Martes 26.05.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Comunicación | ![]() |
| Roda de prensa do secretario xeral do PSDEG Manuel Vázquez, onte na sede do partido socialistas FOTO: Fernando Blanco |
O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, propuxo onte a constitución dun grupo de traballo no Parlamento con "representación dos tres grupos", co fin de acordar o modelo dos medios públicos galegos, o seu "novo" marco normativo e o seu director xeral.
En roda de prensa en Santiago, Vázquez recordou o "compromiso" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "acordar" un modelo para a Radio Galega e a Televisión de Galicia, a "redefinición" da súa lei reguladora con base en criterios de "independencia e transparencia" e o seu director xeral.
"Asistimos a un novo incumprimento de Feijóo, quen promoveu unilateralmente ó director xeral -Alfonso Sánchez Izquierdo-", reprobou, á vez que reiterou que "nunca" falou con el desta cuestión para rexeitar a afirmación do máximo mandatario galego de acordar o nomeamento.
Por iso, pediulle que "pare esta farsa", posto que "aínda está a tempo" de "cumprir a palabra que lles deu ós galegos e ós tres grupos". "Se non quere enganarnos a todos, que mande parar e acordamos o modelo dos medios públicos", invitou, tras preguntarse "cal é a présa" que o obriga a nomealo "esta semana".
Ademais, Vázquez concretou que, de levarse a cabo a súa proposta, o novo modelo da CRTVG podería entrar en vixencia "ó longo de 2010" despois de que os tres grupos con representación parlamentaria "poñan os seus nomes encima da mesa" e se tome unha decisión "de consenso" tras definir o modelo do ente público.
Está "no seu dereito" de nomear "unilateralmente" ó director xeral da CRTVG, pero pídolle que "asuma" que o fai "unilateralmente" e que "incumpre a procura de consenso". A maiores, admitiu falar co proposto por Feijóo para o cargo, ó que lle comunicou "que non era un candidato de consenso". Tamén revelou que Sánchez Izquierdo lle dixo que "non asumiría o posto se non había consenso".
Aymerich: "Queren tomar canto antes o control"
O voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, acusou onte o PPdeG de converter a Cámara autonómica "nunha delegación" do Goberno galego para poder aprobar no Consello da Xunta do próximo xoves o nomeamento do xornalista ourensán Alfonso Sánchez Izquierdo como director xeral do ente público e tomar "canto antes" o control da Compañía de Radio e Televisión de Galicia. A través dun comunicado, Aymerich denunciou "posibles irregularidades" na "axilización" dos trámites parlamentarios que, na súa opinión, impulsaron os populares na Cámara galega e que permitirán a comparecencia, o próximo mércores, do director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Roberto Castro, para comunicar a designación.
Segundo os nacionalistas, esta comparecencia púidose axilizar grazas "ao coñecemento previo" por parte da presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, dos asuntos que se van tratar na reunión semanal do Goberno. Aymerich asegurou que, pese ao anuncio realizado este tipo de comunicacións carece "de rango administrativo".
O PP cualifica de artificial a polémica sobre o ente
O voceiro parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, garantiu onte que a nova Xunta levará á Cámara autonómica a reforma da lei que regula CRTVG, un compromiso que, incidiu, o bipartito "asumiu para non cumprir". "Iso é o que lles doe", advertiu e denunciou a "artificial polémica" que, ao seu xuízo, abriron os socialistas en torno á designación do director xeral do ente público.
"Debe ser duro para o PSdeG admitir que a súa etapa de Goberno non se caracterizou polo diálogo que defendeu "de boca para fóra", resaltou Ruiz Rivas para engadir, a continuación, que iso "non lle dá dereito" á formación que lidera Manuel Vázquez para "pactar unha cousa e despois negala", en referencia ao nomeamento do xornalista ourensán Alfonso Sánchez Izquierdo como director da CRTVG.
Mañá abórdase a proposta
A Comisión Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior reunirase mañá para abordar a proposta de director xeral da CRTVG que levará o candidato, o xornalista Alfonso Sánchez Izquierdo.
O xoves podería ser ratificado
Tras a reunión da Mesa do venres 22 de maio, tivo lugar unha publicación extraordinaria no Boletín do Parlamento. Unha vez reunida a Mesa da Comisión Institucional o Consello da Xunta podería ratificalo o xoves.