Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
A capela da Madalena de Arzúa acolleu onte pola mañá a entrega dos premios do Certame de Narración Breve Modesto Rodríguez Figueiredo. Esta cita coa literatura contemporánea en galego pretende converterse nun trampolín para os escritores que utilizan a lingua propia ao tempo que se loita "contra estes novos séculos escuros", segundo as verbas da mantedora do acto de onte, Iria Torreiro Rodríguez.
As alusións aos grandes da literatura galega, coma Rosalía de castro, Castelao, ou Eduardo Pondal, entre outros, non faltaron no que se perfilou como un canto pola "identidade e a cultura" de Galicia. O presidente da Fundación Pedrón de Ouro, Xosé Ramón Fandiño Neira, pola súa banda, lembrou a relación entre a vila arzuán e persoeiros ilustres da literatura galega que, como Ánxel Casal ou Luís Seoane, "foron os elementos urbáns" dos seus ancestros rurais. Fandiño tamén fixo mención aos gañadores doutras edicións do Modesto Rodríguez Figueiredo, ao tempo que salientou as dificultades á hora de elaborar unha narración breve. "Esixe unha precisión de reloxería; cada frase é un elemento indispensable para o conto", indicou.
Proba desta precisión foron os relatos presentados polos tres gañadores deste certame: Juan Tallón, con Era el, que acadou o primeiro premio "pola súa fluidez narrativa"; Manuel Quintáns (primeiro accesit) con A movida, e Fernando Lavandeira (segundo accesit) con Gaspar, Gaspar.
Antes da intervención do vencedor deste certame, desenvolveuse unha actuación do dúo de corda do conservatorio de Arzúa composto por Eva Negro e Marcus Balado. Tras as dúas pezas musicais, Juan Tallón amosou o seu agradecemento por ser elexido gañador do Modesto R. Figueiredo.
O seu discurso destacou por ser un canto ao "fracaso", xa que, para este escritor, "perder é algo diario", ao tempo que indicou que cada persoa "fracasa a todas horas. É o propio, o familiar, é o noso", engadiu o gañador.
Coma solución a estes atrancos diarios, Tallón lembrou que "o importante é escribir". Finalmente, o alcalde de Arzúa, Xaquín García Couso, pechou a quenda de intervencións cun especial agradecemento aos promotores deste acto, o concelleiro de Cultura, Xosé Luís García, e o bibliotecario municipal, Moncho Torreiro.
O gaiteiro Manuel Varela foi o encargado de pechar este solemne acto desenvolvido na capela da Madalena. Entonou as notas do himno galego que foi cantado por todos os asistentes a esta cita.