Xoves 29.07.2010  | Actualizado 18.52      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Comunicación  |  RSS - Comunicación RSS

"Optar polo galego na prensa supón rachar o criterio comercial e axuda á independencia"

18.10.2009 O xornalista, considerado como un das voces máis críticas da actualidade, afirma que a maior trola xamais contada foi a existencia de armas de destrución masiva en Iraq, pero amósase optimista e asegura que "outra información é posible lonxe dos medios hexemónicos"

2.0/5 [1 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

ROSA RODRÍGUEZ . SANTIAGO

O xornalista e ensaísta Pascual Serrano, creador do páxina web de información alternativa Rebelión
O xornalista e ensaísta Pascual Serrano, creador do páxina web de información alternativa Rebelión

No libro "Desinformación. Como los medios ocultan el mundo" o xornalista e ensaísta Pascual Serrano fai un percorrido polos principais acontecementos internacionais dos últimos anos e amosa que o que sucedeu non é exactamente o que nos contaron. O cofundador das web de información alternativa Rebelión (www.rebelión.org) afonda nas principais novas da actualidade e obríganos a reflexionar dun modo crítico sobre o que vemos e lemos.

- No teu libro partes da premisa de que os cidadáns non están informados a pesar de ler ou ver moita televisión. Vivimos nunha gran mentira?

Non me atrevo a dicir que os medios mintan sistematicamente, pero o seu nivel de desinformación, de retorcemnto da realidade, de presentación alterada da actualidade termina co resultado de que vivimos unha gran mentira.

- Que interese teñen os medios en ocultar a verdade. Que gañan con iso?

Non sempre se trata dun ocultamento premeditado e argallado. Isto sucede en moitas ocasións e obedece a intereses empresariais e ideolóxicos concretos, pero noutros casos é a propia dinámica de traballo a que resulta incompatible cunha adecuada información.

- Entón, quen manda nos medios, o poder económico?

Respondería con outras preguntas, que criterios mandan nas fábricas de cadeiras ou de refrescos? Sen dúbida, o diñeiro e a procura da rendibilidade. Por que debería ser diferente na comunicación?

- Son todos os medios igual ou estableces distincións?

Son moi similares os criterios entre os medios privados que necesitan rendibilidade económica para sobrevivir, pertencen a grandes grupos económicos e empresariais, e teñen nos ingresos publicitarios unha parte importante da súa facturación. Cambia cando falamos de medios de propiedade pública ou xestionados por colectivos sociais.

- Pensas que se pode informar con obxectividade sobre algo? Cres que existe?

Non, creo que non existe a obxectividade, nin a imparcialidade nin a neutralidade. E canto menos se utiliza máis se pregoa. Hai tempo que a gran patraña dos medios é intentar crear estados de opinión escudados en dicirnos que nos están informando. O mesmo momento en que se elixe a noticia supón un claro posicionamento. O que se debe reivindicar e esixir é honestidade, veracidade e pluralidade.

- Cal é o acontecemento, de España e do resto do mundo, sobre o que a desinformación foi maior ou que máis che impactou a ti persoalmente?

Foron moitos. Sen dúbida, de relevancia internacional foi a existencia de armas de destrución masiva en Iraq. Logo dixeron que foi a Administración Bush a que enganou, pero iso non exime os medios de responsabilidade e complicidade. Se entre a versión de Bush e a de millóns de persoas, técnicos da ONU e expertos sobre a rexión, os medios difunden de forma preeminente a que resultou ser falsa, é evidente que formaron parte activa da campaña de engano masivo. O conflito palestino-israelí é outro caso de desinformación por falta de contexto e antecedentes, un tema que está todos os días nos medios de comunicación e do que poucas persoas saberían explicar as súas orixes.

- Dise que Obama é unha creación mediática.

Non sei se é só unha creación mediática, pero que contou co seu apoio é indubidable. Agora vimos que nesa campaña pode participar tamén a Fundación Nobel noutra proba de sinerxías das diferentes manifestacións do poder.

- E sobre Afganistán. Sabemos o que pasa alí cos soldados españois?

Nin cos soldados españois, nin cos cidadáns afgáns. Foi primeira páxina a noticia das eleccións presidenciais pero xa se esqueceron os medios ata de contarnos quen as gañou.

- Un dos capítulos do libro leva por titulo "Outra información é posible". É realmente posible?

Si é posible, outra cousa é que poida ser igual de masiva e influente que a das grandes corporacións. Por iso é tan importante desautorizar e deslexitimar os medios hoxe hexemónicos.

- Como se fai para saber o que pasa no mundo sen ter a sensación de que te enganan?

O máis intelixente é utilizar menos os medios diarios que non profundan e recorrer a un libro. Noutras ocasións, buscar autores e firmas que che merezan confianza, informarse supón deixarte en mans dun profesional como cando entras nun quirófano. Así que, como neste último caso, é importante asegurarse da súa honestidade e profesionalidade. Para rematar, non deixar de saber quen son os donos do medio de comunicación.

- Que pensas dos medios de comunicación en Galicia?

Se te refires ós privados, a prensa rexional galega en castelán é similar á do resto do estado, quizais algunha máis importancia á información internacional, conscientes do factor da emigración galega no exterior, o que tamén supón un rumbo ideolóxico a favor dos intereses dese grupo social na súa liña informativa. En canto á prensa en galego observei un fenómeno curioso. Renunciar ó castelán e optar polo galego supón romper co criterio comercial que esixiría non deixar o castelán. Unha vez dado ese salto, sen pretendelo quizais, atópanse en mellores condicións para afrontar os seus contidos con criterios máis independentes do mercado e máis plurais. De modo que descubrín que a autoafirmación dunha lingua terminou acompañada dunha maior autonomía para a selección dos contidos.

AS FRASES

"Creo que non existe a obxectividade, nin a imparcialidade nin a neutralidade. E canto menos se utiliza máis se pregoa. A gran patraña dos medios é intentar crear estados de opinión dicindo que nos informan"

"Non sei se Obama é só unha creación mediática, pero que contou co seu apoio é indubidable. Agora vimos que nesa campaña pode participar tamén a Fundación Nobel"

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS