Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Cando o futuro comezaba (Galaxia, 2009) é o titulo que agrupa as cartas cruzadas entre Ramón Piñeiro e Xosé Luis Franco Grande ao longo de trinta e cinco anos de amizade. Pero é, sobre todo, a intrahistoria incidental dunha xeración, aquela que o propio Franco Grande retratou no seu libro-espello, Os Anos Escuros, e que, coma un rosario de nomes propios e títulos literarios, emerxe no papel desta conversa por etapas, que se iniciou en 1955 e que rematou co pasamento de Piñeiro en 1990.
Como todas as relacións epistolares que atravesan as barreiras do tempo, as cartas entre Franco Grande e Piñeiro son un termómetro da súa proximidade ou distancia. E así o sinala o autor da compilación no limiar do libro, en resposta a un xuízo do profesor Alonso Montero: "Problemas claro que si -a vida só deixa de ser un problema cando un está morto-, dificultades algunhas veces para comprendelo, tamén, e aínda certas lixeirezas ao xulgalo, á vista están nestas cartas. Pero haberá que engadir, porque estas así o demostran sen a menor dúbida, que un e outro, el e mais eu, soubemos salvar sempre o que verdadeiramente importa: a nosa amizade e a nosa entrega á causa galega".
Dous labores son os que Franco Grande destaca do que foi protagonista do Día das Letras Galegas 2009. Por unha banda, a de "animador dunha Galicia que padecía dos tangaraños que a guerra civil metera na conciencia colectiva da sociedade galega"; e pola outra, a súa "loita titánica" por "vencer a indiferenza, creando ilusións reais, transmitíndolles a todos a súa fe e a súa enerxía creadora, a idea de que, aínda naquelas circunstancias, tiña sentido loitar polo país por moi a longo prazo que a meta puidese estar e que calquera tiña unha tarefa nese ilusionado proxecto de futuro". Nas misivas, Piñeiro preséntase, pois, como o fío condutor que electriza e conecta o universo relacional e intelectual daqueles estudantes e literatos novos -Mac Ferrin, Xohana Torres, Beiras, Cribeiro, Ramón Lorenzo, Fernando Pérez-Barreiro, Camilo Gonsar, Bernardino Graña, Uxío Novoneyra, Reimundo Patiño, Cortezón ou Salvador García Bodaño, entre outros- dando conta dos seus progresos, publicacións ou mesmo expedientes académicos.
A cara íntima, ao cabo, dunha xeración que entre os anos cincuenta e sesenta -ao abeiro do xornal La Noche, da revista Grial, da propia editorial Galaxia e das cabeceiras e proxectos político-culturais do exilio- asistía ao renacemento cunha conciencia cultural e nacional de Galicia. Por entre esta correspondencia abrollan tamén os nomes dos maiores: Fole, Pimentel, Cunqueiro, Otero Pedrayo, Guerra da Cal, Blanco Amor... "En B. Aires -escribe Piñeiro nunha carta de xullo de 1959- saliu A esmorga de E. Blanco Amor, que é, como sabes, a primeira novela tremendista galega".
Vigo, Tebra, Compostela, A Coruña son algúns dos lugares desde os que voan esta presada de cartas nas que hai críticas, entendementos, filias, fobias, dardos, loas, admiración mutua e, polo menos, unha bronca importante de Franco a Piñeiro, datada en agosto de 1981, e que reflicte -como texto histórico que é- as diverxencias políticas e estratéxicas diante dos novos tempos que o país afrontaba a comezos da década dos oitenta.
Crónica da resistencia cultural
Franco Grande (Tebra, 1936) exerceu en Vigo a profesión de avogado e é académico de número da Real Academia Galega (RAG). Autor do xa histórico Diccionario galego- castelán (1968) e do Vocabulario galego-castelán (1972) -que durante anos foron referenciais na aprendizaxe léxica do galego-, a súa obra poética publicouse reunida no volume Herdo de memoria e tempo (1987). En 2004, reeditou, ampliado, Os anos escuros, crónica da resistencia cultural do galeguismo durante a ditadura.