Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Emilio Rúa nunha imaxe do seu novo disco ‘Vida Miña’ FOTO: GH |
Ventas da Barreira (Riós, Ourense) é o nome da aldea que o viu nacer e medrar, sobre todo, como artista. Os seus inicios estiveron marcados pola Concorde Atenea, a orquestra familiar que o seu pai fundou e coa que el e os seus irmáns percorreron distintas aldeas de Galicia, Portugal e arredores. Con só sete anos, a música empezou a ser a súa compañeira, primeiro cantando os éxitos do verán e máis tarde, interpretando as súas propias cancións en galego.
Hoxe, Emilio Rúa é recoñecido pola súa voz aguda, suave e peculiar e por ser un dos poucos artistas galegos que nas súas melodías mestura o popular con elementos do pop e do jazz. Despois de seis anos de silencio, o pasado 3 de xullo, saíu á venda o seu segundo traballo, Vida Miña. "Este disco é o resultado do amor e dos sentimentos que se ven reflectidos en temas como a vida na aldea, o esquecemento... está cargado de recordos moi bos", explica o cantautor ourensán nunha entrevista para Galicia Hoxe.
As letras das doce cancións nas que aborda esa "vida súa", están cargadas de sinxeleza e de humildade. Ademais de temas como Unha meiga en ti, Cómic, En nome da paz ou a canción que dá nome ao disco, tamén aparecen novas versións de clásicos populares como A Rianxeira e A saia da Carolina, que o autor decidiu incluír porque "sempre andei detrás das cancións populares e pensei nesas dúas para intentar dar un paso máis na música galega e para propagar o orgullo de cantar en galego". Algunhas cancións desta serie tamén as podemos escoitar noutros espazos, é o caso de Cómic, que forma parte do Xabarín Club, da TVG ou En nome da paz, incluída no documental En son de paz.
Con Vida Miña, o cantautor de Riós tamén tivo a oportunidade de gravar o seu primeiro videoclip Búscame, "unha experiencia moi simpática, coa que pasamos moi bos momentos e que foi idea de Segundo Grandío". Así, el espera que o traballo realizado sexa recoñecido. "Houbo moita complicidade entre a discográfica, a produtora (Uxía Senlle) e Segundo Grandío. Fixeron un traballo de calidade e espero o respecto da crítica."
Unha traxectoria considerable
Ademais de Vida Miña, o cantautor galego conta con outro disco, Emilio Rúa (2000), no que aparece o tema Querida alegría, co que obtivo o primeiro premio no Festival de Cantautores de Elche. Un ano antes, no 2004, Emilio Rúa gañou o segundo premio no certame Cantigas de Maio (2004). “Isto foi un pulo á miña traxectoria, sobre todo porque recibín os premios sendo o único que cantou nunha lingua distinta ao castelán”.
Como abreconcertos, Rúa tamén tivo as súas experiencias, pois tocou no mesmo escenario que Ismael Serrano, Pedro Guerra e Mercedes Ferrer. “ Isto é moi enriquecedor, pois ves como outros artistas tocan en directo e espero que agora iso me sirva”.
Despois deste longo tempo de ausencia, no que estivo subsistindo dignamente coa súa música, Emilio Rúa confía que con Vida Miña a cousa cambie. "Foron seis anos de silencio e eu desexaría que fosen menos, pero as circunstancias e o panorama das produtoras galegas non o permitiron". Todo isto apunta a un salto na súa carreira musical, pois está a atravesar un momento clave nun mundo do que, como el expresa, non é doado vivir.