Martes 26.01.2010      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google
[Noticia 10 de 20]noticia anterior de Maré Maré  |  RSS - Maré RSS

Música

A galaxia "Fronki"

O grupo ourensán Ergom edita, tras oito anos sobre os escenarios, o seu primeiro disco, "Fronkiria", unha mostra da súa aposta pola fusión de folk, rock e funky

5.0/5 [1 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

M. DOPICO . SANTIAGO

"Cinco novas formas de vida xorden entre galaxias achegando valiosas tradicións en torno á termoquímica corpórea, as ondas sonoras e as garimbas colectivas. Esta raza dominante do 3º Imperio posúe unha audaz e singular Funk-tasía, reinventando as escalas musicais". É parte do texto que acompaña o CD Fronkiria, o primeiro disco de Ergom.

Tras oito anos nos escenarios, o grupo ourensán reúne neste traballo o "reflexo máis claro do que é a nosa proposta musical, a mestura de folk, rock e funky", explica o guitarrista, David Nóvoa. E é que a galaxia que comparte este músico con Santi Rodríguez (gaita), Lorena Negreira (batería e percusión), David Blanco (piano e teclados) e Alberto Godoy (baixo) está conformada de fusión: de estilos, de ritmos, de influencias.

Os temas de Fronkiria, -con títulos como Funk-tasía, X-NO, Haiku, Camino ou Warning-, todos instrumentais, remiten a quen os escoita a sons de distintas procedencias xeográficas e temporais: de Led Zeppelin a Wolfstone, Santana, ata Bee Gees ou Gary Moore.

Unha mesma canción evoluciona, con momentos máis intensos e máis calmos, entre diferentes estilos, do máis rockeiro ao de base máis tradicional. "Somos cinco, e cada un de nós ten gustos musicais diferentes", comenta Lorena. "Para compor, cada un leva unha idea, que traballamos entre todos, despois imos improvisando... Primeiro foi a fusión de folk e rock, e despois o funky... Así nos sae o estilo que nós chamamos Fronki...", engade.

"É certo que xa está normalizado o de mesturar a guitarra eléctrica co folk, e que hai moitos grupos que o fan. O que nos diferencia a nós é que non temos vocalista", sostivo.

A "peregrinaxe interestelar" de Ergom, -seguindo a metáfora galáctica escollida polo grupo para presentar o seu disco-, foise curtindo nos concertos, -tocaron en festivais como o de Ortigueira-. "Gravamos unha maqueta no 2004, con varios temas. Cos concertos fómonos consolidando como grupo, aprendendo cousas novas. Ás veces pénsase que a música instrumental ten que ser máis aburrida... pero non é así. A nosa música ten características de moitos estilos, e se cadra por iso lle gusta a xente que ten gustos moi diferentes. É música que a cada quen lle transmite algo diferente...", salienta Lorena.

Fronkiria -gravado en Mafia Records, producido polo propio grupo e distribuído por Lonxa Cultural-, é o resultado dunha escolma de temas novos e non tan novos. "Tiñamos composicións novas, e temas máis vellos pero con novos arranxos, reestruturados...", apunta Lorena. Foron descartados, sinala David, os que non respondían tanto á filosofía do grupo: sempre o eclecticismo.

Ergom sacou o seu nome dunha anécdota: no local no que comezaron a ensaiar, había unha cociña de marca Hergon. E así foi. Desde aquela, a composición do grupo foi variando. "O gaiteiro, o guitarra e eu xa de pequenos estivemos en bandas de gaitas, fixémonos amigos... Alberto está noutro grupo máis metaleiro, David tamén estivo noutros grupos...", lembra Lorena.

O proxecto de Ergom vai, por outra banda, alén do musical. "Formamos unha asociación cultural, aínda que polo momento non temos actividade como asociación. Estamos co disco...", subliña a batería. "A música é o noso forte, e interésanos a mistura con outras artes. Tamén hai música nas artes escénicas...", matiza.

DATOS

Unha imaxe fresca e divertida, como as cancións

O CD Fronkiria procura unha imaxe divertida, fresca, como as cancións que contén. Os integrantes do grupo aparecen caracterizados como seres mitolóxicos. Ergom agradece no CD o exemplo de Guezos e Lamatumbá. Fronkiria ofrece diferentes propostas, como a rockeira Camino; a inesperada Rollo moore, co seu toque disco; a cambiante Haiku ou a exótica Porno. A guitarra eléctrica, a batería e os teclados conviven en harmonía coa frauta e coa gaita. O disco soa ben, e responde "ao sentimento interior que te leva a tocar cada cousa, non tanto a un intento de reivindicar ou dicir algo concreto cada vez", di Lorena. Fronkiria chegará hoxe ás tendas. Aínda que, como a baterista recoñece, "en directo gañamos". Polo que un concerto é sempre tamén unha opción.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS