Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Marcos Sánchez Calveiro FOTO: Axencias |
Marcos Sánchez Calveiro naceu en Vilagarcía de Arousa no ano 1968. É neto de taberneiros e feirantes. Na taberna dos seus avós pasou moitos días da súa infancia, o fío das voces e das historias dos paisanos que alí escoitei enfeitizárono para sempre e son o celme na súa vocación de escritor. Logo quixo ser arqueólogo, debuxante de cómics, músico e arquitecto, e rematou estudando dereito. Malia todo o territorio da súa adolescencia foi a biblioteca municipal de Vilagarcía que estaba na traseira do concello e os andeis ateigados de libros da casa de seus pais.
Cos anos trasladouse coa súa familia a Vigo, onde hoxe reside, en Teis que xa é o seu barrio, coa súa parella e os seus fillos de 5 e 9 anos. Ademais de pai e escritor, no seu tempo libre desenvolve o seu labor profesional como avogado nesta cidade. Calveiro ten publicado os libros Sari soñador de mares, colección Catavento de editorial Tambre, que foi traducido ao catalán en 2007; o poemario Cartas do terceiro día, tirado pola editorial Espiral Maior, VIII Premio de Poesía del Concello de Carral (A Coruña); Rinocerontes e quimeras, colección Catavento de editorial Tambre, traducido ao castelán en 2008; O carteiro de Bagdad, editado por Tambre, tamén traducido ao castelán, e que recibiu o XVIII Premio Ala Delta de literatura infantil e o Premio White Ravens 2008; O canto dos peixes, publicado na editorial SM 2008, logo de recibir o Premio O Barco de Vapor 2008; Festina Lente, que tirou do prelo Xerais, tras recibir o Premio da Crítica Española en galego e o Premio Irmandade do Libro mellor libro galego 2009; e está a piques de publicar Settecento, tamén en Xerais mais O pintor do sombreiro de malvas, Premio Lazarillo 2009, que sairá en Xerais, Edelvives e Ibaizabal.
Marcos, ti en absoluto es alleo ao idioma, aí estan en presenza non descomprometida os teus libros, o teu compromiso co galego, como cultura e para máis alá da praxe e o sentimento. Hai varias frontes abertas en contra do galego, porque ao meu ver a estulticia ou estolidez pseudonacionalista, só nos achega a festas e distintas romarías cal produto dos primeiros andares do século pasado. Semella que como denuncia aínda non pasamos da Pardo Bazán e de todo o costumismo que agora mesmo non ten sentido nin sentimento. O idioma natural de Galicia é o galego; unha Galicia como nación negada, ao meu entender, só está no produto disparatado dunha colonización non menos disparatada e perversa, que así e todo, non son eles/elas que de materializar o seu obxectivo, que non é outro que o galego que eles desprezan sexa substituído polo castelán derivado en español. Para alá de Galicia Bilingüe e outras andrómenas, aí están con vergoña as declaracións a este propósito do ex alcalde Paco Vázquez, que non é un ignorante, pero tampouco deixa de selo. Cal é Marcos a reflexión que ti podes facer a propósito destoutra que eu che transmito?
Penso que aínda hai moito dese costumismo que ti dis. Ver a nosa televisión pública en horario prime time reflicte un país de gaiteiros, larpeiros e cazadores. Onde están os nosos escritores, os nosos pintores, os científicos do CERN? Algún cidadán sabe deles, do que fan? Logo, ante as declaracións dalgúns dos nosos gobernantes, só podo mostrar a miña vergoña e carraxe. E non me vale iso dos pobres colonizados, o que son é uns ignorantes e uns traidores, así de clariño, con todas as letras, o L incluído, por suposto.
Segundo Fermín Bouza Álvarez o galego está a se recuperar nas clases medias-altas. Un tamén o percibe así, e non é nada malo esa viaxe invertida. Nótase unha certa concencia pola defensa da nosa cultura, máis alá do lingüístico despois das propostas-presupostos do PP de Galicia, onde Anxo Lorenzo semella un elefante intelectual perdido nos areais do Vigo que o deshabita. Cal é, Marcos, a túa resposta?
Eu non teño esa percepción. Vigo, nestes intres, é territorio inimigo para o galego e os seus falantes. Sen ir máis lonxe, á miña parella mais a min, na panadería onde mercamos acotío o pan , coñécennos como "os galegos" como se vivísemos en Bos Aires. E ese alcuño púxonolo alguén que vai todas as fins de semana á súa aldea a levantar patacas ou a vendimar. Maior contradición é imposible. Respecto á viaxe invertida da que falas non me parece o máis axeitado para alicerzar a nosa lingua. Os movementos de enriba a abaixo poden dar lugar a que esa conciencia pola defensa da nosa cultura sexa vista pola cidadanía como algo elitista, como unha defensa dunhas prebendas que non son tal. O mito de que somos unha cultura subvencionada, en especial a literatura está aínda aí, coma o dinosauro de Monterroso.
Como entendes ti unha Galicia bilingüe de natural?
Bilingües só somos os galegos-falantes. Os que enarboran esa bandeira con grande rebumbio mediático –por certo, algún día haberá que pedirlles contas a todos ese medios suíños– son uns negacionistas, uns galegófobos que só pretenden aniquilar a nosa lingua.
O que se pretende vender como bilingüismo harmónico ou amigábel, non é tal, seguimos perante un panorama diglósico. A presión do castelán en todos os ámbitos sociais impide a remuda da situación. Mentres os meus fillos non poidan escoller no DVD o galego, ou xogar á DS en galego, ou ver un filme no cine en galego ou ter unha programación atractiva en galego na nosa televisión pública; iso do bilingüismo será unha utopía.
As clases intelectualizadas, por imposición estatal-colonialista, están colonizadas, reviradas, dende o Dereito á Medicina?
Eu non empregaría eses termos de colonialismo e colonizados. O emprego dunha lingua ou outra, non deixa de ser un opción persoal, o exercicio dunha liberdade individual. Non podemos estar sempre botando a culpa de todo ao que vén de fóra, temos que tomar a conciencia dunha vez por todas de que a responsabilidade en grande medida é nosa. Sei que non lles podemos esixir aos traballadores unha defensa da lingua no ámbito laboral cando ao mellor o seu traballo está en xogo, pero hai moitos profesionais e funcionarios que si, e tamén moitas entidades e empresas desta país. Como consumidores deberiamos estar aí, en primeira liña, esixindo os nosos dereitos, cando lle tocásemos os petos, xa verías como nos atendían en galego.
Eu móvome nun dos ámbitos profesionais máis refractarios ao galego, a xustiza, e dende hai moitos anos emprégoo nos escritos forenses e nos xuízos. Ao comezo foi moi traballoso, pois tiven que facer os meus propios formularios, pero logo foi todo de xeito natural e xa presentei, como moito orgullo, algún recurso de casación perante o Tribunal Supremo en galego.
A monarquía, por moi parlamentar que se proclame non é un anacronismo fronte á democracia ben entendida?
Por suposto, pero moitos aínda viven engulidos polo espírito da transición e non ven máis alá. Monarquía e constitución son dos tótems intocables, dous dogmas de fe. Calquera que non teña ese referentes decátase axiña do seu anacronismo. Un día tenteillo explicar, o da monarquía, ao meu fillo de nove anos e non acreditaba o que lle contaba. El pensaba que ao rei o votabamos igual có parlamento galego ou estatal. Pareceulle unha situación intrinsicamente inxusta: a ver por que el non podía ser rei tamén?
Que denuncias ou proclamas ti nas túas novelas, na túa poesía... Cal é despois de todo a mensaxe?
Nada, así de sinxelo. Eu son un contador de historias. Se alguén, logo da lectura pode tirar algunha mensaxe das miñas obras, perfecto. Eu non son un profeta oficiando perante os seus fieis, nin son un xeneral arengando as tropas. Deses, profetas e xenerais, xa hai moitos e así nos vai. As miñas obras unha vez que saen do prelo pertencen aos lectores e eles son os que poden proclamar e denunciar, non eu. Outra cousa é que escriba un artigo de opinión ou teñamos esta conversa.
Pode esmorecer o galego como idioma coa presión perversa e mais mediática do español?
Evidentemente ese é o gran problema, tentar evitar que o galego sexa só unha lingua ritual para a escola e para os escritos da xunta. Penso que as políticas de normalización deben ir por aí, polo camiño de levar a lingua onde están os rapaces, nos filmes, na rede, nas consolas... E darlles a posibilidade de escoller no futuro en igualdade de condicións, cousa que non acontece agora. De todos os xeitos se o ves con perspectiva histórica, sempre hai lugar para esperanza, xa houbo moita máis presión, algúns incluso xogaron ata a súa vida, e resistimos...
Un Estado federal podería solucionar en grande maneira esta España como invención enmarañada?
Podería, pero iso é máis un soño ca unha realidade; mira a lea do Estatut. Habería que facer moita leña coa constitución antes para poder chegar aí, e no sistema bipartito estatal no que nos movemos é imposíbel.
