Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

poeta

Versos de supervivencia

24.12.2009 Manuel Forcadela: "A vontade da construción nacional, máis aló da lingua ou da propia idea de nación, está no propio sistema literario"

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

V. OLIVEIRA . SANTIAGO

"O poema galego (...) foi deixando as marcas dunha sociedade en crise, dunha sociedade incapacitada para decidir o seu destino, mesmo para asegurar a súa supervivencia, en loita por ser centro e non periferia, escenario e non sombra, aproveitando da súa lucidez ou puro gozo da súa alucinación, á procura, entre Apolo e Dionisos, da súa propia dignidade". É unha das conclusións que o escritor e profesor da Universidade de Vigo, Manuel Forcadela (Tomiño, 1958) achega no seu último libro de ensaio, Sete leccións de poesía, que acaba de tirar do prelo Espiral Maior.

Un volume no que indaga nos posicionamentos estéticos e nas estratexias discursivas na poesía galega contemporánea, sobre todo, dos autores da Xeración dos 80 -dentro da que se inclúe o propio autor- a partir da análise de sete poemas de Celso Emilio Ferreiro, Avilés de Taramancos, Álvaro Cunqueiro, Xosé María Díaz Castro, Xavier Rodríguez Baixeras e Manuel Rivas. "A tradición literaria galega ten un carácter cíclico e oscila entre o apolíneo e o dionisíaco", explica Forcadela.

Para o estudoso, o poeta da modernidade "é un ser asocial, un individuo fóra do círculo do real, un soñador, un indesexable" ao que, ademais, se lle engade a condición de ser galego, o que supón, ao seu ver, "unha dobre marxinalidade". "Somos pospoetas, como dicía Heidegger, somos poetas en tempos menesterosos, resultado dunha serie de condicións culturais específicas, un poeta que tenta resolver a realidade na que se manifesta", indica

Malia a súa condición "asocial", o poeta galego "non renuncia a liderar a revolta" contra o poder. "O poeta pode ter unha aspiración estética, necesariamente solitaria, pero, por outra banda, non pode deixar de ter unha ética e unha solidariedade. Ser ético e estético non é unha contradición", considera.

Os poetas dos oitenta lideran unha rebelión contra "o patrón, a terra abandonada, a ignorancia, a falta de talento e o atraso", sinala Forcadela, xa que consideran que "a clase dirixente é a responsable do atraso" secular do país. "Existe un clamor contra a traizón das clases privilexiadas en Galicia, que preferiron pactar co centralismo antes que defender a súa poboación, como se fosemos unha economía neocolonial. Iso está presente na nosa literatura non só como tema senón tamén como concepción repetida da que sempre parte o escritor galego", considera o profesor.

Un dos poetas cunha traxectoria "exemplar" neste sentido é, segundo di o autor, Xosé Luís Méndez Ferrín que concibe "a vangarda literaria como acción política" en libros como Con pólvora e magnolias. "A transición do realismo social ao culturalismo ten lugar a través de Cunqueiro e de Ferrín", engade o profesor.

A construción nacional, a normalización cultural do país e a consecución dun sistema literario autónomo son a batalla dos escritores galegos apontoada xa dende os anos oitenta. "O que é un milagre é que exista unha tradición literaria propia, que sexa o resultado dun proceso colectivo de miles de persoas, da recuperación da creación; iso reafirma o carácter nacional de todo sistema literario. A nación está máis aló da lingua ou da propia idea de nación. Está no sistema literario", asegura.

 

"Os autores dos 80 reaccionan contra o seu propio pasado"

Segundo Forcadela apunta no libro, a xeración dos oitenta inflúe na aparición da poesía de muller nos anos 90, na repunta da poesía social en voces como a de Rivas ou Álvarez Cáccamo ou mesmo na renovación do discurso poético solidario tras o desastre do Prestige en 2002. "A xeración dos oitenta tivo unha influencia determinante nos escritores posteriores, foi o espello no que se contemplan e, tamén, se miran horrorizados como aquilo ao que teñen que negarse. Iso forma parte da evolución literaria. Cada texto é unha tentativa de definir o que é un escritor, en contraste co anterior, a el mesmo e ao mesmo tempo, co alleo a el. Nese momento, os poetas dos oitenta reaccionaron contra o seu propio pasado", comenta.

Cunqueiro e Díaz Castro empregan os mitos como Penélope e Edipo nos seus poemas como "alegorías" da situación de Galicia. Un país no que os seus escritores se identifican cunha "causa común", a da vontade nacional, a dun futuro digno, unha modernidade literaria ou o progreso económico que non acaban de chegar.

VARIAS OBRAS DE ESPIRAL MAIOR

Un regreso "teórico" á lírica

Este ensaio de Manuel Forcadela forma parte do novo proxecto de Espiral Maior que ten como base estudos rigorosos e achegas sobre unha das realidades -a da creación poética- máis importantes da cultura galega no século XX.

Así, ademais de Sete leccións de poesía, a editorial acaba de tirar do prelo outros dous ensaios: Bos tempos para a lírica. A xeración dos 80 de Xavier Rodríguez Baixeras e Espazos do poema. Poética, lectura crítica e análise textual, de Xosé María Álvarez Cáccamo. "Trátase de presentar un esforzo teórico dos autores da xeración dos oitenta que, a parte de ser poetas, tamén nos dedicamos ao ensino e temos un discurso teórico sobre a poesía", explica Manuel Forcadela.

O autor de Tomiño, gran coñecedor de Pondal, publicou nos anos oitenta, obras salientables como Ferida acústica de río (Premio Celso Emilio Ferreiro), O varredor en outono (Premio Leliadoura).

Nos últimos anos, regresou á poesía tamén con notable éxito con volumes como Morte do fadista (Premio Espiral Maior), Refutación da musa (Premio Aula de Poesía de Barcelona e Premio da Crítica) ou Lámpada e medusa (Premio Esquío).

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS