Martes 02.02.2010
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | A segunda Gran Caravana Reivindicativa de Galiza non se Vende fará a súa segunda parada no Porriño, este sábado, 6 de febreiro, ás 23:00 horas no Liceum. Actuarán o grupo de hip hop Malandromeda, Gendbeat co seu Beat Box desde Cerceda, DJ Tuchi e DJ Digro.
A caravana, que comezou a súa andaina en Vigo e percorrerá as principias vilas e cidades de Galicia, rematará o 21 de marzo, cunha manifestación en Compostela. "Porque sen territorio non hai vida, non hai cultura, non hai música, non hai nada", explica o colectivo no myspace da actividade.
"O Goberno da Xunta segue empeñado en entregar o país ao capitalismo máis depredador mercantilizando a natureza, destruíndo a paisaxe, o patrimonio cultural e a biodiversidade, fomentando un urbanismo caótico para beneficio dos especuladores, construíndo infraestruturas de transporte irracionais, piscifactorías contaminantes, campos de golf, portos deportivos, encoros, parques eólicos indiscriminados, paseos marítimos e fluviais de formigón, e recheos no litoral, contaminando as rías e ríos, creando monocultivos de especies exóticas e invasoras, acabando co agro e fomentando o cultivo de transxénicos, financiando macroempresas contaminantes, canteiras e minas devastadoras", denuncian desde o colectivo Galiza non se Vende en internet.