Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| A Xunta Directiva da Mesa reuniuse onte en Compostela para decidir novas accións |
A Xunta Directiva da Mesa pola Normalización Lingüística acordou onte, por unanimidade, iniciar unha campaña de envío de comunicacións ao presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, para que "modifique en profundidade a súa política educativa, cultural e lingüística". A asociación tamén solicita que Feijóo comece cesando os conselleiros de Educación e Cultura, Jesús Vázquez e Roberto Varela, respectivamente, "que demostraron a súa incompetencia para gobernar e a súa prepotencia á hora de falar cos principais axentes dos seus respectivos sectores", segundo subliñou o presidente da Mesa despois da reunión da xunta directiva.
Callón resaltou que o Goberno de Feijóo "está queimado, rexeitado e desacreditado" xa que ó seu xuízo, segue "políticas de desmantelamento en contra dos principais axentes do sector cultural, educativo e da política lingüística". Ademais, A Mesa reclamou "unha rectificación urxente" nas políticas culturais e educativas, que ó seu parecer, "son nefastas".
Deste xeito, A Mesa facilitará desde hoxe na súa páxina web unha sección para que os cidadáns poidan mandar os seus correos electrónicos á plataforma, tal e como indicou hoxe en rolda de prensa.
Xunto a isto, o presidente da Mesa sinalou como "unha vergonza" contar cun responsable de cultura que "descoñece e que se avergonza da cultura que ten que xestionar e promocionar". Nesta liña, Callón subliñou que a sociedade galega "non merece un goberno que insulta", en referencia ás declaracións de Varela que definía a cultura galega como "ensimesmada e cohibida".
"O presidente da Xunta dixo esta semana que os escritores galegos que critican a política cultural non representan a ninguén, entón quen representa a política cultural do país", lamentou Callón.
Callón mostrouse en contra de que o Goberno de Núñez Feijóo siga adiante "cun decretazo de forma inflexíbel", que segundo remarcou, "conta co respaldo unánime da comunidade educativa, excepto un par de entidades vinculadas directamente ó Partido Popular".
Así, cualificou como "un diálogo de teatrillo" que a Consellería de Educación siga adiante co decreto "sen escoitar a sociedade". "En ningún país democrático do mundo habendo un rexeitamento tan grande cara a unha medida se segue adiante, ata José María Aznar no seu día chegou a escoitar a sociedade".
A Mesa fixo un chamamento ós votantes do PPdeG "para que reflexionen se votaron ó Partido Popular (PP) para que insulte, crispe, enfronte e ataque a cultura galega". Neste sentido sinalou que os votantes do PP son "os primeiros destinatarios" das campañas da Mesa, xa que "eles son os primeiros que teñen que revolverse contra as políticas da Xunta".
O voceiro do Grupo Parlamentario do PPdeG, Manuel Ruíz Rivas, asegurou onte que as formulacións lingüísticas do BNG en relación co galego "responden a unha óptica nacionalista que non é a que ten" Galicia, onde a maior parte da poboación é "bilingüe e se quere expresar en liberdade", ao tempo ve problemas para chegar a un consenso coa oposición. "Dificilmente se poden alcanzar acordos se non se aceptan uns principios xerais básicos", lamentou nunha ocasión Ruíz Rivas.