Venres 04.12.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | A Mocidade pola Normalización Lingüística, sección xuvenil da Mesa, quere amosar a súa "gran satisfacción pola boísima noticia" que para a lingua supón que dende onte xa sexa posíbel escoller o galego na configuración do tuenti, a rede social na internet máis empregada pola xente nova. Anima, así mesmo, a todas as usuarias e usuarios a "aproveitaren o importante dereito que acabamos de conquistar".
O colectivo xuvenil en defensa da lingua promoveu no último ano unha importante campaña para a galeguización do Tuenti, demandando o dereito ao uso normal da nosa lingua, do mesmo xeito que xa viñan permitindo outras redes sociais semellantes, como facebook.
As Mocidades da Mesa animaron mediante esta campaña ao envío masivo de queixas ao equipo xestor de tuenti pola súa exclusión do galego, así como polo uso deturpado dalgúns nomes de lugar do país. Paralelamente, crearon ou promoveron eventos reivindicativos orientados a reclamar "o dereito a un tuenti en galego" que tiveron nos últimos meses un grande apoio, ao conseguiren sumar na actualidade máis de 20.000 adhesións. "O cambio de actitude" do equipo xestor de tuenti no que ten a ver co uso das diferentes linguas oficiais do Estado na configuración dos perfís e das aplicacións é para a Mesa "motivo de orgullo e parabéns colectivos".