Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Pastor Lorenzo, director de Comunicación e Relacións Externas da CRTVG, onte nun plató do ente FOTO: GH |
A Televisión de Galicia e e a Radio Galega terán do luns unha nova imaxe corporativa co logotipo ‘G’, en lugar dos ata agora ‘TVG’ e ‘RG’ como parte do proceso de cambio de imaxe e de renovación que pretende ilustrar a identidade da autonomía e os seus valores.
En rolda de prensa nas instalacións da Compañía Radio Televisión de Galicia (CRTVG), que tamén incorpora este novo logotipo, o director de Comunicación e Relacións Externas do grupo, Pastor Lorenzo, expresou a "grande ilusión" do ente, cuxa nova marca "necesitaba unha renovación". Coincidiu con Pastor o director da TVG, Xesús Iglesias, quen asegurou que se trataba "dun lavado de cara" en favor dunha tele xeneralista.
Esta afectará ademais ó portal do grupo, novos platós de informativos, material que identifique a nova marca en coches ou micrófonos, así como novos decorados.
Esta nova imaxe verase acompañada de novos programas na televisión e da continuidade doutros, asegurou Lorenzo.
Este é o caso, segundo informou Iglesias, de Pequeno gran show, Os tonechos, Cifras e letras, Luar, Miraxes, O debate que terá nova presentadora, Ciencia nosa, Libro de Familia e A vida por diante.
Ademais, volverán Os novos, Onda curta, Galicia documental e Pepe o inglés.
Entre as estreas figurará a serie Homes e mulleres ou o reality cultural A casa de 1906, que se emitirá en dúas ou tres semanas os mércores, xoves e venres e no que se poderá observar a convivencia de dúas familias. Polo que respecta ó fútbol, o director da televisión galega manifestou a súa "preocupación" porque os espectadores xa non poden ver o fútbol de Primeira División os sábados pola tarde dada a "deficiencia de cobertura dos operadores que teñen os dereitos". Asegurou que existe unha querela contra Mediapro por este motivo e subliñou que seguirá insistindo "para que o fútbol volva" á televisión galega.