Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

Almacéns de memoria

04.03.2010 Manolo Gago é o comisario da exposición "Ao pé do lar", aberta no Museo do Pobo Galego. Un percorrido sentimental por dous mil anos de Historia da nosa gastronomía e das nosas cociñas

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

LUPE GÓMEZ

Manolo Gago considera que a gastronomía é unha manifestación máis da cultura dun pobo FOTO: AGN
Manolo Gago considera que a gastronomía é unha manifestación máis da cultura dun pobo
FOTO: AGN

No noso tempo presente caben moitos outros tempos. Nas cociñas do mundo rural galego agóchanse moitas historias do pasado, moitos seres ausentes e moitos sentimentos. A exposición Ao pé do lar resulta moi empática porque a xente séntese retratada nas fotografías de Soledad Felloza e Maribel Ruíz de Erenchun, nos contos de Quico Cadaval e Paula Carballeira, nesas lareiras que resisten como verdadeiros almacéns de memoria. O xornalista Manolo Gago cre que vivimos tempos dun gran rexurdir gastronómico en Galicia. El pensa que "a gastronomía é cultura". Nesta exposición a xente pode contar as súas propias experiencias. Moitas persoas contan que na infancia aborrecían o caldo galego, e co paso do tempo foron descubrindo as delicias deste prato tan agarimoso. Manolo Gago pensa que "a cociña consegue poñerte en paz co teu pasado."

 

A que che gustaba xogar cando eras pequeno? Como lembras o territorio da túa infancia?

Eran casas en ruínas. O territorio estaba cheo de fiunchos, fieitos. As casas abandonadas estaban ao lado de regatos moi húmidos. Na Pobra do Caramiñal esas casas estaban ao lado de pazos. Alí inventabamos historias e faciamos que tivesen vida. Os pazos tiñan minas subterráneas de auga e a miña infancia era buscar pasadizos, túneles, tesouros, segredos, fantasía, imaxinación. Eran espazos de silveiras. Cheiraban a gato morto. Dentro desas casas abandonadas sempre había botellas de cristal e zapatillas. Cando a xente marchaba das casas deixaba as zapatillas. Nós criamos que eses territorios en ruínas escondían algo. Había moito "pasado" e teño esa imaxe vital. Todo tiña unha explicación mítica.

 

Por que decidiches dedicarte ao mundo do Xornalismo?

Sempre me gustou ler e contar cousas. Decidín escoller entre as miñas dúas paixóns: o Xornalismo e a Historia. Decidín estudar Xornalismo porque sempre que había un telexornal eu enchíame de preguntas. Quería saber qué había detrás, porqué había conflitos ou porque había guerras. Tiña moita curiosidade. Escoitaba a radio e interesábame o presente, a política. Interesábame descubrir ese proceso. Despois descubrín que o Xornalismo é unha profesión fascinante. Permíteche chegar a moita xente diferente, atravesar as portas das distintas clases sociais, como ocorre na novela negra.

 

Tes un blog, chamado Capítulo 0, no que falas de gastronomía e estilos de vida.

A clave está no nome, ese capítulo que non existe. Detrás de cada libro ou proxecto hai moitas experiencias vitais, pensamentos, azares, casualidades. É un lugar no que agroman cousas que non teñen forma definitiva. Empecei este blog en decembro do 2003. Levo sete anos escribindo todos os días. Ao principio eran cousas máis breves e camuflaba os nomes das persoas e dos lugares. Agora descubrín que o presente tamén pode ser un imaxinario e que non sabes ata que punto é real ou irreal. É contar a vida en episodios. O que tento é facer un blog para cociñeiros e para viaxeiros, para xente á que lle gusta ler e ten interese polo pasado. É unha ensalada de historias pero están ben aliñadas, casan ben unhas coas outras. Quería facelo de forma ben editada. Interésame a confluencia coa ciencia e coa bioloxía.

 

No mundo rural galego a cociña era un lugar central das casas, no que tiña lugar a convivencia entre distintas xeracións.

Era o lugar da vida e da transmisión do coñecemento, no que se evidenciaban as diferenzas de xénero. As mulleres e as nenas estaban moito tempo na cociña. Era o lugar do amor e da transmisión das ideas e da confianza. Moitas veces os veciños xuntábanse nunha casa ao lado do lume. Era o vínculo da sociedade co seu entorno. Era a calor da madeira, da leña. Na nosa cultura o papel da lareira foi básico. Sen as lareiras a nosa lingua non se tería conservado igual, ou sería unha lingua menos rica. Defendemos que a gastronomía é a forma de contar a Historia dun pobo. As cociñas tiñan valor utilitario pero tamén simbólico. Eran almacéns de memoria. Eran os lugares nos que as familias sobrevivían.

 

Quizais o éxito da exposición Ao pé do lar está relacionado co feito de que a xente se sente protagonista das fotos, das historias...

Queriamos conectarnos coa xente, provocar esa empatía e que visen que a cociña é a parte de atrás dun mundo moi rico. A visión que a xente ten da gastronomía é moi reducida. Queríamos amosar que a alimentación é consecuencia de dous mil anos de Historia e o que comemos procede dunha secuencia similar. Nos últimos anos en Galicia a gastronomía

ten unha emerxencia enorme.

 

Ofrecedes receitas de pratos de-saparecidos como a costrada, o capón con ostras ou a tortilla ao ron.

A costrada é un prato imposible porque ten máis calorías das que unha persoa debería comer nun día. A costrada reflicte unha sociedade que non é a nosa. Leva afumados, as partes máis graxas do porco, filloas como separación e dúas coccións da masa. Facer este prato leva un montón de horas e resulta inviable na nosa sociedade actual pero este prato desaparecido en Galicia é moi común en toda Europa. Podíase consumir nas clases sociais de gran fartura e nas grandes festas.

 

Por que aborrecemos o caldo galego cando somos nenos e logo ao medrar lle collemos tanto cariño?

Por que o aborrecemos? Será pola súa acidez? Ou porque leva carne? O caldo do día a día tiña pouca carne. É algo que lle pasa a moita xente, e tamén ocorre co peixe. A maragota e o pinto son peixes que se corrompen en día e medio. Teñen intensísimo sabor a mar. Facíanse en guisos e estaban cheos de espiñas. Os nenos odiaban as espiñas. Témoslle cariño ao caldo porque é a "magdalena de Proust" dos galegos. O caldo é a nosa infancia. Cando comes caldo revisitas a memoria. Está feito con fabas, que soltan almidón e dálle consistencia. Os pratos poden evocar recordos. A cociña da memoria é un dos eixos da innovación en gastronomía.

 

Nas lareiras contábanse historias como as que contan Quico Cadaval, Cándido Pazó ou Paula Carballeira.

Había a narrativa oral para nenos, que era unha xoia da literatura popular. Era unha narrativa que nos ensinaba a visión do mundo, cos seus retruques e cos seus trabalinguas. A noite permitía a literatura para nenos, e tamén todo o que tiña que ver coa música, co mundo fantástico e coa interpretación do territorio. Eu agora cando vou a unha aldea non lle pregunto aos adolescentes polos nomes e as historias dos montes. Era o que dicía Uxío Novoneyra de "aguantar dos nomes". Escribíanse estas historias oralmente. Era moi importante a evocación dos seres queridos. O lar era o lugar no que se facían presentes os ausentes. As ausencias eran tan importantes como as presenzas.

 

As cociñas modernas parecen laboratorios fríos e asépticos. Cada vez as cociñas das nosas casas son máis pequenas.

É o proceso de ruptura cultural, porque o primeiro espazo que recortamos nunha casa é a cociña. É o espazo que hoxe se considera menos importante. Prefírese recortar a cociña e non o dormitorio. Cada vez cociñamos menos e dunha forma máis simplificada. É unha cociña de sobrevivencia. É o que a sociedade está disposta a deixar atrás. É a dobre moral porque as cociñas seguen sendo espazos terriblemente desexados. Seguen sendo o noso arquetipo ideal e os ricos seguen tendo cociñas enormes.

 

Unha cociña tamén pode ser o lugar dun espectáculo?

A cociña como espectáculo é un proceso que está de moda dende o ano 99, no que Marcelo Tejedor abriu a súa cociña á vista. Ata ese momento a cociña estaba tapada. Empeza un movemento no que o proceso de elaboración da cociña é un espectáculo para o cliente dun restaurante, e tamén é unha garantía, unha diversión. A cociña está vivindo unha carga persoal, de elaborador. O cociñeiro pasa de ser o fillo díscolo da familia a ser unha profesión de moda e dignificada. Non comes fóra só por alimentarte senón tamén para desestresarte. A cociña é un "spa" e esperas un espectáculo. O proceso de elaboración gaña esa gran riqueza visual.

 

Ti es un bo cociñeiro? Que pratos che saen ben?

Adoro o rape porque é moi versátil. Gústame todo o que ten ver con peixes. Eu son dunha familia de mariñeiros. Gústame preparar algúns postres, tiramisú, filloas. O máis divertido é preparar os viños. Son capaz de facer quilómetros e quilómetros para conseguir bos viños. O mundo dos viños é moi empático. O viño tostado do entroido e do nadal faise con moita paciencia, e resulta un elixir alucinante. É un viño doce que está case perdido. Gústanme as maridaxes. Harmonizar a gastronomía co viño.

 

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS