Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Manolo Gómez (dereita) xunto a Ángel de la Cruz nos días felices do seu éxito FOTO: GH |
Manolo Gómez demitiu onte como presidente da Academia do Audiovisual Galego, cargo para o que fora reelixido a primeiros do pasado mes de xuño. A súa renuncia, publicada onte na páxina web da academia, prodúcese só un día despois de que o equipo técnico e artístico de Los muertos van deprisa lle declarasen a guerra por suspender a rodaxe da película, da que era produtor como máximo responsable de Dygra.
Pouco antes de que a demisión se fixese pública, Manolo Gómez declaraba por teléfono que non estaba "moralmente forte para facer ningún tipo de declaración". A situación, engadiu, "é tan terrible que non teño tampouco forzas. Supoño que, nas próximas horas, farei unha declaración".
E a declaración non se fixo esperar. Despois dunha xuntanza da directiva da Academia -que, ao parecer, estaba prevista hai días-, Manolo Gómez presentou a súa "demisión irrevogable". A súa sucesora será a actriz María Bouzas, que até o de agora foi vicepresidenta da directiva xunto a Pepe Coira. A web tamén subliña o agradecemento "a Manolo Gómez polo traballo realizado ó longo de todos estes anos a prol da Academia Galega do Audiovisual".
Na roda de prensa celebrada o mércores en Ribadeo, onde se rodaba a película que provocou a precipitada marcha de Gómez, xa se reclamou que o responsable de Dygra abandonase a presidencia da Academia como recoñecemento do erro.
Na roda de prensa de Ribadeo, estaba tamén o director da película, Ángel de la Cruz, gañador de dous Goyas polas súas cintas de animación e estreito colaborador, precisamente, de Manolo Gómez en Dygra. De feito, Ángel de la Cruz estaba considerado o ideólogo da compañía e Gómez o seu xestor.
Suspensión dunha película en rodaxe
O escándalo que está detrás da dimisión de Manolo Gómez como presidente da Academia do Audiovisual, ten a súa orixe en Ribadeo, onde o luns se paralizou a rodaxe do filme Los muertos van deprisa. Unha directiva de Dygra, empresa que dirixe Gómez e produtora da película, comunicoulle ó director da mesma, Ángel de la Cruz, que o proxecto quedaba suspendido porque fallaran varias fontes de financiamento. Entón, o equipo técnico e artístico que estaba traballando na vila lucense deu unha roda de prensa cualificando de "vergoñenta para o cinema galego" a actitude do presidente da Academia.