Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Mércores 22.05.2013  | Actualizado 14.10

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1

O CONTRADECRETADO ·· on time

Fin de ano trilingüe

Feijóo fará público o borrador do novo Decreto do galego o vindeiro día trinta, no último Consello da Xunta do ano e en vésperas da derruba da Porta Santa para o Xacobeo

Manifestación do pasado 17 de maio en defensa do actual Decreto do galego - FOTO: Axencias
Manifestación do pasado 17 de maio en defensa do actual Decreto do galego - FOTO: Axencias

MARÉ . SANTIAGO   | 23.12.2009 
A- A+

O trinta de decembro, o mesmo día no que se celebra a translación dos restos do Apóstolo e á véspera da derruba da Porta Santa para o Xacobeo 2010, a Consellería de Educación dará a coñecer o borrador do novo Decreto do Galego. A data, que coincide tamén co último Consello da Xunta, leva até o límite a promesa do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de presentar o texto antes de concluír o ano, pero non deixa de ser unha data propicia para a polémica: en plenas vacacións de nadal e na antesala dos festexos do Ano Santo. A oposición parlamentaria do Partido Popular (PP), en previsión dunha posibilidade semellante, forzou de feito onte o debate sobre a política lingüística de Feijóo.

O camiño do novo decreto resultou máis tortuoso do que o presidente supoñía e do que prevía o encargado da súa redacción, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. A maior dificultade foi contentar as distintas familias que conviven no propio PP, con posturas dispares respecto ó que debe ser o uso do galego no ensino.

O sector de tendencia galeguista xa lle deixou claro a Feijóo que non recibirían ben un desregulamento legal significativo do idioma propio. Esta mesma fin de semana, o candidato a presidir o partido en Ourense, José Luís Baltar -fillo do actual presidente da Deputación ourensá e contrincante da lista apoiada polo aparato oficial-, cualificou a lingua galega como "un elemento diferenciador fundamental" que cómpre protexer e confiou en que o novo decreto "non relegue o galego en beneficio do castelán" porque, nese caso, "non tería futuro".

Outros sectores son moito máis refractarios, en concumitancia con asociacións como Galicia Bilingüe, á que o PP -e o propio Feijóo- apoiaron nalgúns dos seus actos de defensa do castelán na etapa do goberno Bipartito. Dous son os polos que presionan o presidente para esborrallar as liñas básicas do proceso de normalización. Por un lado, o presidente do PP coruñés e xefe da oposición municipal herculina, Carlos Negreira, aprema a abrir canles que permitan modificar a lexislación actual, entre outras razóns para poder institucionalizar o topónimo en castelán da cidade.

Polo outro lado, a presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo -e probable candidata do PP á Alcaldía de Vigo- xa amosou durante a pasada campaña electoral autonómica que abandonaría o partido se ao chegar a Xunta, Feijóo non modificaba o actual decreto e rebaixaba a presenza escolar da lingua galega.

Porro, unha das personalidades conservadoras máis próxima publicamente a Galicia Bilingüe, coincide nas súas teses co outro home forte do PP vigués, Ignacio López Chaves, concelleiro e protavoz do PP no Parlamento para asuntos culturais. López-Chaves presentou recentemente unha moción para evitar que o galego fose a lingua do uso do Concello de Vigo.

 

Os problemas do ensino en inglés

Con estes resortes presionando, ninguén se atreve a adiantar cal vai ser a división lingüística que ofreza o novo decreto, engadindo ademais a vontade de que se dea entrada ao inglés como lingua do ensino, de xeito que o bilingüismo se transforme en trilingüismo.

Algunhas asociacións e sindicatos consideran que a entrada do inglés no sistema educativo é unha especie de envoltorio para lapelar o galego, como aconteceu na Comunidade Valenciana coa materia de de Educación para a Cidadanía, oficializada en inglés polo goberno do PP como revancha polo seu desacordo coa disciplina. En calquera caso, o ensino trilingüe presenta series dificultades no caso do inglés, tanto polas dotacións escolares como polo escaso dominio desta lingua entre os profesores, como criticaron diferentes asociacións.

REACCIÓNS

A Mesa cre que se vulnera a Lei de normalización

Ante a inminente presentación dun novo decreto, a Mesa pola Normalización Lingüística remitiu onte un comunicado no que lle advirte ao goberno autonómico de que "calquera proposta por debaixo do 50% de docencia no idioma propio do país será nula de pleno dereito, xa que vulnerará a Lei de normalización".

A norma aprobada en 1983, considerada de desenvolvemento estatutario, establece no seu artigo 13.2 que "as Autoridades educativas arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino". Iso significa que calquera proposta de decreto que sexa regresiva será directamente inválida. A Mesa lembra, ademais, que o propio presidente da Xunta sinalou a semana pasada que a proposta estará "de acordo coa Lei de normalización lingüística".

A asociación lembra que o Goberno de Feijóo se encontra con outros obstáculos no seu "ataque contra a nosa lingua no ensino". Por unha banda, que "é obriga dos poderes públicos garantir que os rapaces e as rapazas finalicen cada etapa educativa coas competencias comunicativas tanto de galego como de castelán", cando -engade- "diferentes estudos demostran que no caso do galego iso non se está a conseguir, polo que non tería sustento legal que se producise unha redución da presenza do idioma desfavorecido".

Desde a asociación manifestan a súa "convicción plena" de que "calquera proposta regresiva será tombada polos tribunais". Ademais, confirman que a desprotección do galego tamén comportría unha condena internacional, xa que "os tratados sobre dereitos lingüísticos asinados polo Estado español sinalan un camiño claro de restauración dos idiomas propios, que ningún goberno democrático pode saltar unilateralmente".

CALENDARIO

A CIG anuncia folga para o 21

A CIG-Ensino estima que a presentación do borrador do decreto se demorou ao máximo para que "teña a menor contestación posible". O sindicato considera que a Consellería de Educación demostra así "unha vez máis, aleivosía", "utilizando sen pudor os períodos vacacionais para anunciar ou aplicar aquelas cuestións que sabe son controvertidas".

A CIG recordaba onte que rexeitará calquera medida que pretenda reducir a presenza do galego nas aulas e que, como parte da plataforma Queremos Galego -que sacou á rúa miles de persoas en outubro contra a política lingüística da Xunta- haberá unha folga do ensino.

A protesta, que apoiarían tamén diferenets asociacións, celebrarase previsiblemente o 21 de xaneiro, e servirá para reiterar o desacordo coa estratexia dun Goberno que sostivo que o decreto aínda en vigor, deseñado polos socialistas do Bipartito, e que establece polo menos o 50% da docencia en galego supón unha imposición desta lingua, a pesar de beber do Plan de Normalización Lingüística impulsado polo Goberno de Manuel Fraga.

 

A CERNA

Cumprir o programa

A Xunta mantivo mutismo case total sobre o contido do decreto. Só indica que será flexible, e que cumprirá o programa electoral do PPdeG: un terzo da docencia será en español, outro en galego e o restante, en inglés.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS