Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

historia

A "pandilla" da catequese

11.12.2009 O sociólogo Manuel Pérez Rúa faise co Premio Ramón Piñeiro cun estudo construído con testemuños da xeración dos nados nos anos 50

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

V. OLIVEIRA . SANTIAGO

Manuel Pérez Rúa, pola esquerda, Víctor Freixanes e Anxo Lorenzo, onte no fallo do galardón FOTO: ADRIÁN FUENTES/AGN
Manuel Pérez Rúa, pola esquerda, Víctor Freixanes e Anxo Lorenzo, onte no fallo do galardón
FOTO: ADRIÁN FUENTES/AGN

A orixinalidade do estudo realizado polo sociólogo Manuel Pérez Rúa (Moaña, 1956) -unha análise sobre a evolución social de Galicia dende a segunda metade do século XX a partir de testemuños orais- valeulle o VIII Premio Ramón Piñeiro -dotado con 6.000 euros- que foi anunciado onte polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, o director de Galaxia, Víctor F. Freixanes, e a responsable de comunicación de Gas Natural-Unión Fenosa en Galicia, Amalia Baltar.

Manuel Pérez Rúa, ex traballador de Ascón, sociólogo e técnico de cultura do Concello de Moaña mostrábase onte sorprendido por recibir este galardón. "Paréceme incrible. Eu, que son fotógrafo, levo un premio que tamén recibiron Xosé Luís Barreiro ou Basilio Lourenço", afirmaba onte. O seu traballo, titulado Retrato da xeración de 1950. Microhistoria do cambio social na Galicia contemporánea, indaga, a través de trinta entrevistas, nos cambios sociais que viviu a xeración dos nacidos en plena posguerra, dándolles voz ás experiencias dun grupo de veciños do Morrazo e tamén da visión de persoeiros coñecidos como Xosé Luís Barreiro, Xerardo Estévez, Ramón Villares, Uxío Labarta, Mini ou Antón Seoane.

Unha análise que, como conta o autor, comezou en 1999 a partir das entrevistas que realizou a unha "pandilla" "que rezou moito" -como asegura Xerardo Estévez- xa que se coñecen dende "a catequese". Este grupo de amigos "é o primeiro estamento da xeración que naceu en familias moi humildes no rural, chegaron a acabar Bacharelato, casaron e saíron da casa rápido e trasladáronse a traballar a Vigo, cando decaía a emigración americana, en pleno desenvolvismo dos anos sesenta", explica.

Pérez Rúa compara ademais os cambios producidos nesta xeración cos experimentados polos seus pais e os seus avós a comezos do século XX. "Este grupo de veciños vive nunha vila marítima. Para dous deles, seus pais morreron en accidentes de mar e eles quedaron coa máxima que lles repetían as súas familias: "Non traballes no mar, non emigres, estuda...". De aí que a maioría decidise traballar en fábricas de Vigo como Citroën ou en estaleiros como Barreras ou Ascón. Esa foi a pegada de xeracións anteriores", comenta o sociólogo.

"Agora empézase a escribir máis sobre temas de emigración pero os pais desta xeración tiñan un discurso do éxodo como algo heroico, un sacrificio polas súas familias. De aí que os seus fillos fosen criados sen pais, e non tivesen vínculos con eles, o cal supuxo frustracións e enfrontamentos", comenta.

Unha xeración que "estivo 25 anos no franquismo e outros 25 na democracia. Viviron nun mundo autoritario e foron educados ferreamente pero cando tiveron fillos, educáronos partindo do diálogo e do acordo, non do conflito", apunta. Ademais das testemuñas destes veciños do Morrazo, Pérez Rúa tamén contou coas visións doutros persoeiros máis coñecidos. "Xerardo Estévez, tanto na súa faceta de arquitecto como de cidadán que naceu naqueles anos, fala sobre como cambiou o urbanismo en Galicia; Xosé Luís Barreiro aborda a saída educativa do Seminario; Xoán Carmona analiza a evolución económica; Ramón Villares, a emigración; Uxío Labarta, a pesca ou Mini e Antón Seoane, a revolución musical", asegura o autor.

 

"A relixión cae en picado" como o uso do galego"

A través dos seus testemuños, constrúese unha Galicia onde "a relixión cae en picado", o mesmo que o galego. Ao seu ver, a perda do idioma e a súa substitución polo castelán está moi vinculada co traslado desta xeración das súas aldeas de orixe ás urbes. "As cidades representaban dúas cousas: lugares que oprimían pero tamén que seducían. Por un lado, alí ían estudar as últimas xeracións que recibiron o idioma directamente de seus pais, de xeito que pensaban que tiñan que andar con moito coidado para que non lle puxesen o alcume de "aldeán". Pero por outro, seducíalle pasar da case pobre da aldea a un piso ou cambiar a roupa feita por súas nais ou costureiras pola que podían mercar na cidade", explica.

Na opinión de Pérez Rúa, a prostitución marcou tamén o devir desta xeración. "Formaba parte dos ritos de paso: o que non tivera relacións sexuais completas antes da mili era unha vergoña e os amigos iniciábano levándoo xunto a unha prostituta. Ademais, non tiñan información sexual, que se limitaba só á masturbación. Pola contra, a perda de virxindade dunha muller naquela época xa significaba que non ía casar ben. Os seus fillos, pola contra, declaran abertamente a súa sexualidade, como se son homosexuais, algo impensable no franquismo".

En 1999, cando realizou as primeiras entrevistas a esta "pandilla" do Morrazo "xa tiñan cincuenta anos, os fillos criados e volvían a reunirse coma antes. Iso permitiume ter con eles unha comunicación máis aberta na que máis que facer preguntas, deixábaas abertas. Eles falaban como fillos dunha xeración pero tamén como pais da seguinte e contábanme os seus medos sobre as drogas, os límites da liberdade, ou as dificultades de cambiar hábitos sociais adquiridos durante anos", considera o autor.

O XURADO

Credibilidade e orixinalidade

"A idea de facer un ensaio a base de testemuños director, o que entendemos por historial oral, outórgalle ao texto unha importante dose de credibilidade", salientou o xurado sobre a obra que se achega a unha "xeración que vive ao longo da súa vida cambios tan importantes como o paso da ditadura do franquismo á democracia e á modernización da sociedade".

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, salientou o galardón que impulsa "un dos xéneros da produción escrita en galego que máis apoio necesita". Para Víctor F. Freixanes, esta distinción naceu "como unha contribución ao ensaio", esencial na creación da editorial Galaxia.

O autor da obra gañadora, Manuel Pérez Rúa, ten publicado os libros Moaña (Ir Indo) e, xunto con Daniel Romero, Galicia S. L. (Xerais). Ademais, colabora habitualmente en estudos de cultura e territorio coas universidades de Vigo e Santiago de Compostela.

A submisión das masas. Do poder do progreso ó progreso do poder, de Basilio Lourenço; Tempo de vinganza, de Anxo A. Rei Ballesteros; A terra quere pobo, de Xosé Luís Barreiro Rivas; Outro idioma é posible, de Teresa Moure; ou O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo, de Rebeca Baceirado, foron algúns dos títulos premiados nas pasadas edicións.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS