Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Julio Cortázar nunha das súas fotografías de xuventude, convertida en símbolo da exposición FOTO: GH |
Galicia forma xa, xunto á Universidade de Bristol e a Fundación Juan March, o "triángulo Cortázar". Así cualificou onte Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación da Xunta, a relevancia dos fondos do escritor arxentino que posúe Galicia e que desde esta semana se exhibirán en tres cidades do país baixo a denominación Outono Cortázar.
Estes fondos, doados nun "aceno patriótico e xeneroso" pola primeira muller do escritor, Aurora Bernárdez, inclúen máis de 4.000 fotografías e as películas que Cortázar realizou en 8 milímetros. No legado figuran tamén imaxes das dúas viaxes a Galicia -en 1956 e 1957- así como as cartas nas que describe as súas impresións.
Non son, porén, os únicos vínculos do autor de Rayuela co país. Na presentación deste Outono, que se inaugura mañá en Compostela coa mostra Ler imaxes: o arquivo fotográfico de Julio Cortázar, Fernando Salgado citou a propia Aurora Bernárdez -filla e neta de galegos- e a Francisco Porrúa, natural de Corcubión, "editor por antonomasia de Cortázar" e "descubridor" de García Márquez, ao que lle publicou Cien años de soledad.
Tamén mentou os exiliados galegos na Arxentina, nomes como Luis Seoane, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado e Rafael Dieste que mantiveron unha estreita relación co escritor e publicaron o seu primeiro relato na revista El Correo Literario, que codirixían Cuadrado, Seoane e Varela.
"Tres patas" para un único banco
Bernárdez e Porrúa participarán, precisamente, nos actos deste outono, que se centrarán na exposición de Compostela, o ciclo de cine Modelo para armar: Julio Cortázar e o cine, e as xornadas de análise Encontros arredor de Xulio Cortázar: a viaxe infinita.
A comisaria da exposición, Rocío Santa Cruz, explicou que a mostra se ofrece en dous "grupos", o primeiro deles no Pazo de Fonseca, da Universidade de Santiago (USC), onde se recolle unha selección do arquivo gráfico recibido, e material da biblioteca Juan March -por primeira vez exhibido fóra de Madrid- e da de Fundación Luis Seoane.
Na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela exporase "a ollada de Cortázar, a súa creación" a través da fotografía, a súa incursión no mundo do cine e obras da colección particular de arte do escritor.
O director do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), Jaime Pena, explicou que o ciclo de cine se basea en "tres patas": As adaptacións de relatos de Cortázar, documentais sobre a súa obra e figura e películas inspiradas "de forma libre" nos seus relatos. No programa, poderán verse títulos como Week End, de Jean-Luc Godard -parcialmente inspirado en La autopista del sur-, Blow Up, de Michelangelo Antonioni -adaptación libre de Las babas del diablo- ou a recente A vida secreta das palabras, de Isabel Coixet, que recrea o relato "La señorita Cora".
As xornadas arredor do escritor celebraranse en seis días -do 2 de outubro ó 28 de novembro- e contarán con especialistas como Julio Ortega ou Alberte Manguel.
Outro dos obxectivos é exhibir os fondos en internet
Na presentación do programa, o director xeral de Comunicación da Xunta, Manuel Fernández Iglesias, explicou que o seu departamento desenvolve outras iniciativas paralelas, para difundir o legado fóra de Galicia, como a recreación virtual da exposición en internet, o traslado en xaneiro da mostra a París e contribucións recollidos neste Outono Cortázar.
O 15 de novembro, en Santiago, terá lugar a presentación do catálogo oficial da exposición "Ler imaxes: o arquivo fotográfico de Julio Cortázar", a cargo de César Antonio Molina e da comisaria da mostra. Ademais, a Xunta estuda a posibilidade de reunir nun libro as achegas dos participantes nas xornadas "Encontros arredor de Julio Cortázar: a viaxe infinita".
Pola súa parte, a responsable da Fundación Caixa Galicia, que colabora tamén no ciclo, Teresa Porto, expresou o "orgullo" que supón para a entidade formar parte deste proxecto, que cualificou como "a grande oferta cultural de Galicia en outono". Engadiu que a exposición sobre Cortázar, unha vez concluída a súa estancia en Santiago e a itinerancia prevista pola Xunta, pasará polas distintas sedes que a fundación pórse en Galicia.