco está escrita cun coitelo minimalista, precioso e cruel. Manuel Darriba pensa que o xornalismo é unha profesión mal pagada e pouco valorada. Él tamén estudou Filosofía. No próximo ano vai publicar un libro para público infantil, porque os nenos entenden moi ben a ironía turbia. Considérase a si mesmo como "un escritor experimental". A cor branca sería o lugar do esquecemento, das obsesións e da beleza.

 

Naciches en Sarria no ano 1973. Como lembras aquel tempo? A que che gustaba xogar?

Era unha vila moi distinta á actual, estaba chea de descampados que hoxe son bloques de vivendas. O meu barrio, de feito, está nunha parroquia rural que agora é parte do núcleo urbano. Da infancia lembro os anoraks e as bicicletas, e que os nenos de Vilar de Sarria xogabamos a pistoleiros e pasabamos o día subidos ás árbores.

 

Por que decidiches estudar Xornalismo en Madrid?

O ano que empecei a carreira implantábase Xornalismo en Santiago, 1991. Non sei moi ben por qué estaba tan decidido a ir a Madrid, supoño que quería ver mundo. Estudei nunha universidade pública e vivín nun colexio maior nada elitista. Era dos marianistas (aínda é) e estaba impregnado de pensamento libre. Gobernabámonos a través de asembleas, en plan ateniense.

 

O xornalismo parecíache unha profesión atractiva?

Parecíamo e aínda mo parece. Son moi consciente de que está mal pagada, mal valorada e a miúdo mal exercida. E ademais vivimos unha época de convulsións tecnolóxicas na que se impuxo o xornalismo de empresa. Pero cando me poño a traballar nunha reportaxe, ou nunha entrevista, non penso en nada diso.

 

"O peor é fixar nexos no mundo; entre as cousas do mundo. Durmir. Talvez soñar", dicías ti nun poema. Cres que as cousas do mundo están profundamente relacionadas ou demasiado desordenadas? Durmir e soñar son dous estados perfectos?

As cousas do mundo son un caos permanente, e máis nestes tempos, pero tanto o xornalista coma o escritor teñen a pretensión (máis ou menos ilusa) de poñer nelas certa orde. Durmir é unha actividade á que non lle dedico moitas horas. A soñar si, porque o fago desperto.

 

A poesía é un lago inmenso en Finlandia? Por que escribes poemas?

A poesía é unha forma de arte, nin máis nin menos. Non sei se é definible, pero si que é recoñecible e practicable. Por iso lémola e a escribímola. ¿Por que a escribo eu, en concreto? Primeiro, polo moito que gocei léndoa; gústache, empezas a imitala e máis adiante decátaste de que pode ser un vehículo persoal de expresión. Exactamente as mesmas razóns polas que escribo narrativa.

 

Escribes na pantalla do ordenador ou no papel do caderno? Sentimos medo ante a desaparición dos libros, como se tamén nós desaparecesemos un pouco...?

Eu escribo prosa no ordenador e poesía a man, é un costume do que non me dou desprendido. Non temo que desaparezan os libros en papel, creo que eu non vivirei para velo. De todas maneiras, aínda que o libro desapareza como obxecto, a literatura perdurará. Intúo que acabaremos afacéndonos a ler sobre pantalla (xa o facemos moito, de feito, en internet), igual que houbo a transición do papiro ao libro. A literatura existía antes da imprenta e existirá despois do libro impreso. Mentres exista a especie humana, claro.

 

Hai moitos xornalistas traballando en condicións precarias. Non é un traballo "agradecido" nin xustamente valorado?

Non me preocupa só a precariedade laboral (que é inadmisible), senón tamén o feito de que as empresas destinen cada vez menos recursos a facer xornalismo de calidade e se dediquen maiormente a defender os seus interese económicos. Conclusión: non só están en precario os xornalistas, senón tamén o propio xornalismo. A solución a isto non creo que sexa a tendenza de "todos podemos ser xornalistas facendo un blog", e conste que non teño nada contra os blogs, hai algúns que son realmente bos. Pero o bo xornalismo debe ser feito por profesionais, debe abordarse coma unha profesión tan rigorosa e esixente como pode ser unha disciplina científica. O problema? Que iso hai que pagalo, e teñen que pagalo tanto os usuarios coma as empresas produtoras.

 

Nun estado represor os represores tamén son eles mesmos vítimas? O exercicio desa represión acaba tamén embrutecéndoos?

Os represores, moitas veces, son alcanzados de rebote pola dor e polo sufrimento que causan. Fixéronse traballos de investigación excelentes en Arxentina onde saíron á luz as angustias e traumas dos torturadores, e estou seguro de que se pode aplicar a outros contextos. Quede claro que non os compadezo, desprézoos; pero nun escritor (e nun xornalista), mesmo o desprezo debe levar aparellada a vontade de "poñerse no lugar de", enteder as circunstancias.

 

Na túa novela "Branco" o minimalismo narrativo fai que amoses unha prosa espida, como se estivese escrita cun coitelo. Cres que hai que buscar esa sinxeleza turbia?

Neste caso, creo que a historia pedía ese estilo. Por outra banda, eu bebo da literatura norteamericana, aí están os meus mestres e os autores que máis me inspiran, e supoño que acaba notándose. Dubido que chegue a ser algún día un escritor barroco.

 

Que che suxire a ti a cor branca? Por que se titula así o teu libro?

A cor branca é a do esquecemento. Por outra banda, o "branco" do título alude tamén ao branco móbil no que se converte un dos protagonistas, nese xogo perverso de perseguidor e perseguido que constitúe parte da novela.

 

Vas publicar un libro para nenos no primeiro trimestre do próximo ano. É a primeira vez que escribes para público infantil?

O libro vaise chamar Brais e os demais, é unha colección de historias que pode lembrar algo o Pequeno Nicolás de Goscinny. É a primeira vez que escribo expresamente para nenos, pero xa traducira varias obras infantís, e é unha literatura que me gusta como lector. A dificultade? Que implica adoptar un código distinto, e aí temos que botar man da nosa parte infantil. Cando nun adulto se fala de "infantil", a miúdo é de xeito pexorativo, aludindo a comportamentos pouco maduros, pero tamén hai unha vertente positiva, a de ver as cousas cunha sinxeleza que pon en cuestión imposturas e complexidades ficticias.

 

Cres que o mundo dos adultos é ridículo?

En Brais e os demais tratei de xogar coa ironía e a tenrura e poñer en cuestión o universo dos adultos. Penso que esas cousas están no trasfondo da mellor literatura "infantil", e o de infantil póñoo entre aspas porque creo que non é unha literatura "só para nenos" senón "tamén para nenos". Por suposto que o mundo dos maiores é absurdo e ridículo. Nós pensamos que facemos cousas importantes, que somos algo na vida, pero todo iso é mentira.

 

No teu "decálogo de escritor para min mesmo" falas de "amar os máis grandes. Aspirar a medirse só con eles".

Empezo polas grandes persoas: as que son honradas e valentes e viven sen facer dano. Dito así soa simple, pero eu creo que é o resumo de todo un programa moral. Dos grandes creadores faríache unha lista longa de máis, e creo que diría nomes bastante obvios. Os autores aos que lles teño máis aprecio persoal (non os que me parecen os mellores, senón os que conectan comigo dun xeito máis estreito) son Truman Capote e Philip Larkin. E no xornalismo, Ryszard Kapuscinski.

 

Tamén falas de "ser obsesivo. Seguir o torturante camiño: desbotar, corrixir, destruír... Ir máis alá".

Como escritor, eu son obsesivo, si. Reescribo, corrixo e desboto continuamente. Non sei traballar doutra maneira. Non teño présa por publicar, son artisticamente ambicioso e compito contra min mesmo. A contrapartida disto é que é difícil quedar satisfeito. A min resúltame moito máis fácil apreciar o que fan outros có que fago eu mesmo.

 

Gústache experimentar coa linguaxe e descubrir camiños aínda que non saibas ben a onde te levan? Atráeche o descoñecido?

Eu considérome un escritor experimental, e non hai nada de pretencioso nesta afirmación. Coma todos os escritores, conto cousas que xa contaron outros antes. Pero na arte o elemento diferencial é a forma, e é aí onde temos que conquistar a condición de artistas.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS