Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Xosé Monteagudo ten publicados os libros ‘As voces da noticia’, ‘Esta historia’ e ‘Un tipo listo’ FOTO: Axencias |
Xosé Monteagudo naceu o 1 de xaneiro de 1965 en Moraña. Alí pasou toda a infancia, ata que aos 12 anos marchou interno ao colexio San Narciso, en Marín no ano 1977 onde estudou o bacharelato.
No ano 1983 foi estudar Dereito a Santiago, onde alén das actividades puramente académicas, coñeceu a algúns dos seus mellores amigos, cos que viviu tamén os anos loucos e ilusionantes da primeira mocidade. Licenciouse en Dereito no 1988 e decontado empezou a preparar as oposicións ao corpo de Xestión da Facenda Pública. Aprobou as oposicións no ano 1990.
Viviu durante uns meses en Madrid, primeiro mentres acababa de preparar as oposicións e despois ao tempo que facía un curso previo á toma de posesión no primeiro posto de traballo. Como primeiro destino, empezou a traballar na delegación de Facenda de Pontevedra no ano 1991. Desde entón seguiu desenvolvendo o seu traballo profesional como técnico de Facenda na Axencia Tributaria de Pontevedra. Está casado e ten unha filla de nove anos.
Desde sempre gustoulle ler. Cando era un rapaz, as lecturas das que dispoñía eran bastante limitadas. Foi na adolescencia cando realmente puido satisfacer a súa afección pola literatura dun xeito máis pleno. Aínda que lía algunha poesía, os seus gustos pronto se inclinaron pola narrativa, relatos e novela.
Leu tanto autores clásicos coma modernos e contemporáneos. Dentro dos clásicos lembra con especial agarimo as obras de Poe, Stendhal, Balzac, Flaubert, Tolstoi, Dickens. Entre os escritores modernos: Faulkner, Proust, Kafka, Graham Greene, Alberto Moravia e case todos os autores do boom hispanoamericano. Dos máis contemporáneos, descubertos nos últimos anos, gústanlle Antonio Tabucchi, Ian McIwan, Paul Auster, Murakami. Na literatura galega: Blanco Amor.
Como novelista sempre trata de que as súas historias atrapen o intese do lector desde o principio. Para iso, os seus relatos desenvólvense en forma de investigación sobre un feito ou un personaxe, do que pouco a pouco, segundo avanza a narración, se vai revelando a cara oculta e case sempre insospeitada que sustenta a realidade coñecida. As tres novelas que ten publicadas responden, máis ou menos fielmente, a ese esquema.
En As voces da noticia (premio Blanco Amor, 2002), un xornalista entrevista os diferentes personaxes que viven nunha aldea, para facer unha reportaxe sobre un crime ocorrido alí dez anos antes. Na súa segunda obra, Esta historia (2006), un escritor de mediana idade conversa con dous amigos da universidade acerca doutro amigo común, que representaba o espírito xuvenil da época, e do cal non volveron ter noticias desde entón. No seu último volume Un tipo listo (2009), tras a repentina morte do pai, o fillo do autor dun importante desfalco bancario debe descubrir por que o pai cometeu eses feitos, o que o leva a investigar toda a vida que non coñece do seu proxenitor.
Xosé, con respecto ao Decreto de Normalización Lingüística, ben de mínimos, a Xunta e a Comunidade eremitoria dirixida pretende substituílo por outro novo Decreto de rango inferior ao existente ata o de agora. Falar de bilingüismo é manter a perpetuación dunha diglosia máis que perversa, que ao único que conduciría é á lenta agonía do galego. Do Decreto na maioría dos IES, e xa non digamos nas universidades da nación galega, pasaban a eito; cando falo da universidade estou a me referir a determinadas facultades que ti por suposto non descoñecerás… Cal é a refexión que podes ti facer a propósito desta miña breve reflexión?
Unha das maneiras máis sutís que o poder político ten de enganar o pobo é a de promulgar normas. Unha norma é unha declaración de vontade institucional que pretende ordenar a realidade dunha determinada maneira. Pero cando non existe a vontade de que a realidade cambie, a norma é unha simple escusa para que o pobo cale nas súas demandas e mire para outro lado, como ocorreu coa normativa toda de normalización lingüística anterior ao goberno do bipartito.
Cando penso no bilingüismo cordial proposto, para achegarmos a un mesmo nivel de competencia nas dúas linguas, prodúceme unha certa hilaridade, eu máis ben diría "un mesmo nivel de incompetencia lingüicida" pero sempre en beneficio do castelán imposto durante moitos anos a sangue e fogo. Cal é a túa resposta?
Existe algún galego ou galega escolarizado nos últimos corenta ou cincuenta anos que non teña un mínimo dominio do castelán? Ningún. Podemos dicir o mesmo no caso da lingua galega? Obviamente, non. Os casos de persoas que teñen dominio do castelán pero non do galego en Galicia deberían facer reflexionar aos que teiman en retroceder a un modelo que non resolveu este problema.
Algúns sociólogos advirten dun aumento do galego en determinadas clases-medias-altas, algún que eu non percibo con claridade. Cal é a túa opinión respecto disto?
Posto que eu non son sociólogo, non teño datos para afirmalo así. Desde logo, a realidade que vexo ao meu arredor na cidade non me mostra esa situación. Pero oxalá que a diverxencia proveña máis do limitado da realidade que me rodea ca do incorrecto da afirmación dos sociólogos. O que vexo é que cando vou á consulta do médico na cidade, cando entro nunha tenda de roupa, mesmo cando lle pregunto por un enderezo a calquera persoa na rúa dunha cidade, a pesar de eu falarlles en galego o idioma no que me contestan na maioría dos casos é o castelán. É máis, parece estar tan interiorizada a minusvaloración do galego, que en determinados ámbitos, na administración, por exemplo, moitos galegofalantes habituais, séntense na obriga de dirixirse ao funcionario que os atende en castelán, e se por casualidade ese funcionario que os atende lles responde en galego, como é o meu caso, no primeiro instante incluso senten unha certa extrañeza.
O bilingüismo paréceme imposíbel en Galicia, aquí non se dan as circunstancias que por exemplo se dan en Suíza, Bélxica, e noutras xeografías. O bilingüismo nunha nación desartellada e sempre monolingüe paréceme un disparate, unha visión de alto grao de estolidez ou descoñecemento, algo baladí que dadas as circunstancias non nos vai levar a outra cousa que á continuidade da perversa
diglosia
O primeiro paso que dá sempre quen desexa impoñer as súas ideas é o de apropiarse da linguaxe. Apropiándose dun termo aceptado pola maioría, como é o termo bilingüismo, o que se prentende é xustamente que non exista un bilingüismo real. Se quen hoxe di defender o bilingüismo quixese defender verdadeiramente o bilingüismo, o que tería que estar é loitando a prol do galego e do seu coñecemento e recoñecemento en todos os niveis.
A literatura, sen ningunha dúbida, vive unha estapa dourada da súa historia?
A literatura galega hoxe vive unha situación sobranceira desde o punto de vista creativo, con múltiples e variadas propostas. Da diversidade dese caldo de cultivo é da que teñen que xurdir as obras e os autores e autoras que van deixar a súa pegada no tempo.
Consideras acertada a definición dunha Galicia colonizada e submida no autodesprezo, no autoodio?
Gústame ser optimista e pensar que o autoodio, innegable aínda nunha parte da sociedade, é un residuo que vai quedando do pasado, pero que non ten ningún futuro neste pobo.
É laico e aconfesional ou é un conto mal contado?
Creo nun Estado laico e aconfesional. Paréceme o primeiro requisito para acadar unha verdadeira liberdade e igualdade das persoas en canto que cidadáns.
Soñaches algunha vez cunha República Socialista Galega, solidaria e internacionalista?
Un sempre soña que a voz do pobo galego se poida oír no mundo sen limitacións, interferencias nin distorsións de ningún tipo.
Con respecto ás crenzas cal é a túa actitude, a túa postura?
As crenzas sempre son algo persoal. O respecto escrupuloso á liberdade persoal neste eido lévame a non compartir ningunha crenza que pretenda valerse do seu status para impoñer unha orde social acorde cos seus postulados.
Non che parece a ti que o PP español en Galicia usa o galego como liturxia para feiras, festas e romarías?
A realidade que se percibe é a de que moitos dos seus dirixentes que falan galego cando están en situacións nas que pode quedar ben falar galego, onde hai unha asistencia masiva de persoas que son galegofalantes habituais, por exemplo, ou en determinados actos políticos, e logo cando se afastan deses ámbitos o idioma que empregan é o castelán. Esa percepción do galego como unha lingua ritual é, desde logo, unha máis das eivas que afectan á valoración do galego dentro da sociedade.
Nun Estado Federal ou republicano as cousas funcionaría mellor?
As cousas sempre funcionarían mellor se houbese verdadeira vontade de que funcionasen mellor.
‘Un tipo listo’ é polo de agora a túa mellor novela?
É a miña novela máis madura, temática e estilisticamente. Unha novela sempre debe incorporar a visión autorial sobre a realidade que describe. Pero un autor non debe esquecer que o concepto "novela" implica necesariamente un xogo co lector e a eficacia dese xogo depende de certas regras que convén non obviar. Penso que unha novela pode ser profunda, reflexiva e dicirlle moitas cousas ao lector sobre a realidade que describe sen necesidade de perder por iso a parte de entretemento que é consubstancial ao xénero. As novelas que máis pegada me deixaron foron xustamente esas nas que se produce unha perfecta simbiose entre os dous polos que acabo de mencionar. Como escritor sempre pretendín que as miñas novelas respondesen a esa concepción. Pero creo que a que se axusta máis fielmente a eses postulados creativos é Un tipo listo.
Que retrato, con palabras, farías ti do tempo?
O tempo é o que permanece. A obra que unha xeración erixe contra o tempo, coa vontade de persistir e perpetuarse á través do tempo, e a verdadeira medida do tempo que a esa xeración lle tocou vivir. O tempo só pasa para quen non quere apropiarse del e facelo seu coa intensidade dos seus desexos. Cando repasamos a historia, vemos sempre que o tempo non se detén nunca nos pobos e nas xeracións que non queren deixar a súa pegada nel. O tempo é un lugar por conquistar que se ofrece a todas as xeracións, a todos os pobos, pero que só algunhas delas, deles, están posuídos pola forza de facelo seu.
Tes algún ou algúns libros de cabeceira?
Non teño ningún libro de cabeceira fixo, pero segundo os meus intereses do momento consulto uns ou outros libros dos que lin e que deixaron unha maior pegada nas miñas lembranzas.
Que tal se leva Xosé Monteagudo coa poesía, co ensaio, co teatro…?
Son tres xéneros aos que dedico menos tempo de lectura ca á novela. Gústame o ensaio, sobre todo de temas literarios e históricos. E a poesía, que durante un tempo lin de xeito máis asiduo, nos últimos anos téñoa un pouco abandonada. Nunca de todo, porque de cando en vez si que leo poesía, pero desde logo moito menos ca a novela e os relatos. Outro tanto me pasa co teatro.
Que libro dos que tes lido non se che vai da cabeza?
Moitos. Todos os libros que nalgún momento me dixeron algo importante permanecen.
Que ten a vida de xogo, ficción ou simulacro?
A vida sempre é unha ficción. Se pensamos en todo o que nos move a diario, en toda a cantidade de metas, obxectivos, ilusións de triunfos que residenciamos en acontecementos que non dependen máis ca da crenza persoal que nós lles outorgamos, non son quen de pensar outra cousa. Cando vemos as masas que arrastran os acontecementos deportivos máis coñecidos, os desprazamentos e todo o que xeran ao seu arredor a disputa dun torneo, cuxo valor depende en exclusiva da crenza que lle outorgan ese conxunto de seareiros, non podemos máis ca concluír que a vida é ficción, ilusión. Para min tamén ten máis de ficción ca de ningunha outra cousa. Non participo no xogo do poder e non me gustan as representacións que ocultan o propio ser na procura de calquera beneficio. Si creo na ficción privada e persoal que cada un nós construímos para facer máis fermosa a realidade que nos toca vivir, pero sempre coa condición de que esa ficción sexa algo que non se exteriorice, se acaso máis no seu ámbito natural, o da obra creativa de ficción.
Poderá ter Galicia por fin un Premio Nobel?
Non vexo por que non. Agás polo escaso poder que Galicia ten nos centros de decisión cultural do
mundo.
Que ten a vida o vivir de desiderato?
A vida sempre é desexo. Diferenciámonos fundamentalmente polo que desexamos, polo empeño que poñemos en acadalo e polos medios que empregamos para percorrer o camiño do noso persoal desexo. Os desexos son non só os que nos manteñen vivos, senón os que nos confiren a verdadeira entidade que cada un temos. Claro está que as metas que se acadan sempre, ou polo menos case sempre, quedan lonxe dos desexos cos que foron concibidas, pero no fondo é a forza do desexo a que lle dá o seu valor á meta. Por iso non me satisfán as cousas que chegan de seu, sen traballo e sen loita. Non as percibo como propias, malia que poidan resultar no meu beneficio. E en cambio os obxectivos que me propuxen e polos que loitei arreo, case sempre me recompensan coa súa realización, malia que esa realización quede lonxe do desexo que depositei nela.