Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Editorial Galaxia continúa a publicar a correspondencia de Ramón Piñeiro, desta volta trátase da mantida co poeta e escritor Xosé Luís Franco Grande durante trinta e cinco anos, ata poucos meses antes do falecemento de Piñeiro, presentada baixo o título Cando o futuro comezaba. A estreita relación entre os dous correspondentes e o relevo que esta tivo nos anos de resistencia cultural fan deste libro, incluído na colección Memoria, un testemuño fundamental para entender o período no que se alicerzou a recuperación da cultura galega.
Nas cartas que durante máis de tres decenios cruzaron Ramón Piñeiro e Xosé Luís Franco Grande está presente o espertar da conciencia galega durante as décadas de 1950 e 1960. Trázase nesta correspondencia, de xeito nidio, o mapa que ha axudar o lector a se situar no miolo dos acontecementos que deron orixe a unha imaxe nova de Galicia.
Estas cartas, segundo subliñan desde Galaxia, son testemuño dunha época na que se puxeron os alicerces indispensables para a Galicia do presente.
A estreita relación persoal entre Ramón Piñeiro e Xosé Luís Franco Grande levounos a manter unha correspondencia constante que reflicte o pensamento de Piñeiro e, a través dela, pódese percibir un panorama do mundo da cultura galega daquela época. Estas cartas contribúen a poñer de manifesto o que foi a reconstrución da cultura galega despois da Guerra Civil.
Franco Grande (Tebra, 1936) exerceu en Vigo a profesión de avogado e é académico de número da Real Academia Galega (RAG). Autor do xa histórico Diccionario galego-castelán (1968) e do Vocabulario galego-castelán (1972) -que durante anos foron referenciais na aprendizaxe léxica do galego -, a súa obra poética publicouse reunida no volume Herdo de memoria e tempo (1987). En 2004, reeditou, ampliado, Os anos escuros, crónica da resistencia cultural do galeguismo durante a ditadura.