Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O Nobel portugués, José Saramago FOTO: G.H. |
O premio Nobel de Literatura José Saramago móstrase favorable a unha hipotética unión política de España e Portugal, nunhas declaracións ó diario Público, que onte dedicou varias páxinas a comentar recentes enquisas sobre o "iberismo".
"Seriamos aquilo que probablemente debemos ser dende sempre: Iberia", di o escritor luso e engade que cando se mostra o mapa de España sen Portugal "a forma -de España- é un pouco estraña". Saramago defende que se tivese lugar esa suposta unificación os portugueses non desaparecerían da mesma forma, recordou, "que os cataláns son cataláns, os vascos son vascos e os galegos son galegos".
O literato subliña que Portugal se convertería na maior comunidade dese espazo político, polo que na súa opinión conviría entón que "España deixase de chamarse así e pasase a denominarse Iberia".
"Teño unha lingua que non desaparecería polo feito de consumarse esa unión ou integración", di Saramago, que cre que ocorrería o contrario, e que están aí para demostralo Galiza, Cataluña e o País Vasco.
O escritor luso di non pensar que "Madrid" quixera reducir Portugal a unha colonia, e insiste en que "toda a xente fala eúscaro no País Vasco e catalán en Cataluña".
Destaca a desorientación pola que atravesa Portugal nestes momentos, país que define como "pequeno, economicamente débil e animicamente canso".
O diario Público, que lles pregunta a xornalistas e historiadores dos dous países sobre o asunto, recorda o resultado dunha enquisa publicada hai poucas semanas polo semanario luso Sol sobre a hipotética unión dos dous países ibéricos.
O 27,7 por cento dos portugueses manifestouse favorable a que os dous países se integrasen nun, fronte a un 45,7 por cento de españois que na revista española Tiempo deron un "si" a esa suposta unión, segundo os datos da enquisa. Ademais, recorda que o semanario Expresso revelou en xullo de 1983 o resultado dunha enquisa na que un 26 por cento dos portugueses estaba a favor da integración ibérica, practicamente o mesmo resultado que 23 anos máis tarde. A unión ibérica estase a converter en Portugal nun tema de primeira orde que ocupa as páxinas de xornais con enquisas e opinións de diversos intelectuais e de representantes do país.