Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
A Plataforma Queremos Galego anunciou onte que o Comité de Expertos do Consello de Europa emitirá en abril o seu informe "máis crítico" coa política lingüística levada a cabo pola Xunta de Galicia con respecto ao cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.
O anuncio foi realizado polo voceiro da plataforma, Carlos Callón, tras entregarllo a unha representante do Secretariado para a Carta, Simone Klinge, un informe "indicando os principais incumprimentos deste tratado por parte do actual Goberno da Xunta", e no que se fai "fincapé" no ensino.
Neste sentido, Carlos Callón recordou que o Consello de Europa realiza cada tres anos un informe de avaliación do cumprimento por parte dos estados da Carta. En 2008, o organismo realizou unha serie de recomendacións que "non só non están sendo tidas en conta, senón que as medidas que eloxiaba o texto, como as Galescolas, agora están sendo desmanteladas polo actual Goberno", indicou Callón.
Tras recordarlle á Xunta a súa "obriga" de "acatar os tratados internacionais", Carlos Callón indicou que as visións das entidades sociais de defensa do galego "sempre foron tidas en conta" polo Comité de Expertos.
Paralelamente, considerou que o próximo informe, que o Comité pretende emitir en abril deste ano, será "o máis grave para a lingua galega" e "o máis crítico" coa política lingüística da Xunta.
Entre os puntos que inclúe o informe, Queremos Galego recordan a recomendación do Comité de Expertos de poñer en funcionamento un sistema educativo de inmersión en galego, así como a valoración do sistema de galescolas.
No ámbito da xustiza, denunciou a plataforma, "non tomou ningunha medida para que existan formularios en galego, se traduza a lexislación ou se establezan programas de formación neste idioma", como propoñía o organismo europeo; ao tempo que criticaron un "importante retroceso" da lingua galega na Administración pública.
Falta de formación nos profesionais
Entre outros aspectos, Queremos Galego explicoulle ao Comité de Expertos que "non existe ningún plan de acción para evitar os casos en que os traballadores foron obxecto de acoso por falar en galego" e indicou que o Servizo Galego de Saúde non "emprendeu iniciativas de formación ao persoal".
Pola súa banda, a representante do Secretariado para a Carta, Simone Klinge, recordou que o Comité está agora en proceso de elaboración do terceiro informe, que se publicará no vindeiro mes de abril, momento no que regresará a Galicia para reunirse "de xeito máis formal" coas entidades sociais do país e "analizar a situación".
Finalmente, indicou que as recomendacións e a Carta "obrigan legalmente os estados para o seu cumprimento, aínda que advertiu de que "non hai ningún sistema concreto de sancións", polo que "o único xeito" de obrigar os estados a acatalo é "a través do diálogo".
O Poder Xudicial
O Consello Xeral do Poder Xudicial ve "inconvenientes" no anteproxecto de lei do Rexistro Civil por permitir as inscricións "en calquera das linguas oficiais do Estado" e pide que o seu uso se circunscriba ás comunidades autónomas onde ese idioma teña oficialidade. A Comisión de Estudos do CXPX pronúnciase así, nun informe que o pleno deste órgano estudará o xoves, sobre este artigo o anteproxecto. O Consello cre que esa previsión legal supón "a plasmación do principio de ultraterritorialidade en materia lingüística que resulta ser extravagante no ordenamento xurídico docente" e advirte do "importante esforzo para a dotación dos medios materiais e persoais que resulten necesarios" para facer efectivo ese dereito dos cidadáns.