Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| XUNTOS, NON REVOLTOS. Anxo Quintana e Benigno Sánchez, en maio pasado, na sede da TVG |
A Televisión de Galicia non acode á visita que o vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana, realiza á Residencia de Maiores do Meixoeiro, en Vigo.
Onte mesmo, o vicepresidente Quintana visitou ás cinco e media da tarde a Residencia de Maiores do Meixoeiro en Vigo, que se está a reformar de xeito integral dentro do Plan de Mellora de Centros que impulsa o seu departamento.
Cubriron o acto na cidade olívica, segundo informaron desde Vicepresidencia, profesionais da Axencia Galega de Noticias (AGN), Europa Press, Televigo, Faro de Vigo, La Voz de Galicia e Radio Galega pero nin sombra das cámaras nin de xornalista ningún da Televisión de todos os galegos.
Isto provocou a lóxica sorpresa e malestar no departamento do nacionalista que se reafirma na súa "protesta pacífica" contra o medio público, consistente en non enviarlle a axenda de actos, ao tempo que expresa o seu descontento porque a Televisión non cumpre co seu papel promordial de servizo público e non informa do que fai o número dous do Goberno galego.
GALICIA HOXE volveu tentar onte, como antonte, pórse en contacto con algún responsábel da TVG. Tentativa estéril salvo co director de Comunicación e Relacións Externas da CRTVG, Pastor Lorenzo, quen garantiu non ter coñecemento dos feitos e sinalar que entendía que dependía dos xornalistas da Galega cubrir ou non un acto.
Por outro lado, fontes consultadas onte por este xornal explicaron que o grupo de profesionais da TVG que habitualmente cobre os actos do vicepresidente Quintana non recibiu orde ningunha por parte dos seus superiores na canle pública para acudir a Vigo e coñecer de primeira man a visita do dirixente nacionalista ao asilo vigués. Se ben, este xornal tampouco conseguiu a confirmación da orde contraria pero si a sospeita do veto.
En dous anos de Xunta bipartita de PSdeG e BNG, o vicepresidente galego nunca saíu nos titulares dun informativo da Galega, só o fai nas noticias desenvoltas no interior e para iso dun xeito anecdótico relegado ao final do telexornal pouco antes dos deportes.
Un minuto ó mediodía, medio minuto pola noite
Ademais, os actos protagonizados por Quintana, tanto ten que sexan de transcendencia coma non, rara vez superan o minuto no Telexornal Mediodía e o medio minuto no da noite.
Un botón. O martes pasado, 28 de agosto, abriron o informativo coa exhumación de corpos da Guerra Civil, a reunión en Lisboa sobre ETA e unha malleira a un ancián para roubarlle. En titulares destacaron que unha persoa cae desde o tellado da súa casa, os incendios en Grecia, a denuncia do abuso infantil dunha nena en China por práctica excesiva de deporte e a suba dos prezos da pescada.
Logo, no desenvolvemento do informativo deron como primeira noticia a exhumación e, como segunda, un acto do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, con militantes socialistas en Arousa.
Pasaron sete informacións máis, tan transcendentes, sen minusvalorar nada pero a orde de saída revela parte da importancia do contado, como que Caixanova vaise facer cargo de recadar os impostos municipais no Concello de Ourense para evitar roubos como o descuberto hai pouco ou o regreso de dous bombeiros de Paquistán onde foron levar axuda humanitaria.
Despois, como décima noticia do telexornal dedícanlle un minuto ao número dous da Xunta, que acompañado do director xeral de Xuventude, Rubén Cela, foi visitar un dos campamentos de verán de Galicia, en concreto o de Gandarío, que acollen este verán preto de dez mil rapaces galegos.