Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O cineasta Jairo Iglesias vai estrear a finais deste mes a súa segunda curtametraxe ‘Cicatrices’ sobre tres terapias de grupo FOTO: GH |
Un verán intenso é o que lle espera ó mozo director compostelán Jairo Iglesias, quen inmerso na promoción e estrea da curtametraxe Cicatrices, xa está coa preprodución dun novo proxecto Rosa dos Ventos cuxa rodaxe ten previsto comezar en setembro.
Ós seus 19 anos, Jairo Iglesias, estudante de Imaxe e Son da Coruña e proximamente de Realización, xa ten ás súas costas dúas curtametraxes, Retratos, que realizou o ano pasado e Cicatrices, que "se gravou este ano en febreiro" e que ten previsto "estrear a finais deste mes, principios de xullo" afirma o director. Con este traballo "demos un paso diante dende Retrato" grazas á "coprodución de Formatoriginal coa colaboración de Hotel Zennit" explica o cineasta. A nova cinta, que está protagonizada por Isabel Blanco quen "está levando a cabo un gran labor de promoción", Estíbaliz Veiga e Xavier Deive, "xira en torno a tres terapias de grupo, e como cada un dos personaxes tenta superar os seus problemas" e "curar esas feridas do pasado". O trailer da curtametraxe está dispoñible na rede en cicatrices.produccioneretrato.com, que corresponde ó nome dunha empresa que Sara Horta e el mesmo decidiron crear co obxectivo "de traballar dunha forma máis seria" explica Iglesias inspirándose en "Almodóvar e Amenábar, os que crearons as súas produtoras baixo o mesmo nome cos seus primeiros traballos".
Cando tiña "trece ou catorce anos" e viu por primeira vez, Tesis de Alejandro Amenábar, o mozo cineasta deuse conta de que quería ser director. "Sempre o tiven bastante claro, xa facía cousas na casa, montaxes no colexio e os domingos ía cos amigos rodar polas rúas", confesa o compostelán, quen en xullo do ano pasado se decidiu a gravar a súa primeira curta Retrato. Esta produción foi posible grazas segundo Iglesias á Escola de Imaxe e Son da Coruña que "me permitiu coñecer xente e abriume ás portas ós equipos" e grazas tamén á participación de "actores de luxo" como Sara Casasnovas e Tamar Novas, que interpretan unha parella que narra a súa historia a través dos anos.
A pesar "dos problemas para estrear ante a falta dun patrocinador", Jairo Iglesias considera que tiveron moita sorte ó "conseguir que lles cederan os dereitos dunha canción de Carlos Goñi, Revólver, ou poder gravar dous días na biblioteca do CGAC ou no Consello da Cultura Galega".
Guionista de todos os seus traballos afirma que a situación do cine en Galiza "é moi difícil" e chegar a facer unha longa cre que é unha cuestión de sorte. Para explicar isto pon como exemplos a dous dos seus referentes, Iván Sainz Pardo, "quen tras conseguir moitos premios en curtas, non consegue cartos para facer unha longametraxe" e Amenábar, que "se atopou con Cuerda e lle dixo: ti a dirixir".
O próximo proxecto, Rosa dos ventos, que xa está en fase de preprodución e que se comezará a rodar en galego a principios de setembro conta unha historia mariñeira na Costa da Morte, "que non tería ningún sentido se se falase en castelán cando a impresión que ten que dar a protagonista e que leva 40 ou 50 anos vivindo na costa" relata o compostelán. Inmerso neste novo traballo, Iglesias explica que durante o verán se levará a cabo o cásting, que vai estar dirixido con Tamar Novás.
Tamén adiantou que existe "un proxecto a longo prazo, que sería como unha serie de varios capítulos" pero que aínda non ten forma, e sobre a realización dunha longa afirma que prefire "seguir aprendendo" xa que é mellor "meter a pata en 13 minutos que nunha longametraxe".