Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Marcos Calveiro compaxina o xénero da Literatura xuvenil coa novela para adultos, onde conseguiu importantes éxitos como ‘Festina lente’ FOTO: Axencias |
Tras o éxito de crítica e público de Festina lente, unha das novelas máis aclamadas deste ano en Galicia, Marcos Calveiro apontoa o seu bo momento co Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil, que recaeu na súa novela O pintor do sombreiro de malvas. O Premio Lazarillo, que convoca a Oepli, é o máis antigo dos galardóns de literatura infantil e xuvenil que se ditaminou no Estado, desde 1958, e, na súa nómina de premiados atesoura varios nomes de referencia das literaturas en galego, catalán, éuscaro e español.
A historia que relata Calveiro, segundo el mesmo comentaba no seu blog, "acontece na pequena vila francesa de Auvers, na ribeira do río Oise, durante sesenta e nove días do verán do ano de 1890 e está protagonizada polo rapaz do lenzo que acompaña ao pintor do sombreiro de malvas...". O libro publicarase na primavera do ano 2010 en galego por Edicións Xerais, en castelán por Edelvives e en éuscaro por Ibaizabal.
Calveiro verá, tamén, no vindeiro ano a edición doutra nova novela, titulada Settecento, que sairá do prelo na colección Literaria de Xerais.
Tamén na súa bitácora virtual Marcos S. Calveiro quere "deixar constancia pública" do seu "máis fondo agradecemento a algunhas das persoas que nestes anos me axudaron no camiño da escrita cos seus agarimosos azos, valiosas ensinanzas e a atinados consellos, dos que confeso que non fixen moito caso ás veces: Nacho Chao, Martin Pawley, An Alfaya, Isabel Soto, Rubén Ruibal e Arume dos Piñeiros".