Vive a cultura galega, en xeral un dos mellores tempos da súa existencia, e de aí os deostos do autoodio, dos colonizados ou colonizadas?
Penso que si. No que me toca, no mundo das letras, que estamos ante un dos momentos creativos máis vizosos e extraordinarios. Pero coidado, non nos podemos confiar, pode ser iso que as vellas chaman "a mellora da morte", o derradeiro alaso antes de finar. A miña próxima novela, Settecento, está ambientada en Venecia é un bo exemplo do que digo: a súa República xusto antes de desaparecer baixo a bota napoleónica viviu un momento álxido no campo das artes en contraposición coa súa decadencia política e económica. Polo que non podemos ficar cegos. O reto está en facer visíbel esa forza creadora, pero a meirande parte das canles, os medios, están en contra, e a actual administración xa sabemos que lle preocupa máis o culturismo, é dicir a cultura do turismo, que calquera outra cousa.
Pódese entender ben unha Galicia bilingüe, ou non máis que unha opción máis do liberalismo burgués e aséptico?
Só se pensamos nela como un experimento nun aséptico laboratorio. Pero a nosa sociedade non ten as condicións de hixiene lingüística precisas. O dunha Galicia bilingüe é a arma de destrución masiva dos negacionistas, como o será ese trilingüismo que nos quererán vender nuns meses coa derogación do decreto no ensino.
Apostas decisivamente polo galego, polo monolingüismo, ou cres noutro camiño....?
Malia ser iso que chaman un neofalante, eu non fun educado nin escolarizado en galego, non teño outra lingua, nin escribo noutra, amais que non sabería facelo. Non vexo por que se un escritor finés é traducido ao galego eu non podo ser traducido ao finés.
A razón é unha arte de entender a vida?
Abofé que si, pero tampouco debemos pretender racionalizalo todo. Moita da nosa cultura popular foxe da razón e malia todo e un xeito de entender a vida, de explicar esta país. Eu creo na Santa Compaña e xa fun a San Andrés de Teixido ...
Tes algún libro ou libros de cabeceira?
Penso que iso é algo máis da adolescencia que da madurez. Volvo acotío a moitos libros pero o que non me pode faltar nunca ao meu carón é un bo dicionario. Son una coleccionista de palabras, son as miñas compañeiras de viaxe.
Cal é a túa relación co ensaio?
Confeso que non o frecuento moito, só cando me documento para unha novela leo monografías e estudos a eito. De todos os xeitos de cando en vez meto os fociños nalgún. Recoñezo que moito do meu tempo vaise máis en escribir ca en ler.
Nunca retorna o mesmo home ao mesmo lugar, segundo proclamaba nostálxico Antón Avilés de Taramancos?
O home quizabes non, pero o neno que fomos sempre está aí e regresa con nós aos lugares da infancia, agromando con aqueles recendos e sabores, coas lembranzas. Como digo eu sempre: o capitán de 15 anos que fun aínda me acompaña e escribir o que escribo e como o escribo, fai que siga aí, ollando por enriba do meu ombreiro.
Cos credos que tal se leva Marcos Calveiro, cal a súa actitude, o seu posicionamento?
Como dicía Buñuel, eu son ateo pola graza de deus. Non pertenzo a ningún credo organizado. Recoñezo a obvia influencia, para ben e para mal, do pensamento xudeu-cristián na cultura occidental, mais négome en redondo a aceptar, como que queren algúns, unha cruz como símbolo de Europa, para min só é símbolo de dor e morte, de persecución e intolerancia.
Que novela que aínda non escribiches che gustaría escribir, que ensaio ou poemario?
Mais que libros, hai personaxes en cuxa pel querería estar, unha novela sobre a aventura londiniense do Conde de Gondomar, un poemario sobre as galletas de Silvia Plath...
Que retrato ti, Marcos, farías do tempo e da súa dimensión fronte ao espello da vida, do vivir?
Vai soar a tópico pero eu no espello do tempo xa non vexo o meu propio reflexo senón o dos meus fillos.
Un retrato da historia da nación galega negada... Podes?
Quizabes se resuma nunha soa palabra: ignorancia. A nosa historia resúmese niso, nos ignorantes de fóra e nos de dentro. Habería que comezar a facer un grande exercicio de pedagoxía nacional, explicar a nosa historia como aconteceu na realidade e non como nola contou esa historiografía decimonónica que sacou un país da manga, España, e silenciou outros como Galiza.
O independentismo ben entendido, tamén, ou un Estado federal, podería ser a solución de moitos problemas que temos os galegos na diáspora interior?
Hoxe por hoxe, iso segue a ser o soño da Nazón de Breogán.