Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Jordi Mas i Hernández dando unha charla sobre software libre FOTO: GH |
O software libre é patrimonio da humanidade, emprégano milleiros de usuarios en todo o mundo, mellórano día a día outros tantos voluntarios, e centra a actividade de cada vez máis empresas e gobernos. Porén, para moitos, segue a ser un concepto rodeado de incógnitas. Agora, co ánimo de achegalo á cidadanía, Biblos publica a versión en galego do libro Software libre: tecnicamente viábel, economicamente sostíbel e socialmente xusto, onde Jordi Mas expón, en ton divulgativo e linguaxe sinxela, as vantaxes e repercusións deste fenómeno, convertido xa en movemento social pola colectivización do dereito ao uso, mellora, distribución e estudo dos programas informáticos.
O autor é coordinador xeral de Softcatalá, institución sen ánimo de lucro que traballa na normalización do catalán nas novas tecnoloxías, e mañá estará en Compostela para presentar a tradución ao galego dunha obra que pronto poderá descargarse gratuitamente na rede.
O libro de Mas é o primeiro manual deste tipo que se publica sobre o universo do código aberto e chega ao galego -traducido por Daniel Romero e Ana Salgado- tras constatarse o éxito da súa edición catalá. Organizado en sete capítulos, o volume expón: "Visión histórica sobre o software libre"; "Vantaxes e ameazas e mitos do software libre"; "Marco xurídico"; "A produción de Software libre"; "Proxectos libres"; "Oportunidade de negocio en software libre"; e "A importancia do software libre na administración".
A resposta dos principais interrogantes verbo desta filosofía das novas tecnoloxías sérvelle a Jordi Mas para elevar un alegato a prol da súa utilización. Así, como reza o subtítulo de Software libre, o autor expón que este é "tecnicamente viábel porque os feitos o demostran". "A tecnoloxía é sólida", di, e sinala que o sistema operativo libre "Linux" é un dos máis empregados, porque solucionou as súas carencias técnicas".
Pero máis importante, ao seu ver, son as vantaxes que fan que o software libre sexa "economicamente viábel". Mas explica que o movemento a prol do código aberto vai contra o actual sistema predominante, polo cal "uns señores, o 80 por cento en EEUU, fabrican unhas caixas de software que a xente copia sen poder alterar, e logran que todas as nacións sexan economicamente dependentes deles".
A ocultación do "código fonte" supón que "o resto dos países só poidan ter especialistas nese software, que no é deles, e que polo tanto non poden desenvolver". Fronte a esta realidade agroma o software libre como "patrimonio da humanidade que universaliza o acceso ao coñecemento".
Na medida en que "permite que todo o mundo poida participar na súa produción e desenvolvemento", o software libre é, "socialmente xusto", conclúe Mas.
Porén, a pesar das súas vantaxes e beneficios, o "software libre" non é maioritario, feito que o autor deste libro atribúe, en parte, "ao seu descoñecemento", ademais de a que "aquí a xente non está acostumada a pagar polo software, acostuma a copialo, e non se asumiu que se pode ter software de maneira legal, moito máis barato e adaptándoo ás propias necesidades". Neste sentido, Jordi Mas salienta a necesidade de distinguir entre "gratuíto" e "libre", que neste caso fai referencia a unha comercialización xusta e participativa.
Aínda así, e tendo en conta a "explosión" de recursos que desde o ano 2000 "transformou o que era un legado científico nunha ferramenta á disposición da xente normal", o "software libre" experimentou "un cambio paradigmático e mesmo entrou nas axendas políticas", polo que Mas confía no xa imparable avance deste fenómeno.
Software libre: tecnicamente viábel, economicamente sostíbel e socialmente xusto presentarase mañá , ás oito da tarde na galería Sargadelos de Santiago, nun acto no que o autor estará acompañado por Javier García Tobío, director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), colaborador coa publicación, e de Tucho Calvo, director literario de Biblos.
Ferramentas nas linguas minoritarias
Despois de presentar mañá o seu libro, Jordi Mas será o venres un dos participantes na xornada sobre "software en galego" que se celebrará en Compostela. O encontro ten por título "Producir, espallar, localizar... sofware en galego" e celebrarase no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal. Os concelleiros de Política Lingüística de Santiago, Manuel Portas, e de Cultura, Néstor Rego, presentaron onte o encontro, que conta co apoio destes departamentos.